Un rapaz, vestido de verán en amarelo, en posición de meditación ióguica fronte ao mar de butacas do teatro, converte, por convención xeral, o escenario nunha praia. Tras el unha paisaxe humana semella un grupo escultórico. Na descrición paradisíaca da paisaxe mariña, que enuncia ese rapaz, cóanse os plásticos, as cremas, o petróleo, a contaminación.
Así comeza Yellow Lemon de Xián Martínez Miguel, unha peza de danza contemporánea estreada no teatro Tangente Danse de Montreal, o 25 de maio de 2022.
Xián amosa aquí a súa capacidade para facer unha coreografía con tanta forza visual como dancística, para un elenco moi numeroso. Vinte dúas bailarinas/bailaríns a xerar un espazo dúctil, moi pictórico e ordenado, nos cadros iniciais e finais; humorístico, desenfadado e colorista na festa; lisérxico na secuencia da rave… Unha masa humana, anónima, diversa, que nos fai sentir a delicia da xuventude e da humanidade, pero tamén a saturación. A raza humana a dominar o planeta. O escenario cheo pode espertar facilmente esa analoxía co turismo que abarrota os lugares naturais. Desfrutar por riba dos danos que iso poida causar ao medio ambiente.
Non obstante, Yellow Lemon non é unha peza de danza con mensaxe, nin tenta retratar ao ser humano como unha praga que arrasa. O elenco danzante, ante todo, celebra a vida e clama pola beleza e a plenitude. Ese selo xa estaba en Pioneiras. Incluso me atrevería a dicir que, aínda que eu só puiden ver o espectáculo nunha pantalla, na gravación para a retransmisión online, hai secuencias nas que o elenco é mar, é vento, é xesto ritual de esconxuro, nas carreiras circulares e nas espirais da penúltima escena.
Luminosidade lateral e atmosfera cargada. Cargada de xente. Soa o mar e algúns chíos de gaivotas por baixo da música electrónica. A coreografía fai chiscadelas aquí e acolá, nun xogo de intermitencias moi fermoso, en combinacións fascinantes de movemento e estatismo en diferentes elementos do grupo. Isto xera un efecto óptico moi atractivo e un xogo con ese espazo coral.
Luz cenital azul cobalto case lila, de tons nocturnos e movemento desafiante e acrobático, con moito aire.
Soa un piano entre as ondas, apaixonado, e na penumbra cálida da beiramar escénica remata a peza, con movementos de solpor nos corpos, mentres un bailarín vai colocando unha especie de barreira de protección/contención no proscenio, con chaquetas e roupas fosforescentes, das que se usan nas emerxencias. Remata a peza cunha longa e efusiva ovación do público.
Ese amarelo do vestiario, composto por traxes de baño, camisas floridas, bermudas, etc. vai alén da cor cara a unha danza cítrica, na que os matices críticos son como un resaibo no fondo do padal, sen impoñerse nunca ao goce exultante do baile. Unha danza cítrica fresca e vitamínica, que se bota en falta nos escenarios galegos.
- O corpo a vontade e o ser - 16/11/2025
- Quincegotas. O extraordinario está nas pequenas cousas - 02/11/2025
- O porvir xa está aquí, nos escenarios - 26/10/2025



