“Un espectáculo cheo de bo humor, de ironía e de novo circo no que o protagonismo recaerá nos oficios invisibles do teatro e nos xéneros escénicos que se sitúan ás marxes do teatro convencional”. Así se presenta a gala dos XXVII Premios de Teatro María Casares, que se celebrará hoxe, 30 de marzo, a partir das 20.30 horas no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A gala estará dirixida por Marcos Ptt e contará cun elenco conformado por Natalia Outeiro ‘Pajarito’, Arturo Cobas, Johanna Hesse, Álvaro Fitinho, Beatriz Rubio, Ezra Moreno e o propio Ptt, quen ademais de dirixir e actuar, asina o guión xunto a Antón Coucheiro. O equipo artístico complétase con Carlos Alonso no deseño de vestiario e escenografía, NachoFaiaLar (trío formado por Nacho Muñoz, Faia Díaz e L.A.R. Legido) na música en directo e Dani Pais na iluminación.
A gala poderase seguir a través da canle dos Premios de Teatro María Casares. Durante a cerimonia de entrega, a xastra Cloti Vaello recibirá o Premio de Honra Marisa Soto e Clara Gayo lerá o Manifesto Galego do Día mundial do Teatro. Como gran novidade neste 2023, os María Casares amplían as súas categorías ao pasar de 14 a 16 para incluír así o premio á dirección do movemento e mais o premio ao espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas.
Os Premios María Casares están organizados dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) co patrocinio de institucións e entidades como a Xunta de Galicia a través da Agadic, o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Padroado de Cultura do Concello de Narón, a Fundación ASIGE, a Fundación SGAE e Gadisa. Durante a gala, Cloti Vaello recollerá o Premio de Honra Marisa Soto e Clara Gayo lerá o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro.
Quince obras finalistas
O espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do Centro Dramático Galego, aspira neste 2023 a levar nove premios María Casares (dirección, dirección de movemento, actriz secundaria, actor secundario por partida dupla, espazo escénico, iluminación, texto orixinal e vestiario), igual que a obra As que limpan, da compañía A Panadaría (espectáculo, dirección, dirección de movemento, actriz protagonista, actriz secundaria por partida dupla, espazo sonoro, maquillaxe e texto orixinal).
Smoke on the Water, de Ibuprofeno Teatro, pelexará por seis galardóns (actor protagonista, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico, espazo sonoro, maquillaxe), como tamén o fará O porco de pé, de Producións Teatráis Excéntricas (espectáculo, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor protagonista, actor secundario e vestiario).
Continente María, de Ainé Producións e A Quinta do Cuadrante, opta a cinco Premios María Casares (dirección, texto orixinal, actriz protagonista, espazo sonoro e iluminación), mentres que O Deus do Pop, de Diego Anido, aspira a catro galardóns (espectáculo, actor protagonista, dirección de movemento e iluminación). Por idéntico número de premios compite A peste, do Centro Dramático Galego (adaptación-tradución, actriz secundaria, espazo escénico e vestiario).
Ragazzo, da compañía Barrosanta, aspira a dous galardóns (actor protagonista e adaptación-tradución). Por un premio pelexarán Papagena, de Butacazero (maquillaxe); e Ninja, de Teatro Ghazafelhos; Wombo combo, de Galeatro, e A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro. Estas tres pezas competirán polo premio ao mellor espectáculo infantil.
Polo premio de nova creación para os espectáculo de monicreques, obxectos e figuras animadas competirán tres montaxes que tamén son finalistas unicamente nesta categoría: A barca do inferno, de Nauta Teatro; Raio The Loubican, de Mircromina, e Xela contra o Dragón Traga-verbas (Títeres Cachirulo).