A finais do ano 2022 asistimos a diferentes encontros sectoriais de Artes Escénicas onde puidemos escoitar repetidas veces un asunto común que parece preocupar á maioría de axentes (creadores, mediadores e profesionais da distribución) que establecen o seu traballo no ámbito escénico galego. Un debate profundo sobre o público, sobre a igualdade de dereitos e participación das persoas espectadoras.
Tanto na Xornada Profesional de promoción escénica e Musical organizada por Escena Galega e AGEM o 24 de novembro no Pazo de Cultura de Pontevedra, coma a dos “XX anos de Escena Galega. Retos do asociacionismo profesional como un dos eixos vertebradores do sector escénico” organizado pola Deputación da Coruña no mes de decembro, veuse a pór de manifesto a necesidade de coordinar, definir as necesidades do servizo e mellorar as dotacións de todas as institucións que teñen como misión principal facer que o público galego teña unha relación máis fluída, diversa e constante coas artes escénicas. As artes, entendidas coma un ben de primeira necesidade para o progreso social e non coma un produto de libre consumo para quen poida acceder comodamente a el (en función da clase, da condición, da xeografía ou do moi competitivo que sexa o seu lugar de residencia).
Tanto Patricia Hermida, coma Olga Mojón, coma Marcos Alonso, entre outros, coincidiron en sinalar a tendencia de exceso de produción como xeito insostible de supervivencia. Supervivencia ou condena ao estado comativo. Evidentemente, hai quen opta pola disidencia das redes oficiais (en Galicia hai dúas estritamente profesionais, sendo a dunha Deputación, a coruñesa, de meirande dinamismo cá da propia AGADIC da Xunta de Galicia), pola fuxida das dinámicas e requisitos caducos das subvencións ou dos valores e modas establecidos polos gustos de quen manda (quen ten a sala máis chea ou sae mellor na prensa son tópicos ocultos xunto a unha obsesión cegadora de pensamento progresivo e autocrítico).
Quen ten máis recursos, quen ofrece máis pluralidade de accións (non só de espectáculos) e quen integra mellor semella non estar tanto na boca da xente. Esa cousa dos dereitos da cultura aínda non chegou con forza. Por iso se practica aínda máis a inxerencia nos procesos creativos (por non dicir censura) cá intervención nos procersos de dinamización e planificación. Unha vez escoitei a unha vaca sagrada liberal do sector teatral que a única responsabilidade de encher unha sala é a do artista. E isto parece que o toman ao pé da letra unha boa parte de axentes políticos que gobernan a nosa terra á vista dos debates que tiveron lugar nos citados encontros. É por iso que se nos presentan varias preguntas fundamentais que cómpre abordar con certa premura. Quen debe asumir as responsabilidades de normativización, planificación estratéxica e coidado do ecosistema escénico galego? Pódese facer iso sen base normativa? Pódese facer cun orzamento en materia cultural que non chega nin ao 1% nos Orzamentos do goberno autonómico? Que o debe liderar? Ten lexitimidade un Centro Coreográfico mermado, que pasa de 120.000€ a 100.000€ de 2022 a 2023? (en 2009 tiña 625.000€) Que tipo de políticas activas de promoción, desestacionalización e diversidade social no ámbito da danza, do circo, do teatro de formas animadas, da dramaturxia actual… pode haber con estes recursos nas institucións públicas de referencia?
Despois está a retórica da imaxe, dos ránkings cos que tamén acaba un ano e empeza outro, da competencia individual, do mellor proxecto sobre o papel, dos postos de cabeza tamén como forma de supervivencia (unha vez máis) no terreo da inercia, do modelo que xira e xira, do devir do día a día coa burocracia, da pelexa diaria (contra a inflación, contra os recortes), driblando para non caer do podio.
Pero o 2023 tamén empezou cunha resposta efectiva e positiva fronte a esa sensación de abandono da estrutura do sistema. Dende accións locais ata outras máis xerais, vimos de ver a presentación do Plan Estratéxico da Cultura de Ferrol (2023-2028), que no ámbito escénico sinala a detección de demanda de expansión escénica veciñal nos barrios, de escola de espectadores ou da potenciación da danza e do teatro escolar entre outras; o impluso do debate dunha Lei de Cultura Inclusiva por parte do goberno galego ou dunha máis ambiciosa e estratéxica Lei integral de Cultura por parte do grupo parlamentario do Bloque Nacionalista Galego, que poida garantir nun futuro próximo o dereito de participación e innovación en todos os sectores do noso tecido cultural e as garantías do seu financiamento (co desexo no horizonte da recén aprobada por unanimidade Lei do Sistema Público de Cultura de Canarias). Son albores de esperanza que se nos presentan no camiño, cara a un necesario xiro sistémico da protección, garantía profesional e modernización da xestión cultural (en especial a escénica, que por diferentes motivos tantos efectos negativos tivo estes últimos anos). Algo está a moverse para que se movan tantas outras cousas nun novo escenario social que demanda dereitos efectivos.