A XLIV Mostra de Teatro Galego de Cariño celebrarase do 12 ao 19 de agosto e, aínda que a mostra non parara pola pandemia, nesta edición recuperará o seu formato de festival habitual en canto a duración, cabida e organización.
As compañías teatrais de público infantil e adulto actuarán durante unha semana en diferentes espazos do municipio: o auditorio municipal, a Praza do Campín, A Porta da Pulida, a Praza Roxa e de modo itinerante polas rúas do municipio. O teatro na rúa será de acceso libre e gratuíto.
Programación
O día inaugural, venres 12 de agosto, a programación comezará ás 12 horas, con ‘O folión do zampón’, unha representación itinerante de Fantoches Baj, que deixará paso ao acto oficial de presentación nos exteriores da casa do concello, momento no que se entregará o premio do público e o premio do público infantil da pasada edición á Companhia do Chapitô e a súa obra ‘Napoleão ou Ou complexo de épico’ e Teatro Ghazafelhos con ‘Rubicundo’. Ademais, como colofón, ás 20:30 horas na Praza do Campín haberá o espectáculo de Fran Sieira, Compañía de Danza, ‘Coreografías dun Demente’.
A fin de semana estará dedicada ao teatro na rúa. Así, o sábado 13 de agosto poderán presenciarse, de forma gratuíta, a obra ‘As minas do Rei Salomón’ de Teatro Ghazafelhos (Porta dá Puída, 11:30 horas), o concerto ‘Gozar, sentir, bailar’ de Quinkillada (Campín, 13:15 horas) e a obra ‘Back 2 Clasiccs’ de Planeta Trampolín (Campín, 20:30 horas). O domingo, 14 de agosto a obra itinerante ‘Circo Krasnovarak’ de Troula Animación percorrerá as rúas do municipio (11:30 horas), haberá un concerto da Banda do Verán (Campín, 13:15 horas), e representarase a obra ‘Entre Nous’ de Cirque Entre Nous (Praza Roxa, 20:30 horas).
O luns 15 de agosto comezarán as obras de teatro para público infantil (sempre ás 12 horas) e para todos os públicos (sempre ás 22:15 horas) no Auditorio Municipal. Ese mesmo día Caramuxo Teatro interpretará ‘A meniña que vivía nunha Caixa de mistos’ (12 horas) e A Panadería traerá ‘As que limpan’ (22:15 horas).
O martes 16 de agosto será a quenda para ‘Rosalía’ de Culturactiva Producións (12 horas) e ‘Despois das ondas’ de Butaca Cero (22:15 horas). O mércores 17 de agosto para ‘A cazola de Lola’ de Tanxarina (12:00 horas) e ‘Smoke on the water’ de Ibuprofeno Teatro (22:15 horas). O xoves 18 de agosto para ‘Cubo’ de Elefante Elegante (12 horas), o recital poético ‘Volátil’ de Paulo Mestre & Constance Hurlé (20:30 horas) e’ ‘Morte accidental dun anarquista’ de Talía teatro (22:15 horas). A Mostra clausurarase o venres 19 de agosto con ‘A nova historia da Cigarra e a Formiga’ de Teatro da Estada (12 horas) e ‘Cigarreiras’ de Contraproducións (22:15 horas).
Os prezos para as obras que se representarán no auditorio son 1 euro para o teatro infantil e 5 euros para o adulto. Hai tamén dispoñible un bono de 20 euros que permite a entrada a todas as funcións da noite
Obradoiros previos
Como vén sendo tradicional en días previos á Mostra, o Concello de Cariño programou un obradoiro relacionado co evento. Neste caso, o 10, 11 e 12 de agosto celebrarase o taller de creación escénica de Ibuprofeno Teatro. Será no Auditorio Municipal entre as 10 e as 14 horas e está dirixido a persoas maiores de 12 anos. As inscricións abriranse o martes 26 de xullo e poderán formalizarse ata o xoves 4 de agosto.
Programa XLIV Mostra de Teatro Galego de Cariño