Ferrol é a cidade elixida para a estrea absoluta de Inventio, o novo espectáculo de gran formato con ilusionismo, danza, artes circenses e música inspirado no Camiño de Santiago. Esta creación vaise presentar ao público por primeira vez no Teatro Jofre o 30 de setembro, ás 20.00 horas. A peza permanecerá en Ferrol ata o 2 de outubro, onde brindará un total de cinco funcións antes de comezar a xira polo resto de Galicia e localidades seleccionadas de España e Portugal.
Ilusionismo, levitacións, equilibrios, malabares, números aéreos, animación audiovisual, composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos… Todo isto e moito máis é Inventio, un espectáculo para público familiar que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Unha experiencia sensorial a un ritmo vertixinoso e con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca “unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir”. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, o traballo recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento, “nun camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade”.
Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses. Á fronte da dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario.
A estrea en Ferrol será o comezo dunha intensa xira que vai percorrer os principais escenarios galegos e mais outros espazos de España e Portugal. En total, Inventio recalará en doce puntos da xeografía ibérica ao longo dos meses de setembro do 2022 e xaneiro do 2023. Polo de agora están anunciadas as funcións de Santiago de Compostela (7-9 outubro), Salamanca (28-29 outubro), Lugo (4-5 novembro), Pontevedra (11-13 novembro), Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro), alén dos espectáculos en Ferrol. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.
A historia de Inventio
“Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos”.
Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.