Colectivo Glovo, en colaboración co Concello de Lugo e o apoio da Agadic, vén de presentar as bases da segunda edición da convocatoria de residencias artísticas e de investigación Atopémonos Bailando para profesionais de danza e artes do movemento.
A convocatoria está dirixida a profesionais da danza e das artes do movemento, que poden presentar os seus proxectos para a realización dun máximo de 6 residencias artísticas e/ou de investigación (exclúense residencias técnicas) para ser realizadas entre os meses de abril a novembro de 2023 (catro delas de duración estándar en Lugo e dúas en réxime de intercambio con estruturas de Portugal e Costa Rica con outra duración. Poden presentalas artistas con sede en Portugal e artistas con sede en España.
O programa de residencias artísticas e de investigación Atopémonos Bailando 2023 posibilita tamén o intercambio de dúas das residencias seleccionadas a través da convocatoria con outros dous programas de residencias internacionais. Estes intercambios son froito das recentes colaboracións entre as Residencias con entidades de Portugal e Costa Rica.
O período de solicitude estará aberto ata o 15 de febreiro de 2023, e as residencias desenvolveranse entre o 1 de abril e o 30 de novembro de 2023. A duración será dun mínimo de cinco días e dun máximo de dez, agás a residencia en intercambio con Costa Rica, que poderá ter unha duración de ata 4 semanas, e serán residencias de investigación ou creación de artistas individuais ou equipos que fundamenten o seu traballo artístico arredor do movemento e o corpo.
Os espazos destinados ás residencias son: o Museo MIHL de Lugo, o Espazo teatromosca de Portugal: AMAS – Auditório Municipal António Silva, a sede de SóLODOS en Costa Rica e o Taller Nacional de Danza de Costa Rica.
Segundo recollen as bases das Residencias Atopémonos Bailando 2023, as propostas seleccionadas obterán un rexistro audiovisual da residencia e unha remuneración entre 700 e 2000 euros (IVE incluído) por residencia. Ademais, os intercambios con Portugal e Costa Rica terán a viaxe, aloxamento e manutención cubertos.