Todas desexamos que a arte sexa libre. Tamén sabemos que o concepto de liberdade é un ben esvaradío, flutuante. Pero a arte ten que estar en constante revisión e escrutinio, en tanto que é o espello no que se mira a nosa sociedade.
Por iso é que explicarei cales foron os meus motivos para deixar o elenco da obra Pussy Cake dirixida por Baltasar Patiño, e a miña opinión desta. Porque non podo ficar máis tempo sen pronunciar-me ante o ruído e a ambigüidade. Sinto a responsabilidade de dar unha explicación pola miña decisión, xa que me fun en ordenado silencio, para coa loita feminista e coa xente que me apoiou.
Logo de recibir a chamada de Baltasar propoñéndome actuar nunha obra baseada na figura de Francesca Woodman e mencionando sibilinamente a presencia da estética cam-girl, vin como o título provisional, Proxecto Woodman, cambiaba a Pussy Cake, Your hands over me (traduzo, porque en inglés as cousas son máis banais e non se percibe a metáfora: Torta de cona, as túas mans sobre min) e xa o primeiro día de ensaios comecei a atopar problemas.
Ora ben, estes problemas nada tiñan que ver coa sensibilidade, coa moral xudeu-cristiá, coa censura, o “politicamente correcto” ou o punitivisimo. Non, tiñan que ver co feito de ser muller. Muller e feminista. E estar cansa da mesma pantomima (repárese en que falo de algo visual, non narrativo) de sempre.
Tal e como lle comentei a Baltasar (cómpre apuntar que el en todo momento escoitou dende o respecto a miña visión, alén de que despois quixese entender ou non), tal e como lle comentei a el e a outras membras da equipa, atopaba serios problemas en empregar reminiscencias de cam-girls, pero iso só foi o detonante. Sabemos que dentro do feminismo hai distintas opinións sobre a pornografía, así como sobre a prostitución. Esta carta, porén, non ten que ver sobre a miña opinión persoal sobre estes temas ou sobre o que as mulleres decidan facer cos seus corpos libremente. Ten que ver, e vouno pór ben claro (porque nestes tempos vémonos forzadas a falar claro, sen poesía e sen o cómodo afán pola controversia facilona), con que un señor sexualice corpos normativos de rapazas novas en escena aludindo, amais de a Francesca (where tf was Francesca in the show?), ao porno. Ten que ver con que empregue imaxes cun moi definido marco ideolóxico e a estética dun fenómeno claramente político e social.
Non podemos abstraernos de que a nosa arte se vexa supeditada a estas cousas, como tampouco podemos controlar as diversas lecturas que esta teña. Pero si podemos controlar onde nos queremos situar. Cando llo comentaba a Baltasar, el aludía á profesionalidade e á obxectividade dicindo que non me preocupase porque, para el, ver eses vídeos de rapazas era como ver National Geographic. Eu, pese a que apreciei o seu esforzo con esa afortunada comparación entre unha rapaza (vestida de pallasa, infantilizada, choromicando e introducíndose velas de 1 ano pola vaxina) e un animal, non puiden abstraerme de todo o anterior.
Seguiron unhas semanas de intensos debates sobre arte, discurso, feminismo, liberdade, tanto con el como con Andrea Dunia, que dicía sentirse apoderada porque a ela non lle importaba se o director fose home ou muller, xa que o corpo exposto era o dela. Dende logo, con esta carta non tento facer xuízos de valor sobre iso e me parece interesante expor visións que distan da miña: non estou a analizar o que fan elas libremente e con todo o dereito, senón o que fai el. O que fai dende a male gaze ou mirada masculina, da que tanto oímos falar pero decidimos ignorar con esta obra.
Baltasar, aínda que se puxese saia (sentáballe moi ben) e se pintase os beizos na noite da estrea, non deixa de ser un home (pois se define como tal, cando decida ser transexual ou transxénero, por favor que me de o toque). Un home que dirixe un espectáculo con claras alusións á sexualidade feminina e á industria pornográfica non pode dicir que a súa obra non ten discurso. Como lle comentei nos ensaios, aquí había tres opcións arredor do logos da súa obra:
- Discurso sobre mulleres potentes (Baltasar di nunha entrevista que non lle gusta a palabra apoderada). Isto é un erro que o faga un director home, posto que non é un axente dando voz ás sen voz, as mulleres en potencia e acto temos voz e debemos ser nós as que a orquestremos, e é apropiación cultural facer da loita feminista un mero recurso estético para aumentar o teu capital. Que se ilumine con lila ou se poña como asistente de dirección (repito, asistente) a unha muller, non vai cambiar isto. Con isto, por suposto, non quero desmerecer o traballo de dita asistencia, que seguro se fixo con moito criterio.
- Discurso neutral ou discurso cero. A arte pola arte non existirá ata que todas sexamos libres, di Lola Olufemi. Eu, que aposto pola ausencia de narrativas e quero camiñar cara a utópica autopoiese, prefiro modular isto e dicir que a arte pola arte non existe dende un lugar de privilexio. Non vou gastar papel explicando que é o patriarcado nin entrar en debates estériles como o de #notallmen. Ao seres un home, estás nunha posición de privilexio perante unha muller. Punto. Non podes ser obxectivo. Non podes ser neutral. A ausencia de discurso xa é unha clara declaración de intencións. Síntoo, non es un locutor falando de cebras.
- Discurso machista. Un discurso do porque si, no que te reafirmas na túa liberdade para facer e falar indiscriminadamente sobre o que che praza e che pon visualmente (tamén as políticas de extrema dereita piden liberdade para oprimir). Banalizar unha opresión, desligarse dunha cultura milenaria (da que, por certo, non es libre) onde homes deciden que se di e como sobre a vida e o corpo das mulleres. Imaxes concibidas por homes e cosidas á medida das súas necesidades ou fetichismos. Un discurso que “mis amigas las feministas” aborrecen. Eu formo parte desa histerioloxía feminista a moita honra.
Nas nosas falas (das que tamén aprendín) durante os ensaios, as súas palabras transitaban polas tres opcións, pero até no momento do coloquio posfunción pareceu non telo claro.
Houbo xente que me preguntou: “que farías se esta obra a dirixise Ana?”, ao cal respondo taxativamente: pero é que non o fixo! Fíxoo el! A que tanto novelo e tanta historia hipotética? Outra xente que aludiu: “Matarile sempre traballa con mulleres-obxecto”.
Coidado. Na mesma performance feminista hai unha longa tradición sobre muller-obxecto; eu mesma traballo sobre iso. De verdade teño que explicar por que é diferente que o faga un home utilizando corpos de mulleres, a estas alturas, no 2023? Tiña acaso que relativizar que o moodboard, de case cen páxinas, estivese salpicado de fotografías poetizando a imaxinaría patriarcal: corpos femininos fragmentados, espidos, claras alusións a posición sexuais, sen cara, anónimas, algunhas diante de homes medindo, mirando, expondo mulleres-obxecto no canto de mulleres-suxeito?
Outra xente dirá: “el tamén ten traballado con homes espidos”. Non perderei tempo con este argumento do século pasado.
Hei de dicir que fun ver a obra para deitar luz sobre o que acababa sendo o produto final. Non tiña dúbida de cal fóra o meu proceso, pero non quería elaborar xuízos prematuros e tiña curiosidade por ver se a ornamentación ou virtuosismo técnico de Baltasar cubrirían todas estas problemáticas aos ollos da audiencia. Ver se o ruído dos fogos de artificio embebería a mirada crítica das receptoras. Unha dobre decepción, porque, ao meu gusto (tentei ser obxectiva… tanto pola obxectividade, verdade?) a obra é máis ben aburrida. E non porque deixe que desexar. Nada que deixar a imaxinación… como opinou un home na posfunción, a obra funcionou como un “antidepresivo” para el.
Paréceme unha estratexia mediocre tratar un tema candente para mobilizar interese por unha creación, sen responsabilizarte por onde situar a túa voz e convencerte de que iso é unha decisión valente e libre. Que mágoa que a xente interprete isto como algo punki. E así se viu formalmente na función a todas luces, certa pobrez e moi pouca frescura. O ritmo, o risco, as transicións…brillaban pola súa ausencia. Non demasiado renovador o feito de molestar o público ou buscar o cansancio das bailarinas. O de que unha actriz se introduza un dildo en proscenio en posición sexual, tampouco me parece que nos achegase á transgresión que detentaba. Empregar temazos de música para entreter á xente, non era demasiado substancioso. A forza das bailarinas (Raquel Esteller e Alejandra Balboa) e a creatividade das coreógrafas (Nuria Sotelo e Rut Balbís), desaproveitadas en solos reiterativos onde as entradas e as saídas eran automatizadas en escenas inconsistentes. A presencia de imaxes de porcos e un coello con tetas de muller, moi suxestivo e coherente. A performance art, non sei onde estaba. As pistas a todo volume, caramelos para que a xente prestase menos atención ao fondo do asunto: nada. Cero contido, dispositivo visual lánguido. Un audaz texto no que se reflexionaba sobre o teatro (por favor deixade o texto metateatral de turno onde pertence, nos anos 80!). Neste texto, que falaba sobre matar á dramaturga e ao concepto, nun acto de ensimesmamento, a guinda do pastel foi a frase “que tu madre te haga de ojo externo”. Tampouco atopei elegancia aí, nin en ningures. A performer Andrea Dunia dicía o texto, unha muller poderosa onde as haxa e da que aprendín moito no pouco tempo que compartín con ela. Unha máscara deforme (xa a empregaron Angélica Liddell ou Gabriela Carrizo hai anos, onde está a innovación?) pretendía facer do seu corpo un elemento axénero ou dimorfo. Porén, os corpos de todas as proxeccións, os audios sexualizados, as mesmas actrices… non eran transxénero, non eran diversos, non eran queer, eran claramente de mulleres. Repito, o feito de que haxa mulleres a favor desta obra, aínda que non me é indiferente, creo que non é o foco nin é escusa de nada. Nin esta é unha guerra dialéctica con elas senón co director, e nin sequera con el senón co que a súa mirada representa (adiantándome a futuras suspicacias).
Dediquei moitas horas, moitas lecturas, moitas conversas con xente diversa, en acordo e discordia, paseino mal, ilumineime…e cando a razón o viu claro, tiven que fuxir do proxecto. Porque o meu corpo xa soubera dende o primeiro día de ensaios ao chegar a casa e poñerme a chorar. Non era unha cuestión de pouco estómago. O cerebro non sabía que me pasaba, por lagoas hermenéuticas, inxustizas testemuñais. Pero o corpo é sempre máis intelixente.
Rematando xa, nesta carta non colle todo o que teño que dicir e teño cavilado en contra desta obra e a súa conceptualización. Teño claro que non quero perder máis tempo nisto ou entrar nun debate mediático, nin contestar as réplicas que esta carta poida suscitar, porque xa as coñezo todas. Dende logo, teño claro que quen me critique por exercer a miña liberdade de expresión non é moi coherente nin merece a miña atención. Non me cega o ruído branco de “a liberdade da arte está por riba da moral da época ou do feminismo”. Para min a autonomía dunha obra non está por riba da miña propia (que se traduce nos meus dereitos como muller, creadora e receptora). Talvez estou equivocada e no futuro cambie de opinión (que ben, ese dereito, o equivocarse ou cambiar de opinión).
Non me cegan espellismos nin xogos de espellos. Só quero engadir, por último: o que opino ou o feito de deixar o elenco non é nada persoal contra Baltasar, a compañía Matarile e moito menos as miñas excompañeiras, que admiro. Pero é persoal, moi persoal, contra o machismo e todo o que representa. Ao que iso respecta, non deixarei títere con cabeza, caia quen caia. Incluída eu.
**As/os colaboradoras/es da erregueté mostran a súa opinión sobre o mundo das Artes Escénicas e a cultura. As opinións expresadas na revista son de quen as asina e non pretenden mostrar as opinións da erregueté nin da súa equipa.