in

A Barraca de Barriga Verde volve ás Festas da Ascensión de Santiago

bv feira francos teo 2022 scaled |
Imaxe da Barraca na Feira de Francos (Teo) en novembro de 2021

As festas da Ascensión, que este ano se desenvolven entre hoxe, xoves 26, e este domingo, 29 de maio, en Santiago de Compostela, contan nesta edición cun protagonista excepcional. Por vez primeira en máis de 60 anos, a barraca de Barriga Verde, o títere tradicional galeo por excelencia, estará presente na Alameda. A Asociación Cultural Morreu o Demo, grazas á colaboración do Concello de Santiago, recupera para a celebración un espazo que durante décadas foi un referente das festas da capital galega.

Nesta nova xeira, o paseo da Alameda acollerá a réplica que a compañía Viravolta realizou da tradicional barraca que a familia Silvent levou durante a maior parte do século XX por feiras e festas de todo o país. Trala súa fachada, que recupera estilo daquel histórico recinto, poderán verse as diferentes versións de Barriga Verde que diferentes compañías de títeres do país teñen en cartel.

Un evento pioneiro

Deste xeito, o público compostelán poderá ver por vez primeira as únicas cinco montaxes de títeres actualmente existentes que teñen a Barriga Verde como protagonista. Monicreques Larei Lará abren o programa na mañá do xoves 26 co seu “Barriga Verde contra o demo negro”, obra que parte dun texto que o escritor Alfredo Conde lle dedicou a esta icona da cultura galega. Viravolta Títeres continuarán o programa co seu “Barriga Verde”, unha aposta pola recreación do espectáculo orixinal que a familia Silvent levou por todo o país con antagonistas clásicos como o cura, o demo ou a Garda Civil. Na tarde do venres 27, Títeres Alakrán representará o seu “Barriga Verde ataca de novo”, no que mantén a esencia da tradición dos títeres de cachaporra co uso da palleta e un único manipulador detrás do escenario. O día 28 será Larraitz Urruzola quen achegue o seu “Dona Barriga Verde”, unha revisión do clásico que conta, por vez primeira cunha protagonista feminina, cuestionando os roles de xénero tradicionais desde o respecto á formas desta forma escénica. Finalmente, o domingo 29 será Títeres Cascanueces quen presente “O baúl de Barriga Verde”, unha adaptación da trama tradicional do personaxe chea de sorpresas.

O programa complétase con outras dúas funcións. Mircromina Títeres, achega a súa obra “A familia unida”, coa que actualiza as propostas dos títeres de cachaporra, na mañá do sábado 28, mentres Monicreques de Kukas, mestura clown e títeres no seu “Xan Perillán compra queixo, compra pan” na mañá do domingo 29.

Títeres de cachaporra

Todas as funcións incluída no programa da Barraca fan parte do xénero do títere de cachaporra. Esta antiga forma escénica, cuxa orixe está datada no Nápoles do século XVI, conta con representantes excelsos en múltiples países europeos. Pulchinella en Italia, Guignol en Francia, Mister Punch no Reino Unido, o alemán Kasper, os Robertos portugueses ou o Don Cristóval español preséntase como irmáns de Barriga Verde, a compartir argumentos, carácter e moitos dos elementos nas súas obras. Mentres noutros países este patrimonio inmaterial mantense vizoso e con pleno recoñecemento social e institucional, no noso país a AC Morreu o Demo, canda a diferentes compañías de títeres, están a dar aínda os primeiros pasos para garantir a supervivencia do representante galego desta tradición internacional.


Publicidade

Os espectáculos, a seguir a tradición da cachaporra, baséanse maioritariamente na comedia física, as persecucións e os conflitos. O protagonista representa un heroe que, ao xeito dos mitos ancestrais, enfronta os máis diversos inimigos e sobreponse aos seus enganos e ao seu poder grazas ao seu valor e á súa retranca.

Barriga Verde

Barriga Verde fíxose o títere galego máis coñecido ao longo do século XX. A familia Silvent, a desenvolver o seu espectáculo por todas as feiras e festas do país, conseguiu unha popularidade inédita, quedando na memoria de xeracións de galegas e galegos que asistiron as súas funcións. A presenza da barraca familiar en feiras como a da Ascensión, a Pascua de Padrón, o San Marcos de Noia, a Peregrina de Pontevedra, o San Froilán de Lugo ou as San Lucas de Mondoñedo entre moitas outras, constituía todo un fito. O personaxe foi reivindicado por persoeiros da cultura do país como Borobó, Vicente Risco, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Trapero Pardo entre moitos outros, e destacou por ser a principal forma teatral que se desenvolveu en galego durante o franquismo.

Asociación Morreu o Demo

A AC Morreu o Demo leva desde 2013 a desenvolver todo tipo de propostas para a recuperación do títere tradicional galego. Entre os fitos do seu traballo está a grande exposición “Barriga Verde. De feria en feira” que puideron ver 11 000 persoas en diferentes localidades galegas e foráneas. Tamén desenvolve, co apoio da Deputación da Coruña, o festival Titiriberia, que cumpre este 2022 a súa sétima edición no Concello de Rianxo, e o programa didáctico Da Barraca á Aula que leva a centros de ensino de boa parte do país coñecemento sobre os títeres tradicionais e ensina ao alumnado a crear e manexar estes bonecos. Canda a isto, diferentes publicacións, vídeos a recuperar testemuños sobre as feiras e os títeres tradicionais ou exposicións didácticas están a contribuír a espallar o coñecemento sobre esta tradición.

Está prevista a visita á barraca de Mary Silvent, neta do primeiro Barriga Verde e custodia dos bonecos e doutro material orixinal da familia, e mais da súa filla Andrea.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ana Abad de Larriva premio abrente

Ana Abad de Larriva obtén a bolsa de dramaturxia da Agadic co proxecto ‘Bailar no ceo’

Alfonso X o sabio. Real Academia da Historia

As conmemoracións mandan