in ,

A Mostra de Cangas dá a coñecer o programa da súa 39ª edición

RODAPRENSA39MOSTRA01 |

A Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) chega este ano á súa 39 edición con máis días de teatro que nunca. Durante 16 días, do 24 de xuño ao 9 de xullo, a vila de Cangas acollerá teatro, danza, coloquios, presentacións, performance e exposicións, todo arredor das artes escénicas e do humor. En total, serán 26 espectáculos dos que se poderán gozar ben no recentemente nomeado Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela, ben nas rúas, prazas e outros lugares habilitados da vila morracense.

A 39 Mostra inclúe este ano 4 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia e 3 coproducións, representando case o 73 % dos espectáculos que se poderán ver no Auditorio e no Pavillón de Romarigo e máis do 4 0% das obras de rúa. Entre as estreas absolutas atópanse Paxaros no cabo (de Pistacatro), un espectáculo de circo contemporáneo e danza vertical concibido para ser representado en polideportivos; Histriónica, da actriz e dramaturga Mónica Sueiro; Somos circo, da compañía galega Desastronauts; e unha peza da Escola de Teatro de Cangas (Días entre lusco e fusco). Destas catro estreas mundiais, dúas son coproducións da Mostra: Paxaros no cabo e Histriónica. A outra coprodución é Amantis, unha obra dirixida por Tamara Canosa que reflexiona sobre as relacións interpersoais entre os nativos dixitais e as xeracións que creceron máis desconectadas de Internet

Ademais destas estreas absolutas, a XXXIX MITCFC ten programadas 9 estreas en Galicia, tres delas de compañías internacionais: Surprise (de Pepe’s Show – Chile), Ameba Teatre co espectáculo de rúa Cataplum (Arxentina– Valencia) e ‘Makers’, Premio Nacional de Teatro en Suíza. Entre as outras estreas galegas atópase Los días ajenos de Bob Pop, un monólogo no que o comunicador Bob Pop narra as súas propias experiencias, nun espectáculo baseado nun libro seu do mesmo título. Outra das estreas galegas é Pas de deux, que xuntará no escenario do Auditorio de Cangas ao Premio Nacional de Danza Chevi Muraday e a Miss Beige, personaxe creado pola performer e actriz Ana Esmith. O espectáculo reúne danza e performance nunha convivencia artística con música de Tchaikovsky.

Ave, osos, outro dos espectáculos que chega a Galicia da man da Mostra, é unha obra onde os personaxes, unha parella de osos aos que unha pomba lles revela que van ser pais, debaten sobre un novo modelo de sociedade e outros modos de vivir o amor e a familia. A 39 MITCFC pecharase o 9 de xullo con Voces que no ves, coa pallasa de referencia internacional Pepa Plana que presenta unha versión feminina do mundo do circo.

Esta nova edición quere ratificar un ano máis o compromiso da Mostra coa paridade entre homes e mulleres en toda a programación. Ademais, quere apostar por un teatro inclusivo e diverso, reflectindo as realidades, inquedanzas, preocupacións e intereses do movemento feminista, do colectivo LGTBI, ou das xeracións máis novas.

A Mostra arrancará o 24 de xuño cunha serie de actos dedicados a Lino Braxe, actor, director de teatro e escritor galego finado en decembro de 2020. A entrada do Auditorio acollerá a exposición Poeta nas ondas, unha mostra que nos descubrirá a súa faceta como pintor, recompilando algunhas das súas pinturas e poemas visuais. A continuación, haberá un acto poético musical na súa honra. A obra que se representará ese día no Auditorio tamén levará o seu selo. Trátase do espectáculo Eurovisión (O Fake show), o último texto teatral escrito por Lino Braxe. Ese mesmo día terá lugar tamén no Auditorio o pregón inaugural, que correrá a cargo da actriz, autora, educadora e tamén directora teatral Clara Gayo.


Publicidade

O 20 de maio saen á venda os abonos para asistir ás funcións que serán representadas no Auditorio e no Pavillón do Romarigo. O importe do abono é de 70 €, o que supón unha rebaixa de 10 € con respecto ao prezo de todas as entradas mercadas de xeito individual (8 € cada unha).

Premio Xiria á Casa-Museo Manuel María

O Premio Xiria ao Labor Teatral desta 39 edición da Mostra será para a Casa-Museo Manuel María. A organización da MITCFC outórgalle este recoñecemento pola creación do Certame de Proxectos Teatrais para Compañías Profesionais, un “excepcional proxecto” que, ademais de promover a produción da obra dramática de Manuel María e contar cunha dotación económica, realiza un complexo labor de pre e postprodución que garante ao proxecto gañador a súa distribución nos moitísimos concellos de Galicia que colaboran co certame. Este premio será entregado o sábado 9 de xullo no Auditorio.

Tanxugueiras, Premio Mulleres en Acción

Outros dos premios relevantes da MITCFC é o Premio Mulleres en Acción. Este ano, este importante recoñecemento será para Tanxugueiras. A organización da Mostra outórgalles este premio ás súas integrantes, Sabela Maneiro, Olaia Tarrío e Olaia Maneiro, “polo impacto social da súa música e do seu discurso, abertamente feminista, que pon en valor e recoñece ás cantareiras e pandeireteiras, artífices do canto tradicional galego, sempre ligado ás raíces e ás mulleres do rural, que transmitiron e legaron un patrimonio cultural coa voz e a pandeireta”.
O trío de pandeireteiras recibirán o premio o 5 de xullo no Auditorio, onde se destacará “o seu compromiso coa linguaxe inclusiva, coa sororidade e coa reinterpretación das coplas populares con perspectiva de xénero”.

O cartel desta 39 edición da Mostra foi deseñado pola ilustradora Laura Pato, máis coñecida no ámbito artístico como Le Petit Patito. Nada en Ourense en 1988 e afincada na Coruña, a artista (arquitecta de formación académica) usa o debuxo como ferramenta de expresión e triunfa nas redes sociais, sendo xa unha referencia no mundo da ilustración.

 

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

producións CDG

As novas producións do CDG falarán de fútbol, Shakespeare e Xohana Torres

Imaxe dunha representación de ‘Crónicas de Ouro’, de Vicus Teatro.

Sobre o teatro nos institutos e a necesidade das artes escénicas