in

Shakespeare en Roma

A universidade shakespeareana

No Salón Nobre de Fonseca, cerna da Universidade de Compostela, un espazo non convencional, que non é un teatro, o CDG xoga ás guerras. O elenco, entregado a tope e cunha afoutada convicción, defende as posicións de xogo, como unha equipa de fútbol de primeira división, ideado por catro dramaturxias e catro direccións para catro traxedias. Un catro por catro que é un tour de force para Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay e Toño Salgado.

Volodymyr Snegurchenko e Rui Madeira parecen diluír a historia de CORIOLANO no pensamento a que pode dar lugar a intensificación dunha violencia que non pode acougar nin lavar o acto do baño, repetido en tres variacións.

Ana Carreira e María Barcala con Xulio Lago comprimen a historia de XULIO CÉSAR para facernos partícipes dese xogo de poder no que as estratexias do discurso, a retórica, poden ser tanto ou máis importantes que a forza bélica. Tamén nos fan ver que o poder pode gañar adulación, pero non amizade.

Ana Abad de Larriva e Sara Rey déixannos desfrutar dos contrastes entre paixón e comenencia, política e amor, forza e tenrura, a través da historia de dous amantes poderosos, ANTONIO E CLEOPATRA. Incluso nos fan ver a beleza plástica de todas esas vendas e lazos que xoncen as nosas paixóns.

Lorena Conde e Quico Cadaval fannos un truco de maxia e converten a traxedia de TITO ANDRÓNICO nun xoguete cómico, no que a truculencia é unha brincadeira non só aberta ao noso goce, senón tamén a unha esperanza que desafíe ou poña en cuestión o fado tráxico.

Comezamos co ambiguo CORIOLANO, nunha dramaturxia de Volodymyr Snegurchenko que, a min, me parece que se centra máis na dimensión filosófica e política da peza ca no seu argumento ou historia, respecto ás dramaturxias de Ana Carreira sobre XULIO CÉSAR, Ana Abad de Larriva sobre ANTONIO E CLEOPATRA, e Lorena Conde sobre TITO ANDRÓNICO, que, sen descoidar esas dimensións político-filosóficas, coidan ofrecernos unha síntese das historias que se representan en cada peza, facilitándonos a recepción ao fornecernos os trazos básicos dos contextos situacionais dramáticos. Shakespeare era, sen dúbida, alén dun poeta e filósofo, un grande contador de historias reviradas.

Rui Madeira dirixe un CORIOLANO que insiste na violencia e na forza, sen apearse delas, manifestas nas actitudes, nos berros, nunha recorrencia que se corresponde co ciclo dos tres baños que se dá o protagonista, interpretado por Toño Salgado. Espirse e bañarse, mentres a nai o lava e instrúe, en tres variacións que trazan o círculo do fatum tráxico. Desafíos, ameazas, declaracións e consellos de forza, sen concesións, a atinxir os límites da extenuación.


Publicidade

María Barcala e Xulio Lago levan o seu XULIO CÉSAR ao senado da desconfianza e os temores, que acoden xunto a quen ostenta o poder. A traizón é tan humana como lúdica resulta esta posta en escena. O público a dúas bandas evita a cuarta parede realista do drama. María e Xulio aproveitan o terreo de xogo do Salón Nobre de Fonseca para que a acción das estratexias retóricas, despregadas por Bruto, interpretado por Toño Salgado, e Antonio, interpretado por Xurxo Cortázar, sexan o prato forte. Mentres a violencia do asasinato de César, interpretado por Fran Peleteiro, fica no simulacro estilizado do lúdico, igualmente exemplar.

Sara Rey orquestra un ANTONIO E CLEOPATRA onde consegue contrastes notables moi oxixenantes. Sheyla Farinha está fantástica como Cleopatra e Toño Salgado como Antonio, compartindo con nós as reviravoltas dunha paixón amorosa moi sensual e sexual, na que a política e o poder, veñen pór paus nas rodas. Hai tenrura, hai unha paixón sexual divertida, con picardías inxenuas e sofisticacións delirantes. Hai fereza de caracteres e dozura. E hai un enfoque na relación heterosexual, por fin, desvinculada de miradas machistas, porque aquí Cleopatra non está por baixo de Antonio en ningún dos xogos sexuais recreados, nin nas actitudes interpretadas por Sheyla e Toño. Que bo traballo, Sara Rey e Ana Abad! Quizais é aquí, tamén en TITO ANDRÓNICO, onde as dramaturxias e direccións mellor permiten que flúan e se relacionen as enerxías de todo o elenco, nunha complicidade no xogo que se pode percibir, que pasa ao público e que fai crecer as pezas.

Ademais, Sara Rey énchenos o ollo cunhas lúdicas escenas, de grande rendibilidade plástica e cinética, tanto no dispositivo escénico coas tiras de vendas, como as que serven para sandar feridas ou para enrolar momias, nas intervencións do adiviño e nas secuencias das batallas, nas que aproveita a longura do corredor central do Salón Nobre. Unhas cintas que son metáfora das vendas para estiñar as feridas e sandalas, pero tamén dos lazos que nos unen ou das cadeas que nos coutan.

Quico Cadaval fai un truco de maxia ou, se se prefire, un xogo de malabares con TITO ANDRÓNICO, convertendo a traxedia nunha comedia. Creo que desde que vin as versións da Companhia do Chapitô de Lisboa cas súas adaptacións de Édipo, Electra ou Macbeth, non volvera experimentar nada tan divertido con historias tan terribles. Se cadra é certo que o cómico é o envés do tráxico, a outra cara.

A dramaturxia e a dirección, aquí, neste TITO ANDRÓNICO teñen a intelixencia do humor para non afundir no macabro e para facer chanzas a través da parodia do gore. Sang i fetge mesturados co clown de Xurxo Cortázar como Tito Andrónico, de Rebeca Montero como a despiadada Tamora, de Sheyla Fariña como unha Lavinia entre inxenua e miñaxoia, dun Santi Romay que fai un amaneirado emperador malévolo e frívolo á vez, dun malo malísimo sen escrúpulos interpretado por Marcos Orsi, e do rexo e incorruptible personaxe que interpreta Toño Salgado. Todos en contraste co personaxe misterioso que fai Cris Iglesias arrolando a ese bebé que naceu da violencia e que pode ser unha xanela ao futuro, mais tamén a capacidade para que a espita do terror que aniña no noso ADN se poida volver a reproducir, como demostran os tempos e se pode comprobar na actualidade.

Este TITO ANDRÓNICO dálle a oportunidade ás actrices e aos actores para xogar a facer personaxes bonecos, para brincar co terrible divertíndose, como se fosen debuxos animados, para ser falcatrueiros. E o público remata con risos e sorrisos un SHAKESPEARE EN ROMA que nos devolve unha mirada sobre nós, na que a discordia reina ou ameaza con reinar despoticamente en calquera relación. O ser humano leva dentro pulsións de poder, seguramente asociadas ás conquistas de territorialidade, dominio, etc. do animal que tamén somos. E non hai poder que non se pague, polo menos, con desconfianzas, medos, ansiedades.

SHAKESPEARE EN ROMA do Centro Dramático Galego

CORIOLANO

Dirección: Rui Madeira
Dramaturxia: Volodymyr Snegurchenko

XULIO CÉSAR

Dirección: María Barcala e Xúlio Lago

Dramaturxia: Ana Carreira

ANTONIO E CLEOPATRA

Dirección: Sara Rey
Dramaturxia: Ana Abad de Larriva

TITO ANDRÓNICO

Dirección: Quico Cadaval

Dramaturxia: Lorena Conde

Elenco: Xurxo Cortázar, Sheyla Fariña, Cris Iglesias, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Fran Peleteiro, Santi Romay, Toni Salgado

Vestiario: Saturna
Iluminación: Juanjo Amado
Música e espazo sonoro: Xosé Lois Romero

 Asistencia de dirección: Keka Losada

 Asistencia de produción:  José Díaz

 
Salón Nobre do Pazo de Fonseca. Universidade de Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2023.
Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

espectadores teatro

Competir ou soster?

Cloti Vaello

Cloti Vaello, unha vida de teatro e costura que recibe o Premio de Honra Marisa Soto