in

A Cidade de Cultura acolleu ‘Diálogos de Danza’

Manu Lago e Paula Quintas coordinaron esta xornada, promovida pola Agadic e a AGPXC

Dialogos de danza
Imaxe da AGPXC

Analizar e poñer en común a situación profesional do sector danza e da exhibición de espectáculos en Galicia é o obxectivo da xornada promovida pola Agadic e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) que se estivo a desenvolver hoxe na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. O programa, que levaba como título Diálogos de Danza: Unha ponte entre a creación e a programación, incluíu a presentación de propostas de mellora neste ámbito, unha sesión de presentacións  e, afondando no futuro do sector, a posta en común de “experiencias e modelos inspiradores que están a ser innovadores”.

O xestor cultural Manu Lago, especializado na produción e distribución de espectáculos de danza contemporánea, e a coreógrafa, bailarina e investigadora Paula Quintas coordinaron esta xornada dirixida a compañías de danza, programadores do sector cultural privado, técnicos de cultura e programadores públicos, e profesionais da danza e as artes do movemento.

Nestes Diálogos de Danza procurouse “afondar no diálogo e coñecemento dos intereses e inquedanzas dos diferentes perfís (profesionais e artísticos), e das entidades que habitan o sector da danza”. O obxectivo principal deste encontro era “poñer en común as diagnoses e propostas do colectivo das compañías de danza e artes do movemento, e dos profesionais da programación das artes escénicas en Galicia, para deseñar fórmulas que propicien a mellora dos índices de exhibición de espectáculos, o aumento de públicos e a sostibilidade do sector da danza”. Desde a organización da xornada subliñouse que a necesidade de acoller foros de colaboración e de debate, abertos, “é unha realidade, sobre todo co fin de analizar e dar a coñecer iniciativas e boas prácticas tanto no territorio galego como en España e no ámbito internacional, medida que se enmarca no Plan Integral para a Danza de Galicia, elaborado pola Xunta a partir dun proceso aberto e participativo do sector”.

Así, o punto de partida da xornada foi a presentación dos resultados do proceso de análise levado a cabo pola Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC) e Escena Galega, cunha achega de propostas para a mellora das programacións de espectáculos de danza e artes do movemento. A xornada arrancou  cun acto de apertura no que interviu Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, seguido por Pilar Portela, coordinadora do Departamento de Música e Danza, Carlos Lorenzo, presidente da AGPXC, Diego Meizoso, xerente de Escena Galega, e Paula Quintas, que participaron nas primeiras sesións da xornada dando conta do desenvolvemento deste proceso, facendo unha panorámica do sector e apuntando propostas de mellora.


Publicidade

Despois da sesión de presentación, para a cal a organización da xornada convidou a compañías e distribuidoras de danza de Galicia, a realizar unha presentación dos seus espectáculos incidindo na diversidade de formatos e públicos, seguiu unha mesa ao redor de prácticas inspiradoras que están a ter lugar en Galicia. Proxectos impulsados, nalgúns casos, desde o ámbito institucional, noutros desde o ámbito creativo e profesional, para expandir a danza alén dos espazos urbanos e chegar a máis públicos. Sabela Ramos, coordinadora do Proxecto Escora; Anxo Lamelo, asesor no Concello de Lugo con iniciativas como LED Lugo, Cartografía en Movemento ou as residencias Atopémonos Bailando; Eugenia Muñoz, técnica de Cultura e Turismo do Concello de Xunqueira de Espadañedo, e Nuria Sotelo, co proxecto de danza no rural A Casa Vella, participaron neste panel de experiencias.

Ademais a xornada abordou novos modelos de exhibición da danza e das artes do movemento da man de dúas expertas no tema: dunha banda, Kirenia Martínez, da compañía Kirenia Danza, impulsora de diversos proxectos descentralizados ao redor da creación e exhibición, e doutra, Nieves Lema, técnica de Cultura do Concello de Vimianzo. Xa na tarde, e coa intención de promover unha dinámica de grupo ao redor dos puntos chave abordados na xornada, Diego Parajó coordinou unha sesión de traballo conxunto e de diálogo entre compañías e programadores. A xornada pechou coa presentación de conclusións da man dos comisarios Paula Quintas e Manu Lago e do presidente da AGPXC, Carlos Lorenzo.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Bailar no ceo

O CDG coproducirá coa compañía Xerpo a montaxe de ‘Bailar no ceo’

Premios Maria Casares red

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle a gala de entrega dos XXVII Premios María Casares