Matarile Teatro volve a Vigo coa súa recén estreada e controvertida obra Pussy Cake. Será o xoves e o venres na Sala Ártika de Vigo ás 20.00h.
Baltasar Patiño asume a dirección desta montaxe na que a veterana compañía conta cun equipo de mulleres formado pola actriz e performer Andrea Dunia, e as bailarinas Raquel Esteller e Alejandra Balboa. Estreada a finais de xaneiro no Teatro Principal de Santiago, a peza está a medio camiño entre a danza e a performance que bebe do universo da fotógrafa estadounidense Francesca Woodman, falecida prematura e traxicamente aos 23 anos de idade, e considerada unha precursora do selfie.
A inquietante poética do traballo de Woodman serve para levar a escena un espectáculo de 70 frenéticos minutos de duración nos que o espectador dará testemuño dunha impactante presión sonora, contundentes imaxes de vídeo e un dispositivo móbil de iluminación creado ad hoc. Sobre o escenario, tres intérpretes empuxadas por unha potente e sofisticada música de estilo industrial, noise rock e hip hop. Os dispositivos de iluminación e de vídeo están deseñados a medida polo director para envolver as actrices nun diálogo escénico con Francesca Woodman que, por momentos, conecta coa estética do porno caseiro propio das cam girls.
En palabras do director, en Pussy Cake “non pretendo facer unha alegación en contra dunha cousa ou doutra, non pretendo criticar comportamentos, hai persoas que se dedican a realizar extensos estudos sobre estes temas e, en canto os publícan, xa esta desactualizados. Este proxecto non nace coa intención de facer ningún tipo de estudo sociolóxico ou crítico do comportamento dos animais de dúas patas. Este proxecto nace para traballar únicamente cos aspectos estéticos de dous mundos: por unha banda, a precursora poética e inquietante do SELFIE, Francesca Woodman, e por outro, a estética descarnada e chea de encaixes de plástico chineses do porno doméstico, imaxe totalmente vinculada ao formato SELFIE”, sinala Patiño.
“O equipo de traballo está formado por mulleres: tres intérpretes femininas, dúas coreógrafas, unha vídeo-artista, unha asistente, e unha muller en produción. Só o coordinador-director do proxecto é un home, pero neste momento non podo facer demasiado respecto a iso”, afirma o director.
A montaxe conta cun coidado traballo de iluminación e son polo que a compañía advirte do emprego de luces estroboscópicas, que poden afectar a persoas con determinadas doenzas, e o nivel de volume do son que en determinados momentos será bastante alto polo que repartirán na porta tapóns para as orellas por se o público o puidese precisar.