in ,

O público premia as marxes na 38ª MIT de Ribadavia

Encontro interxeracional artes escénicas
1º Encontro Interxeracional das Artes Escénicas. Imaxes de Rosiña Rojo | MIT de Ribadavia

A Mostra Internacional de Teatro, MIT, de Ribadavia, vén de dar a coñecer que o Premio do Público deste ano foi para Hamlet, da compañía peruana Teatro La Plaza. O público concedeulle un 4,78 sobre 5. De preto e en segundo lugar quedou o espectáculo DeMente, cun 4,68 e en terceiro posto La Infamia, cun 4,42. Dentro das valoracións finais feitas pola mostra arredor desta edición sinálase que implicación do público se comprobou tamén nas porcentaxes de votación ao finalizar a representación, que se viu notablemente incrementada con respecto a anteriores edicións.

Nesta 38ª edición, que estivo centrada nas marxes, na inclusión e na memoria, tamén contaron con moita participación os foros da MIT, que se realizaron todos os días despois de cada función no Patio do Museo Sefardí con cabida completa. Dentro das actividades paralelas, a MIT tamén destaca a relevancia e transcendencia social e profesional que tivo o 1º Encontro Interxeracional de Profesionais das Artes Escénicas de Galicia, moderado por Ana Abad de Larriva e no que participaron Eduardo R. Cunha, Tatán; Casilda Alfaro; Carlota Mosquera; Eduardo Alonso; Diego Chamizo; Jorge Rey e Sergio Marey. No encontro, celebrado no Patio do Museo Etnolóxico de Ribadavia e tamén con cabida completa, produciuse “un memorable espazo de convivencia, reflexión e propostas para unha mellor relación profesional nos procesos de creación entre as novas compañías e profesionais e as máis veteranas”. Deste 1º encontro sairán unhas conclusións que serán trasladadas ás administracións competentes para impulsar actividades e prácticas que favorezan a inserción, mentorización, reciclaxe profesional do sector e optimización dos recursos para o ben común.

Na análise final e valoración tanto dos aspectos positivos coma dos asuntos que cómpre mellorar despois desta 38ª edición, a MIT tamén constata a relevancia dos espazos SputMIT e Ruadavia como un lugar para o fomento das artes de rúa, “que se verán incrementadas cara a futuras edicións na medida do posible”. Ademais, anuncian que os espectáculos nocturnos e itinerantes iranse incorporando unha vez pasada a recuperación das restricións da pandemia polas rúas e prazas de Ribadavia. E, por último, outro aspecto no cal a organización indica que seguirá traballando “ten que ver coa confortabilidade do público no Auditorio Rubén García do Castelo, unha vez instaladas as butacas con cabida completa, para que a experiencia se vexa acompañada pola calidade do programa e a beleza do entorno”.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Naxos Corufest

Naxos I. Drama en tres lamentos e un par de actos

Pura y Fachada

O Salón Teatro do CDG acolle unha mostra aberta de ‘Ser, estar, parecer: atributos do verbo artístico’