erregueté logotipo
Crónica

Festival Transfronteirizo de Teatro Afeccionado PLATTA La Bañeza 2022

Cada ano, Castela e León é a encargada de abrir esta serie de tres Festivais Transfronteirizos de Teatro Afeccionado (PLATTA), organizados pola Federación de Teatro Amateur de Castilla y León (FETACYL), Teatro do Noroeste-Centro Dramático de Viana-TEIA (Teatro en Iniciativa Associativa), a Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA) e a erregueté.

Para organizar este encontro, a FETACYL atopou varios atrancos no diálogo coa administración debido ao xiro político producido nas recentes eleccións autonómicas de Castela e León. Como consecuencia xorde a inestabilidade, a non consolidación do espazo habitual, pois viña celebrándose nos últimos anos en Zamora e o continuo cambio de datas que dificultou a organización do evento. Estes desaxustes tan importantes non deberían producirse nun festival destas características onde as catro patas que o sustentan teñen que atopar dispoñibilidade nas datas para organizar nas súas federacións as distintas convocatorias dirixidas aos grupos asociados e seleccionar tanto as obras que se van a exhibir como as persoas que van participar nas lecturas dramatizadas. Agardamos que estas dificultades fosen unha casualidade e non se converta nun feito habitual.

Finalmente, o festival celebrouse entre os días 13 e 15 de maio de 2022 nun marco agrícola como é o da localidade leonesa de La Bañeza.

O Festival Transfronteirizo de Teatro Afeccionado é unha mestura de fluídos, un acto de escoita, a unión de tres raíces engarzadas por unha raia que non divide, que une diferentes linguas. Esta unión de linguaxes non é impedimento para a comunicación e o coñecemento, fins inherentes ao ser humano que non pode vivir illado, que necesita de experiencias e relacionarse no medio. A lingua é o vehículo que transita por todas as actividades que se realizan durante a fin de semana, o nexo de unión entre o teatro e a vida. Falaremos a continuación das actividades que se desenvolveron na fin de semana en distintos espazos de La Bañeza.

Espectáculos

A lingua tamén pode dificultar a comprensión do que está a pasar na escena. A lingua pode facer que o público recúe á hora de decidir ver un espectáculo nun idioma que non é o seu polo que supón unha atención extra á hora de seguir a trama. Dicimos isto porque sucede que o público local soe asistir en maior cantidade as obras que están representadas no seu idioma. A mellor elección é a de deixarse levar pola curiosidade, escoitar outras sonoridades e entender o que está a suceder incorporando o movemento escénico.

O lugar onde se deron cita os grupos das tres comunidades participantes foi o Teatro Municipal de La Bañeza, un precioso edificio que consta de platea e dous anfiteatros, obra do arquitecto Javier Sanz, inaugurado en 1930 e rehabilitado por Andrés Lozano en 2011, ano no que abre as portas como auditorio municipal.

O primeiro grupo que pasou por este palco foi Teatro Arcón de Olid de Valladolid, co texto do autor do Século de Ouro Agustín Moreto, El lindo Don Diego, dirixido por Juan Casado que representa tamén o papel de Don Diego. Adentrámonos, pois, no mundo da comedia, da comedia de enredo que xira baixo o eixe dun personaxe principal, o vaidoso, ridículo egocéntrico e tamén divertido Don Diego, que vive no seu propio mundo e parece que é o único que non se decata de tan alta soberbia. A historia comeza co desexo de Don Tello de casar a súas fillas, Inés e Leonor con dous sobriños, Don Diego e Don Mendo, primos entre si. O conflito desenvólvese cando Inés e Don Juan, o seu namorado, opóñense á decisión do pai ante ese matrimonio coa axuda de Mosquito e Beatriz, criados de Don Tello, que tratan de impedir a unión. Deste xeito, os enredos están servidos. Un espectáculo divertido e dinámico no que destaca, aparte da interpretación esaxerada deste tipo de comedias, a participación Mosquito e Beatriz que abordan os seus personaxes desde a estilización da Comedia da Arte. Tamén destaca o vestiario de época no que algúns traxes están inspirados nas Meninas de Velázquez.

O sábado tocoulle a quenda ao grupo Ecos de cena, de Viana do Castelo, que interpretou Maldita democracia, de María Meixeiro. A peza non se pode desenvolver por mor da folga que fan os actores e actrices no día da estrea. Amosa a metateatralidade cando o director ten que xustificar a ausencia do elenco e anima á platea a subir e cubrir as vacantes para que eses personaxes agochados no público interpreten a obra a modo de ensaio. Unha divertida comedia que amosa os fígados do teatro.

Finalmente, o domingo, a Asociación Teatral Paso de Valverde de Arteixo, realizou un bonito espectáculo con sombras chinesas para toda a familia. Alén é unha fábula que conta a viaxe iniciática de Chuquiño, que vai na procura do seu tío Raimundo e visita moitos países e culturas diferentes. Con esta obra, Paso de Valverde adéntrase no mundo das sombras e explora a unión das siluetas pegadas á pantalla con proxeccións que serven como fondo dos lugares que visita.

Mesa PLATTA

Durante estes días tamén foron programadas unhas mesas de traballo das que saen as liñas a seguir na organización dos próximos festivais que se van realizar en Nigrán os días 17, 18 e 19 de xuño e en Viana do Castelo entre o 16 e 18 de setembro. Parte destas reunións dedicáronse a poñer ao día á nova directiva da FETACYL que se estreaba coa organización deste festival transfronteirizo, representado por Luis Cuesta e Mar del Río, que tamén xestiona a web da federación castelán-leonesa, ambos do grupo de teatro TriNomio, de Salamanca, aos que lle damos os parabéns de benvida.

Na PLATTA hai un afán por integrar e buscar actividades que desenvolvan a participación e a fusión. O máis salientable foi o acordo para realizar, a partir da próxima edición que se vai realizar en Nigrán, a convocatoria dun curso de formación, no que poidan participar os actores e actrices das tres rexións e tamén da localidade onde se realiza. Acordouse tamén, potenciar as convocatorias para que teñan unha maior visibilidade no espazo amador.

Lecturas dramatizadas

Despois de ensaiar o venres e sábado, o domingo é o día das lecturas dramatizadas dun mesmo texto escrito en galego, portugués e castelán. O texto gañador do II Premio Platta de Teatro Breve-Castilla y León, convocado pola erregueté foi Voces en el limbo, de José Dominguez-Bueno, un actor, director e dramaturgo galego que emigrou de pequeno a Venezuela e desenvolveu a súa carreira artística en Caracas participando en de formacións de vangarda como Autoretrato, e tamén no Ateneo de Caracas ou o grupo Rajatabla, ademáis de facer cinema e televisión. Esta actividade desenvolveuse no Centro Cultural de las Tierras Bañezanas.

As lecturas dramatizadas teñen a particularidade de ser interpretadas por actores e actrices que non están afeitos ao idioma que lles toca ler. Deste modo, o texto en portugués foi dirixido por un portugués, Alexandre Calçada e lido polo elenco galego composto por Cristina Andreetti, Anuska González, Yuyi Bastida e José Angel Camba; o texto en galego foi dirixido por María del Carmen Gaiteiro e representado polo elenco castelán-leonés composto por Amalia Prado, Felix Nieto, Juan Puga e a mesma directora; finalmente o texto en castelán foi dirixido por Pilar Asensio, coa axuda de Luis Sánchez e representado polos portugueses Ana Sousa, José Sousa, Luís Pinto e Fabiola Sousa. Tres lecturas diferentes que fan deste evento un feito único.

Queremos agradecer a Cimbalaria Teatro o seu apoio pola cesión do material técnico necesario para desenvolver con normalidade as lecturas dramatizadas. Este grupo, xunto con El Templete Teatro teñen a súa sede no concello de La Bañeza e forman parte da federación da FETACYL. Tamén agradecer a súa participación a José Luis del Riego, concelleiro delegado de Cultura, Relacións Internacionais e Turismo que nos acompañou en todos os actos e mostrou interese polo que estaba acontecendo. Dicir tamén que nesta localidade desenvólvese o Certamen Nacional de Teatro Amateur de La Bañeza, que vai pola décima edición.

*As imaxes do artigo son de Pablo Iriarte

Compartir

Última publicación: Erregueté #103

PUBLICIDADE

Recibe a túa revista en papel Erregueté na casa

Por 24 euros ao ano recibirás dous números da revista + 2 libros