in

As conmemoracións mandan

Alfonso X o sabio. Real Academia da Historia
Alfonso X o sabio. Real Academia da Historia

Que preguiza dan as conmemoracións e todas esas actividades marcadas como efemérides inevitables! Entendo a súa utilidade e necesidade, sobre todo no que atinxe á reivindicación de quen achegou algo á sociedade e que, ao peor, permanece no esquecemento para o común dos mortais. Ese esforzo das administracións públicas por eternizar esas persoas, elevándoas á categoría de arquetipos (representantes dun valor humano universal) e enxalzando a súa historia ao mito, é encomiable, sobre todo, cando recupera do inxusto esquecemento e anonimato a quen axudou a mellorar o mundo alén da súa propia conveniencia.

Porén, as efemérides marcadas pola administración pública tenden a xerar algo parecido a unha moda, un fenómeno que reforza o clasismo meritocrático: ti si, ti non, e apuntala o canon. Contra a utopía da horizontalidade, a pirámide dese olimpo das deusas e os deuses sobre os que recaeu a bariña máxica do calendario e das comisións de sabias/os.

Supoño que os meus receos non veñen só de ter que “obedecer” as pautas dirixistas que se nos marcan desde palacio. Penso que tamén inflúe que, entre as colegas das artes escénicas, tan dependentes, por lóxica, do diñeiro público, as efemérides convértense nunha especie de condición ou garantía de traballo. E escribo “por lóxica” porque, desde o meu punto de vista, as artes escénicas son un ben inmaterial e un servizo público que debe estar financiado polos gobernos. Unha compañía teatral, por exemplo, ten máis posibilidades de ser subvencionada, de conseguir coproducións, funcións e a atención dos medios de comunicación se escolle o tema, a historia ou a personaxe que ese ano está en boga. Nos contextos culturais máis precarios e con menos posibilidades, as efemérides sinaladas desde a administración e as institucións acaban por exercer unha especie de tiranía: todo o que non xire ao seu redor vai ter pouca capacidade de convocatoria e poucas oportunidades.


Publicidade

De maneira parecida vai suceder con algúns temas que están no candeleiro dos debates, como a inclusión ou a diversidade funcional, ou con xéneros e formatos que se volven tendencia cando varias direccións artísticas de festivais importantes lles dá por programalos, véxase o caso do teatro documental, a autoficción, as conferencias-espectáculo, ou o teatro feito con persoas que non son actrices nin actores. Todo o que non entre nesta moda fica nas marxes, contrariando o fomento da pluralidade, a heteroxeneidade e até a emancipación do público. Establécense guías e decídese que é o mellor que podemos ver. A centralidade e as marxes. E as efemérides, que se te acolles a elas, sempre veñen cun pan debaixo do brazo.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

bv feira francos teo 2022 |

A Barraca de Barriga Verde volve ás Festas da Ascensión de Santiago

Arroutadas |

O FIOT de Carballo abre a convocatoria para a sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado