in

Coliño

Un agarimo para a unidade familiar

Coliño
'Coliño', da compañía A Xanela do Maxín. Imaxe de Asestelo Fotografía

A verdade é que os espectáculos para bebés, ou de 0 a 3 anos, como é o caso, son necesarios para fortalecer vínculos, gozando en familia, dun momento especial que será recordado. Os adultos son os que deciden asistir a un acto artístico-comunicativo para vivir unha experiencia sensorial ou emocional cos pequechos, anden libres pola escena ou mamando no coliño da súa nai.

A Xanela do Maxín é unha compañía especializada en teatro de bonecos para crianzas, mais Coliño é o primeiro espectáculo que deseñan para bebés. Foi presentado o 4 de marzo dentro do IX Festival das Núbebes no Teatro Principal de Pontevedra, cun total de tres pases.

Este espectáculo, dirixido por Xosé “Topo” Vidal e Celtia Figueiras, contou coa asesoría do musicólogo portugués Paulo Lameiro que, coa súa experiencia, deu claves importantes unha vez iniciado o proceso creativo, tanto no eido musical como no tratamento dos bebés, incluso calculando a altura que teñen que ter os asentos dos bebés porque, o que realmente importa é a relación do adulto coa crianza, e este traballo está feito para eles. Realmente esa é a esencia que se extrae do espectáculo.

Publicidade

Dentro del, a compañía vai recibindo ao público no vestíbulo do teatro e o acompaña ata o palco, lugar do encontro. Alí, a escenografía, situada no proscenio, de costas ás butacas de platea, fúndese coas placas acolchadas, onde se vai sentando o público. Lois Prado, compositor do espazo sonoro, recíbenos co seu acordeón, mentres o resto do elenco xoga cos instrumentos e fai ritmos coa participación dos pequechos. O espazo faise acolledor, está ben iluminado, ninguén queda a escuras. Despois dese primeiro contacto, o elenco vai percorrendo distintos espazos da escenografía para contarnos tres historias de animais que se van intercalando entre cancións, sons e efectos en directo. Estas tres historias de animais, manipulados por Celtia Figueiras, teñen un nexo común: a familia, os primeiros pasos na vida, soltalos ao mundo. Neses tres espazos diferentes, o adulto é o que dá seguridade e protección, mais empurra as súas crías a dar os primeiros pasos da súa incipiente vida. Deste xeito podemos ver unhas tartarugas que, guiadas pola nai, teñen o primeiro contacto coa mar, o seu espazo natural; tamén a historia da xoaniña que axuda a súa filla a perder o medo e abrir as ás; e por último, a metamorfose das bolboretas que conseguen voar. O final é moi gracioso porque reparten uns monecos-bebés nuns carriños moi xeitosos.

Coliño é un acto de amor, un burato negro que une as galaxias da fraternidade entre o teatro e a familia. Íntimo e agradable, tenro e acolledor, ofrece seguridade e calma e abre en bandexa a relación entre nais e fillos. Non houbo un pranto en todo o espectáculo, as crianzas, curiosas, remataron xogando coas artistas e os sorrisos de pais e nais iluminaron a escena. Seguro que volverán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade

COLIÑO. A XANELA DO MAXÍN

Intérpretes: Celtia Figueiras, Xosé Breijo “Topo Vidal”, Lois Prado, Julia Abal.

Dirección: Celtia Figueiras e Xosé Breijo

Música Orixinal: Lois Prado

Asesoría: Paulo Lameiro

Iluminación: Octavio Más

Escenografía: Daniel Rodríguez | A Xanela do Maxín

Títeres e vestiario: Julia Abal, Xosé Breijo e Celtia Figueiras

Cartel: Leandro Lamas – ilustración | Juanlu Nacha – maquetación

Gravación e montaxe vídeo: Diego Diéguez e Isabela Costa.

Distribúe: A Xanela do Maxín

Festival das Núbebes. Teatro Principal de Pontevedra, sábado 4 de marzo de 2023.

Xoán Carlos Riobó

Xoán Carlos Riobó

Director de escena e dramaturgo. Desenvolve a súa actividade teatral con grupos de adolescentes e adultos dentro do ámbito escolar e amador (Obradoiro de Teatro María Soliña, Teatro a Réplika e Teatro Aberto). Como dramaturgo ten publicados varios textos para crianzas e adolescentes en Edicións Fervenza: 'O retábulo das marabillas no país do chapapote', 'Acariñando os desexos' e 'A viaxe de Burhan: Éxodo'. Fundador da Mostra de Teatro Escolar de Cangas. Dirixe o Ciclo de Teatro Afeccionado do Morrazo. Membro dos grupos de traballo que organizan a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) e a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo (MOTESMO). É membro do consello de redacción da 'erregueté'.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'ReVolta' da Cía. Juanito y Filomena. Foto: Vigo Cultura.

ReVolta

Susana Villaverde Garcia

Susana Villaverde gaña o III Certame de Microteatro da Memoria