in

Escribir sobre espectáculos, corenta anos

IMG 1653 |
Bacchus and Ariadne (1520-3) by Titian. National Gallery. London.

Non é fácil facer unha revista que, principalmente, dea conta do que acontece nos nosos escenarios. Unha revista que recolla e se centre nas pezas de artes escénicas. Un libro non é un espectáculo, un congreso e todos os seus relatorios non son artes escénicas, un traballo teórico sobre aspectos teatrais non é teatro. Uma coisa não é outra coisa (José Maria Vieira Mendes). Todas esas outras actividades, claro está, forman parte imprescindible para a complexidade e riqueza do que son e poden chegar a ser as artes escénicas. Participan nelas, aínda que non sexan o obxecto artístico en si.

Non é fácil encontrar quen se preste para escribir sobre espectáculos. Escribir sobre espectáculos é comprometido. Podes poñerte en evidencia. Alén diso, ademais de facelo sen cobrar a inmensa maioría das veces, até podes levar algún desgusto se escribes algo que á compañía ou aos artistas non lles guste ou non lles conveña. Sei de exemplos. Sempre queremos acertar de pleno e ter a razón e a ver quen nola quita!

Porén, estas artes de natureza efémera necesitan, máis ca outras, a atención, o estudo, a análise e, sobre todo, testemuños.

A dificultade para encontrar mans que saiban facelo, redunda en que, polo xeral, nos poucos medios nos que aínda hai crítica, haxa pouca variedade de sinaturas. Aínda así, aquí, non nos encollemos e abordamos, en artigos diferentes, tanto na edición dixital como na impresa, case todos os espectáculos estreados en 2022. Acaba o ano e, entre os dous números anuais da revista en papel e a páxina web, ofrecemos o compendio máis completo que se poida encontrar sobre as artes escénicas de Galiza.

Entre os contidos, danza, maxia, circo, teatro de monicreques… e, no número 104 da erregueté, correspondente ao segundo semestre de 2022, especial mención da ópera, coa feliz conxunción de dúas novas pezas orixinais de dous compositores galegos novos, Loba branca de Brais González e Papagena de Iago Hermo. Compañías veteranas, como Sarabela Teatro de Ourense con Contos arraianos e compañías novas co seu debut, como Mevadeus con Outrora nós, cunha proposta híbrida posdramática, entre o teatro físico e a danza.


Publicidade

Artigos que non están escritos por críticos alleos á creación escénica, senón por profesionais das artes escénicas que, desde unha ollada dramatúrxica, queremos analizar, poñer en valor, dar testemuño, aprender e desfrutar. Desfrutar sempre é importante.

Neste sentido, a nosa visión sempre tenta ser construtiva e incluso abrir ou suxerir, non só posibles lecturas dos espectáculos, senón tamén insinuar ou apuntar aspectos relativos á dramaturxia, dirección e interpretación, que poden expandir o que hai. Ese ollo externo que coñece os mecanismos da creación e, desde a complicidade e a comprensión, ofrece, sen xulgar, ditar, nin canonizar, miradas que amplían o abano.

Remata o 22 e encamiñámonos, felices, cara ao 23, en que imos celebrar os 40 anos desde aquel primeiro Boletín de Información Teatral, que saíu en 1983, até o número 105 da erregueté, que se vai publicar no primeiro semestre de 2023. Corenta anos e máis dun cento de números que constitúen a enciclopedia das artes escénicas galegas. Como non imos estar felices!

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

017A9225 |

The Witch

'Hotel Paraíso' de SillySeason, no Teatro Diogo Bernardes de Ponte de Lima. Foto de Vítor Ferreira.

Hotel Paraíso