A inauguración do X Festival Atlántica vaise celebrar mañá, xoves 30 de xuño, en Santiago de Compostela e vai estar protagonizada por Paula Carballeira e Quico Cadaval no escenario que se vai instalar no Parque de Bonaval para celebrar co público os ‘10 anos do mar de contos’. Será a partir das 21:30 horas e con entrada gratuíta. As cadeiras están esgotadas desde hai un par de días pero é posible acceder ao espazo e sentar na herba ou levar un asento propio.
Antes dese acto oficial están previstas outras actividades repartidas pola cidade. A primeira cita será ás 11 da mañá no CSC das Fontiñas onde o galego Dani Blanco levará as súas ‘Historias desde o outro lado da raia’, unha escolma de contos dirixida ao público infantil e familiar.
Xa pola tarde, ás 19 horas, os bebés de entre 0 e 3 anos teñen unha cita con Cris Collazo no Parque de Bonaval e ‘Son de berce’. Un chisco máis tarde, ás 20 horas, será a quenda dunha ‘Romaría’ artellada entre Celso Fernández Sanmartín e a Banda Municipal de Música de Santiago na Praza de Praterías.
Ademais, o concello veciño de Teo tamén recibirá un espectáculo do Festival Atlántica. Trátase de ‘Dois dos montes’, dos portugueses Vítor Fernandes e Estefânia Surreira que actuarán na Carballeira da Tomada, en Calo, ás 21:30 horas.
Multisede
A actividade do festival en Santiago continuará ata o vindeiro 9 de xullo e incluirá un total de 31 espectáculos dos 94 previstos en toda Galicia. Esta intensa programación na cidade é posible grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Santiago.
Mais Atlántica tamén vai desenvolver a súa actividade noutros lugares espallados polas catro provincias galegas. De feito, outras dúas sedes acollerán mañá espectáculos do festival. A primeira delas é Ferrol, onde a colombiana Carolina Rueda brindará dúas funcións, unha para público infantil e familiar e outra para adultos, na Biblioteca Municipal. O segundo lugar é Outes, onde a galega María da Pontragha tamén ten previstas dúas funcións para nenos e maiores na Praia de Broña.
Alén diso, nesta edición tamén haberá actuacións nas localidades de Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Paderne, Zas e Padrón, ademais de Santiago de Compostela, Ferrol e Outes.
Punto de encontro
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo inicial era indagar nas raíces das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Co paso do tempo este obxectivo ampliouse coa incorporación da rede de festivais do atlántico e a interacción do patrimonio inmaterial das historias co patrimonio material e cultural de Galicia. Na actualidade, Atlántica presenta unha identidade propia e singular que o converte nun referente dentro dos encontros de narración oral da Península Ibérica e da América Latina.