in

Focos, semiótica e outras formas de intromisión

Imaxe creada con Intelixencia Artificial a partir dun gravado de The Minstrel Show.

Existen varias semellanzas entre as circunstancias artísticas que rodearon a vida americana dos anos 20 coas que estamos a vivir na actualidade. Aquela sociedade sobreestimulada do ragtime, do florecemento do jazz e do musical como xénero escénico de negocio, que un produtor soubo explotar a comezos do século XX a través dos blackface dos minstrel, xéneros escénico-musicais que lles amosaban á sociedade hedonista da urbe a vida dulcificada dos escravos negros nos campos a través de postas en escena efectistas con artistas brancos pintados de negro facendo torpezas graciosas, deron pé ao fortalecemento do show business como fórmula perfecta para esa sociedade que nos anos 20 precisaba máis ca nunca, no medio das trubulencias socioeconómicas que derivarían no crack do 29, de superación, novidade e saturación.

En certo modo, aquela vida dos produtores en busca de oportunidades semella ser o novo estilo de vida política de certos políticos ou institucións na súa relación coa arte e a cultura hoxe. Alcaldes, directores xerais, (vice)presidentes, conselleiros e secretarios chantados nun contrato artístico para saíren de teloneiros, facendo un cameo na radoxe dunha película subvencionada pola “súa” institución ou habitando coa máscara do homo politicus (variante spot publicitario permanente do seu negocio) esa escenografía que loce cun novo foco para a foto perseguida na rolda de prensa. A escenografía cobra un novo sentido, os códigos de significación devolven unha nova emoción fabricada con esmero, un novo coñecemento e uns novos temas diferentes aos que ten na súa orixe, como deseño de código non verbal para o espectáculo. A escenografía ten agora o filtro do selfie, da expresión de virtudes que cómpre vender, da semiótica particular do produtor-xestor-político. A escenografía ponse ao servizo doutra imaxe, a do histrión que debe convencer a outro público máis amplo, o da retórica da imaxe soñada polo coach ou polo líder.

Co inicio da tempada, despois do verán, volve algo que isto si que é moi noso, tanto coma as festas da vendima ou as últimas xornadas gastronómicas do verán, cando xa prestan uns callos. As estreas coas alfombras vermellas, os adorados photo-call ou a posfotografía que pretende ratificar o apoio, implicación e papel indispensable da presenza do produtor-xestor-político nese acto, xa é algo moi global e moi visto en moitos lugares. O orixinal entre nós, ademais destes gustos comúns, é pisar o barro, mollarse entre a suor e os meles da fama, coller un micro e habitar o terreo do artista ou do seu personaxe, atreverse, estar aí, a pé de obra, no espazo sagrado do lugar que varrían ou varren a consciencia Bertolt Brecht, Helene Weigel, Manuel Lourenzo ou Margarita Xirgu antes de entrar a traballar. O xestor-produtor-político que escolle esta opción e non a da discreción ou o acompañamento dende outros espazos en que desenvolver plans estratéxicos e programas de fomento e planificación de obxectivos, sabe que ten que coidar o tipo de imaxe proxectada, o que rodea, o que se ve en compaña (non sempre a máis famosa, xa que ás veces a máis necesitada ou a máis vulnerable é a mellor compañeira de baile nesa ocasión) e o espazo. Non vale acompañarse de calquera elemento ou que escape unha letra mal posta, a semiótica dinos que todo importa, todo é susceptible de ser interpretado evidente ou subliminalmente, por iso hai que actuar con naturalidade e cautela, control e autoridade, pois sempre hai compañías que poidan non querer entrar polo aro ou que se decaten de todas as artes posibles de intromisión e non queiran seguir coa xogada.


Publicidade

Estender a visión da xestión das políticas públicas coma unha produtora é froito do xiro que vai dando a consideración da cultura, máis como ben liberal, de ocio e consumo en base ás selváticas leis da oferta e da demanda, ca coma un dereito social. Outro síntoma máis desa mestura entre o festexo, o turismo e os patios das redes sociais a faceren ruído.

A semiótica e a retórica son ferramentas que non só se ensinan nas escolas de teatro, son importantes cada vez máis para quen precisa demostrar moitas veces o contrario do que fai, ou moito máis do que fai, ou o que se fai e o moitísimo que cómpre facer fóra do foco. E os produtores de Nova Iork de principios do século XX sabíano tan ben como algúns perfís políticos dos nosos días, tipos con sede, fame e necesidade de escenarios.

Roberto Pascual

Roberto Pascual

É director da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, profesor na ESAD de Galicia e colaborador no Diario Cultural da Radio Galega. No ámbito creativo e investigador, publicou 'Roberto Vidal Bolaño e os oficios do teatro' (Xerais), '40 anos daquel Abrente' (Galaxia), traduciu e editou a obra de Raúl Dans 'Matalobos' para a ADE, traduciu ao portugués, castelán e galego a obra 'La Merda', de Cristian Ceresoli, traballou como redactor no Dicionario de termos escénicos do web do CCG, realizou o guión do documental 'Non vale parar'. No ámbito da xestión cultural, traballou como asesor no INAEM - Ministerio de Cultura, para o Cabildo de Tenerife, o Instituto Cervantes, a Universidade Complutense ou en informes e comisións do Consello da Cultura Galega. Ten participado en conferencias e encontros diversos, dende o FITEI do Porto ata o HtH CDN de Montpellier, ten publicado artigos en actas de Congresos, revistas e ponencias de diversos países. En 2016 foi o voceiro da Comisión redactora do Anteproxecto de lei de Artes Escénicas de Galicia, presentado no Parlamento de Galicia e pendente de tramitación.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Programación Galicreques 2022

A programación do Galicreques 2022 aposta polos monicreques para adultos

teatro del andamio 20 anos

Teatro del Andamio celebra 20 anos cunha programación especial e un documental