in ,

Naxos I. Drama en tres lamentos e un par de actos

Naxos Corufest
CoruFest 2022

Da terra asoballada

Dentro do marco de presentacións teatrais do CoruFest deste ano, tivemos ocasión de asistir á estrea en Galicia da primeira parte da Trilogía de Naxos, proposta da escritora e activista (e eu engadiría filósofa) feminista e LGTBI Brigitte Vasallo.

A peza orixinal estreouse en outubro do 2020 en catalán, dentro do Festival Escena Poblenou de Barcelona, e presentouse agora na Coruña por primeira vez en galego, como un “drama en tres lamentos e un par de actos”. Realmente, pouco sabiamos da peza que iamos ver, agás a mestura dunha historia propia co mito de Ariadna e o emprego de material documental.

O fío de Ariadna axuda a entretecer unha mestura de teatro documental e autobiográfico, xa que a figura da lendaria moza, abandonada na inhóspita illa de Naxos por un Teseo que miraba xa cara a outras metas logo de matar o minotauro, serve de referente para todas as mulleres que aparecen referidas, todas elas obrigadas a emigrar das súas terras natais cara a outras máis prósperas polas duras condicións da vida na aldea na España da segunda metade do século XX.

Publicidade

A figura da txarnega, insulto con que se denomina ás emigrantas do territorio español en Cataluña, aparece reivindicada nesta peza como sinónimo de orgullo. Unha especie de memoria histórica que nos fala xa non dos ósos agochados nas cunetas, senón das mulleres que ficaron dentro das casas, vítimas igualmente do totalitarismo que as mantivo silenciadas, desarraigadas e coa idea de que o seu, o propio, a súa herdanza, era algo a desprezar.

Así unha das testemuñas máis conmovedoras da peza fala da súa avoa, á que ela tiña por unha muller afastada e silenciosa ata que descubriu que era unha gran contadora. Cuestionada de por que a ela nunca lle contara un conto, a muller respondeu “porque eu non sei contar en castelán”. Unha frase tan contundente como para facernos reflexionar sobre o asoballamento cultural, o desprezo ao patrimonio, á tradición rural, fronte a un pseudo progreso que non é sostible se non está afianzado sobre o respecto ás súas raíces.

A reflexión sobre os efectos do autodesprezo e a imposición dun modelo de sociedade moi particular, desconectado das súas orixes, chega ata os nosos días e a nosa relación co rural no presente, visto como un lugar do que hai que tirar rendemento económico inmediato, facendo negocio do despoboamento mentres se plantan muíños eólicos a mantenta, sen reparar no impacto ecolóxico, social e cultural que este modelo de sociedade empresarial ten para nós.

A propia Vasallo, nacida en Barcelona filla de emigrantxs galegxs, fala en primeira persoa do efecto que sobre ela, sobre a súa nai e sobre a súa terra de orixe ten este modelo. Ela é unha Ariadna, abandonada por un sistema insostible, que non pide xa reparación, senón vinganza. A súa fartura resoa no patio de butacas como un berro dramático, tan tráxico coma o da propia filla de Minos.

A feitura do espectáculo, dirixido por Gena Baamonde, mestura, como dixemos, o xénero documental e autobiográfico, cunha narradora omnisciente que fala tanto en primeira persoa (a propia Brigitte Vasallo) como a través dos testemuños das fillas e netas destas mulleres emigradas.

Isto fai que a maior parte do tempo asistamos, como espectadorxs, a unha exposición de feitos máis achegada ao relatorio que á representación teatral. Mesmo a parte dos testemuños, resolto a través de proxeccións superpostas das videoconferencias coas mulleres entrevistadas (un espazo audiovisual nas mans de Laura Iturralde), é unha exposición máis que unha dramatización, o que redunda no impacto documental da peza e ralentiza o ritmo, algo se cadra tamén preciso para que o público vaiamos asimilando a información que se nos presenta.

Inserida na primeira parte, unha Ariadna interpretada pola actriz Concha Milla serve de contraste grazas á teatralidade da súa intervención. Mesmo sendo tamén un monólogo, o ritmo emocional empregado pola actriz catalá na súa parte serve de elemento dinamizador do conxunto, ao tempo que o personaxe se constrúe como un novo mito, referente das emigradas que, ao abandonar a súa terra, tamén se abandonaron a si mesmas.

O común é o descoñecido. Ariadna ficou namorada do descoñecido, do estranxeiro, e abandonou a súa terra para morrer abandonada nunha illa deserta. As emigradas das que fala Naxos I esqueceron o seu pasado elixindo non falar del, mirando cara a un futuro esperanzador como Ariadna miraba cara ao horizonte, agardando ver o barco de Teseo volver por ela.

Son agora as fillas, as netas desas mulleres, as que desenterran o desprezado unha vez comezan a interesarse polas súas nais, polas súas avoas, e preguntan e pescudan e viaxan de volta cara a esas orixes desleixadas, reivindicando non só ás mulleres que as trouxeron ao mundo, senón toda unha herdanza de antergxs que ao mundo de hoxe xa non lle importa lembrar.

Publicidade

Publicidade
Publicidade

Naxos I. Drama en tres lamentos e un par de actos, Cia. Biguette Ballasco

Unha peza de Brigitte Vasallo

Dirección: Gena Baamonde

Intérpretes: Concha Milla, Brigitte Vasallo

Dramaturxia: Gena Baamonde, Brigitte Vasallo

Textos: Brigitte Vasallo

Deseño de luces e Vídeo: Laura Iturralde

Vestiario: Job Polari

Teatro Colón, A Coruña. 28 de maio de 2022.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

La infamia. Fotografia Rosina Rojo MIT Ribadavia |

La infamia | 38ª MIT Ribadavia

Encontro interxeracional artes escénicas

O público premia as marxes na 38ª MIT de Ribadavia