in

Pioneiras

'Pioneiras | The Power of Women'. Fotos de Blanca Razquin
'Pioneiras | The Power of Women'. Fotos de Blanca Razquin

Women Have the Power

Remata a programación de Vigocultura no Auditorio do Concello de Vigo a súa tempada de 2021 coa presentación de dúas pezas que falan do universo feminino, Chicas y chicos (El Sol de York) e Pioneiras/The Power of Women (iXa Universos de Movemento), dentro dos actos organizados en torno ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, e máis a peza Las Cotton, de Anita Maravillas & Portal 71, unha peza de teatro familiar coa que se pecha, ademais, a estupenda dobre programación dos domingos.

Compre salientar o enorme esforzo que dende a programación cultural do Concello se fixo a prol do teatro e, ademais, do teatro galego, con non menos de dez producións na nosa lingua, dentro das 22 programadas no auditorio olívico. Para x consumidorx de teatro, esta cifra semellará sempre escasa mais o certo é que este ano tivemos un maior número de compañías que en edicións pasadas, cun abano de oferta para públicos moi diversos. Sendo o Auditorio do Concello o único espazo público que cobre a vida da cultura escénica da nosa cidade (xa que o famoso Mar de Vigo non o fai e non é máis ca un enorme espazo baleiro de contidos), animamos dende aquí á rexedoría da cidade a continuar apostando polas artes escénicas dentro da súa programación cultural. As cifras cantan, e o Auditorio estivo sempre cheo e cun público entregado ás diversas propostas do cartel, polo que agardamos que as luces do Nadal permitan agromar unha realidade necesaria para a cidade os 365 días do ano.

O sábado 27 de novembro foi o momento de que Vigo puidera atender á estrea na cidade de Pioneiras/The Power of Women, unha peza ideada e coreografada polo tamén vigués Xián Martínez, un novísimo bailarín que tivo que marchar a formarse a Madrid e alí xuntou un grupo de colaboradorxs cos que naceu iXa, a compañía na que se xestou esta peza e as outras dúas que compoñen a triloxía coa que exploran o universo feminino e feminista: Inmarcesible e Raíñas.

Malia o bo momento que está a vivir a danza galega, o certo é que non existe aínda unha infraestrutura que lle poida dar acollida tanto xs creadorxs como ás diversas creacións que nacen na nosa terra. Así, coreógrafxs e bailarínxs como Paula Quintas, Clara Ferrao, Andrea Quintana ou o mesmo Xián Martínez, por poñer só uns cantos exemplos, teñen que marchar da nosa terra para poder vivir con dignidade do seu traballo. Certo é que propostas como Corpo(a)terra, 6 Coreógrafas, o festival Catropezas, o TRC Danza de A Coruña ou o proxecto Cara a unha escena plural, tentan por remedio a esta situación, pero non é abondo para o número e calidade das propostas que agroman na nosa comunidade.

Será por iso que non tivemos ocasión de ver o traballo de Xián Martínez ata o de agora en Galicia. Sendo Pioneiras/The Power of Women unha creación do ano 2020, non foi ata o pasado 24 de novembro que a peza chegou aos nosos palcos, grazas á súa estrea no Teatro Principal de Ourense.

Como dicimos, Pioneiras/The Power of Women naceu no ano 2020, a partires dunha suxestión da bailarina Sayoa Belarra ao seu colega Xián Martínez dentro do marco das residencias de do Festival de Danza de Navarra, o DNA’20, e que foi creada en colaboración estreita e constante con todo o elenco elixido para a ocasión. Pechaban así unha triloxía comezada no 2017 coa peza Raíñas, centrada na temática feminista.

Mais, que é iso da “temática feminista”? Se cadra o mesmo título da peza nos poida aclarar calquera dúbida ao respecto: Pioneiras, porque son as primeiras, tanto os referentes que a compañía utilizou para a creación da peza, como as mesmas bailarinas que a compoñen, pioneiras cada unha dunha carreira e aventura vital única e persoal. The Power of Women porque o celme da peza é o apoderamento feminino.

É triste ter que estar a falar aínda da necesidade do apoderamento feminino, mais o certo é que a realidade na que vivimos fai aínda difícil que unha rapaza acade as mesmas oportunidades que un rapaz, e moito menos ao mesmo tempo. Así, Pioneiras/The Power of Women pon en escena un grupo de mulleres que traslada as dificultades de nacer e vivir nun mundo heteropatriarcal que nega dende os seus alicerces a natureza feminina na súa potencia, algo que a peza traslada a través de cintas e atrancos cos que as bailarinas teñen que lidar para poder chegar a algures. Onde? Á súa liberación do xugo machista. Un xugo no que todxs participamos, como ben mostran os intres nos que as bailarinas compiten entre si para tentar que as outras sigan polo mesmo rego represor.

A peza é fundamentalmente simbólica, con tres partes diferenciadas, nas que seguimos a evolución da feminidade castrada ata a súa liberación final e, coa mesma, a asunción e desfrute da súa natureza. Esta mesma evolución está acompañada dun universo musical creado por Fernando Martínez de Careaga, quen compuxo o espazo sonoro da peza ao tempo que esta se ía xestando.


Publicidade

Observar a evolución dos corpos mentres escoitamos o discurso de Madonna cando lle deron o premio á Muller do Ano 2016, é tan máxico como rebelde, tendo en conta que a cantante italoamericana é tanto un referente como unha figura deostada polo movemento feminista internacional. A contribución da atmosfera onírica, xerada fundamentalmente pola iluminación ideada por Álvaro Estrada, fai que como público coloquemos a peza nun espazo indeterminado, que pode ser calquera espazo.

Mención a parte merece o corpo de bailarinas, auténtico motor da peza dende a súa xénese a través dos propios materiais aportados ou da revisión das propostas dadas dende a dirección. Neste senso, a peza é tan de Ana como de Kateryna, Sayoa, Mariona ou Paula, por citar só algún dos seus nomes.

Non fai falta nada máis para entrar neste universo habitado por bailarinas que se converten en auténticas atletas, habida conta da intensa fisicalidade da proposta (algo do que nos demos realmente conta durante o coloquio posterior á peza, cando as puidemos ver cansas do esforzo).

Un esforzo sinalado tamén na mesma factura da peza, que evolucionou dende un primeiro momento como unha creación para cinco bailarinas, ata as nove que puidemos ver o pasado sábado en Vigo. Este cambio de formato responde tamén á mesma ambición da compañía, que pensa en grande e non se conforma con menos. Unha aposta que poucas compañías son quen de asumir hoxe en día, e na que vai parello o risco consecuente.

Non semella Xián Martínez quen de arredarse ante os desafíos, e así o acompaña o seu equipo, que realmente parece máis unha familia capaz de acoller e arroupar tanto os riscos como as ilusións. Así, malia o cansazo da proposta (que tiveron que ensaiar en catro días intensivos para poder acoller ás novas incorporacións do elenco), xa están pensando en novos proxectos, tanto no conxunto como por separado.

Se cadra sexa Pioneiras/The Power of Women a verdadeira pioneira, unha primeira peza de moitas por vir, e tamén unha proposta co poder suficiente para chegar a cantos escenarios se propoña. Mais o certo é que, polo de agora, a xira galega da compañía componse só de catro datas, sendo as derradeiras os vindeiros 3 e 4 de decembro en Ferrol e Vimianzo, respectivamente. Un número de datas a todas luces insuficiente para que a peza poida ter un percorrido digno.

A nosa pregunta vai cara a estoutros escenarios:  A que estamos agardando para programar danza?

Dirección artística e idea orixinal: Xián Martínez

Coreografía: Xián Martínez e intérpretes

Elenco: Ana F. Melero, Sayoa Belarra, Mariona Jaume, Kateryna Humenyuk, Paula Urquijo, Araitz Lasa, Paula Quintas, Tania Velo, Elena Castellanos

Repetidora: Sayoa Belarra

Asistente coreográfica: Kateryna Humenyuk

Escenografía: Xián Martínez

Vestiario: Paula Barcia e Manuel Escurís

Deseño de Iluminación: Álvaro Estrada

Técnico de Iluminación: Fermín Izko

Espazo sonoro e Asesoría creativa: Fernando Martínez de Careaga

Fotografía: Blanca Razquín

 

Auditorio do Concello de Vigo. 27 de novembro de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Elahood Festival DZM |

As coreografías de Alejandra Balboa, Elahood e Marcia Vázquez foron premiadas no Festival DZM de Cáceres

Figuras do limiar

O Centro Coreográfico Galego estrea as coproducións ‘Credo’, ‘Tabú’ e ‘Figuras do limiar’