in

O tempo, Cunillé e o can

Captura de Pantalla 2022 10 23 a las 18.42.24
Capa de 'O tempo' de Lluïsa Cunillé Salgado, na tradución de Afonso Becerra, publicada pola 'erregueté'

Parece que foi onte todo ou case todo.

Veño dos actos do XLVII , do que adoito ser o tradutor ao galego, desde o ano 2006, para a erregueté. En máis dunha década, aínda que sexa só un par de días ao ano, as simpatías e a amizade van fraguando. As diferentes xuntas directivas do Cercle Artístic de Ciutadella, así como os diferentes xurados e outras persoas que colaboran e participan, alén das dramaturgas/os que gañan este premio, acostuman ser xente afecta á cultura e ao teatro, coa que sempre é un pracer estar.

Chego a Ciutadella e saudámonos coa sensación de que nos vimos onte, de que o tempo pasou moi rápido.

PUBLICIDADE

En 2010 gaña Lluïsa Cunillé Salgado, por segunda vez, o Born con El temps, a primeira fora a finais dos 90 con L’aniversari, cando aínda non se editaba o Premi nas catro linguas oficiais do Estado. Comezou a publicarse en galego, éuscaro, castelán e catalán en 2007, a partir dunha proposta de Pepe Henríquez, xefe de redacción de Primer Acto, a Esperança Pons, presidenta, por aquel entón, do Cercle. Traducín O tempo hai máis dunha década e esta fin de semana de outubro de 2022, cando a Cunillé acada, por terceira vez, o Born con El gos, paréceme que foi onte. Si, teño a sensación de que foi onte cando estaba entrando n’O tempo para trasladalo á miña lingua materna, que tamén o é da nai da Luïsa, natural de Lobeira (Ourense), segundo me contou Carolina, a súa irmá, que a veu acompañar aos actos do Born.

Estou moi contento de volver entrar nunha peza dunha das dramaturgas cuxa obra máis me impresiona. Lluïsa ten unha poética moi recoñecible e singular, na que o importante se coa polas físgoas da linguaxe. Admiro esa sensibilidade profunda que traspasa a súa escrita, na que nada é obvio, na que nada sobra nin falta. Tamén admiro a súa enteireza para dicir que non ao ruído e ao marketing co que envolvemos o teatro do teatro e o teatro da vida.

Lluïsa, na súa longa carreira, con máis de corenta pezas estreadas, nunca quixo explicalas nin atender ás preguntas da prensa. Ela é dramaturga, non exerce de crítica, nin de profesora, nin de teórica, nin de exéxeta da súa obra e as pezas teatrais explícanse por si soas. Ou mellor dito, son inexplicables. O máis importante é a experiencia directa que nos procuran, quer na lectura, quer na butaca dun teatro.

PUBLICIDADE

Porén, non me parece nada fácil esa enteireza, neste mundo no que temos que ceder a dar explicacións de case todo, ou cando che piden conferencias, cursos, presentacións… Non me parece fácil dicir que non ou escapar de toda esa morea de actividades de promoción e mediación que rodea a peza artística, moitas veces incluso apagándoa ou converténdoa case nunha escusa.

Lluïsa acudiu, agradeceu, sorriu, con extrema sinxeleza e algo próximo á humildade (a min non me gusta usar este termo, pero non encontro outro agora mesmo). Agradeceu, sorriu, pero declinou falar da súa obra. Non nos vendeu ningunha moto.

Pareceume unha persoa encantadora, de aparencia fráxil, que non agocha co discurso e as actitudes a súa vulnerabilidade e que non defende ou ostenta un personaxe social, aínda que llo queiramos asignar desde fóra.

Creo que fala cos ollos e co seu xeito de estar. Non hai nela unha enerxía invasora ou que se impoña aos demais. Trátase, pola contra, dunha presenza amable, suave, silenciosa, que sorprende diante de tanto ruído, entre tanta xesticulación coa que, o resto dos mortais, tentamos facernos ver e recadar a atención e o amor dos demais.

Foi un feliz encontro, malia constatar que chega O can da Cunillé, cando aínda parece que foi onte que estaba n’O tempo.

O bucle vertixinoso do tempo un día hanos papar.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

GIPHY App Key not set. Please check settings

    IMG 1318

    XLVII Premi Born de Teatre 2022 para ‘O can’ de Lluïsa Cunillé Salgado

    Carlos Labraña

    Carlos Labraña gaña o Premio SGAE de Teatro Infantil cun texto en galego sobre a memoria histórica