in ,

A programación do Galicreques 2022 aposta polos monicreques para adultos

A 27ª edición do Galicreques de Santiago celebrarase do 8 ao 16 de outubro

Programación Galicreques 2022
As compañías Mircrormina, Coriolis e Tres Tristes Tigres estarán no Galicreques 2022.

O Festival Internacional Galicreques celebrará a súa 27ª edición entre o 8 e o 16 de outubro cun total 60 funcións. A edición de 2022 supón un crecemento relevante para o que é un dos principais festivais de monicreques de Galicia, contando con 26 compañías procedentes de oito países, o que afianza o seu papel internacional.

A programación do Galicreques 2022 repartirase en diversos escenarios, centros socioculturais, rúas e prazas de Santiago de Compostela. “Recuperamos todo o vigor da programación escolar tras dous anos de restricións, seguimos a afondar na descentralización ao espallar as funcións por barrios, rúas e centros socioculturais e apostamos por un programa específico para o público adulto”, afirma Jorge Rey, director de Galicreques.

Organizado pola Asociación Barriga Verde, o Galicreques conta co apoio e patrocinio de institucións como a Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña, o Ministerio de Cultura, Iberescena e a Fundación SGAE.

Programación do Galicreques para adultos

Como gran novidade da edición, o Galicreques pon en marcha o programa ‘Cara Bé. Todo ten outra cara’, que servirá para identificar as obras que están destinadas para o público adulto. Deste xeito, Galicreques procurará “minimizar a idea preconcibida” de que o xénero dos monicreques só está destinado á cativada, cando a realidade e a historia deste tipo de teatro interpela dende sempre “todo tipo de espectadores e idades”, afirma Rey.

Este programa inclúe citas como o Cabaré Cara BÉ, que se celebrará o venres 14 ás 22.00 h. nun dos espazos emblemáticos de Galicreques: a tradicional Carpa da Alameda de Santiago. Este recinto, que acollerá funcións e diversas actividades dende o primeiro día do festival, será o escenario para o espectáculo de variétes no que intervirán compañías e artistas que actuarán ao longo do Galicreques.

Cinco estreas no Galicreques 2022

Galicreques ofreceralle ao público compostelán cinco estreas absolutas. Entre elas, destaca o espectáculo Tolo, coprodución da compañía galega Cinema Sticado e da turca Tiyatro Eksen co Centro Dramático Galego (CDG) que servirá de clausura ao festival o domingo 16 no Teatro Principal, e Treboada, a nova proposta que a formación franco-galega Nauta dará a coñecer pola zona vella de Santiago este domingo ás 12.00 h. Tamén será novo os espectáculos dos portuguesas de Caricata, que actuarán con Mil e uma o sábado 15 no Teatro Principal


Publicidade

O quinteto de estreas complétase co especial sobre Carapuchiña Vermella que as narradoras galegas Olga Abad, Raquel Queizas e Carmen Domech representarán por vez primeira na Carpa da Alameda o mércores 12 ás 12.00 horas e ás 18.00 h e coa nova proposta da compañía Mircrormina Teatro, Raio The Loubicán o sábado 8 ás 19.00 h. tamén na carpa.

Dende Arxentina, Uruguai e Perú chegarán as obras inéditas no continente europeo. Así os uruguaios de Coriolis presentaranlle ao público do Galicreques dúas producións: Trapos, pensada para a cativada, e Pasos Largos, destinada ao público adulto. Pola súa banda, a formación peruana Hugo e Inés, con integrantes procedentes tamén de Bosnia, actuarán no festival coa súa obra Miniaturas. Os arxentinos de Tres Tigres Teatro interpretarán a peza ¿Qué hacemos con Ubú? e os de Lotitere ofrecerán Culuti.

Premio de Honra para os monicreques arxentinos

A compañía arxentina Tres Tigres Teatro recibe neste 2022 o Premio de Honra Galicreques. Radicada na cidade de Córdoba, a formación profesional está composta por María Nella Ferrez, Carolina Vaca Narvaja, Jorge Pico Fernández e Delia Perotti. Este cuarteto de artistas fundou  no ano 1995 Tres Tigres Teatro, agrupación que procura construír un espazo onde o humano, a emoción e a maxia teatral son fontes inesgotables da creación colectiva. A súa traxectoria e a súa creación escénica abranguen o teatro, o teatro de monicreques, a música e o eido educativo, cun especial interese na visión comunitaria e de servizo da arte.

En Galicreques este ano, Tres Tigres Teatro presentarán a xa citada obra ¿Qué hacemos con Ubú? Con esta peza,  a formación arxentina participará no programa escolar, que incluirá 12 funcións e que se desenvolverán ao longo da semana lectiva que vai do 10 ao 14 de outubro. O cartel de representacións para centros de ensino estenderase máis aló das marxes do festival ao ofrecer tres obras na Fundación SGAE entre o luns 17 e o mércores 19.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

260172561 10225228783763854 328973034426335242 n |

A AELG fai públicas as bases para participar no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir

DALL·E 2022 10 06 11.34.48 e1665049191341 |

Focos, semiótica e outras formas de intromisión