O Centro Dramático Galego recupera para as táboas a obra de Xohana Torres, coa estrea hoxe, ás 20.00 horas, da primeira produción profesional de Un hotel de primeira sobre o río, que estará en cartel no Salón Teatro de Santiago de Compostela ata o 30 de abril. Gonçalo Guerreiro e María Torres dirixen esta nova produción do CDG, “afondando na poética e no estilo persoal desta gran autora galega desde unha perspectiva contemporánea que non perde a acidez, a ironía e o drama presentes no texto orixinal, gañador do Premio Castelao en 1968”.
Baixo a dirección escénica de Guerreiro e Torres, que asinan tamén a escenografía e os textos complementarios, respectivamente, as interpretacións corren a cargo de Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga, mentres que Carolina Díguele deseñou o vestiario e a produción de arte, Manuel Fonte Loureiro, a composición musical, e Nacho Martín, a iluminación.
Xira por Galicia e Portugal
A compañía pública galega retoma con esta peza a dinámica de distribución e de xiras tanto para esta nova produción, que tras a estadía no Salón Teatro poderá verse en Vigo, Póvoa do Varzim (Portugal), Vimianzo, Lugo, O Barco de Valdeorras, Ourense, Narón e A Coruña; como para a vindeira participación en xullo con Shakespeare en Roma no emblemático Festival de Teatro Clásico de Mérida ou a proposta Canta máis luz, máis sombra en México, a través da colaboración coa Compañía Nacional de Teatro dese país.
A Xunta de Galicia convidou os fundadores da compañía Elefante Elegante para se poñer á fronte da posta en escena de Un hotel de primeira sobre o río co fin de reivindicar a relevancia e a vixencia da obra dramática de Xohana Torres, figura transcendental da literatura galega contemporánea. De feito, tal e como sinalan Gonçalo Guerreiro e María Torres, o seu persoal estilo e a actualidade dos temas que aborda permiten “tomar consciencia da importancia do seu labor, coidando e nutrindo a nosa lingua, tornándose en referente en feminino e fonte de inspiración”.
Carácter visionario
A adaptación de Gonçalo Guerreiro e María Torres explora os camiños trazados pola autora, poñendo en valor un “carácter visionario” que anticipou moitas das grandes crises e temáticas protagonistas neste século XXI, como a especulación urbanística, a sobreexplotacion dos recursos naturais, o feminismo, a emigración, o apego á terra ou o éxodo rural.
En Un hotel de primeira sobre o río, o texto dialoga co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais para afondar na reflexión, o cuestionamento e o debate arredor das dicotomías rural e urbano, e progreso e tradición. O espectáculo desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa, narrando a presión á que se ve sometida para que renuncie á súa terra e ás súas raíces e evocando de xeito onírico a dualidade entre a realidade e a súa imaxinación. Este mundo emocional concrétase, así mesmo, na escenografía de Gonçalo Guerreiro, deseñada para poñer a proba o equilibrio e a estabilidade dos intérpretes.
Cinco funcións semanais
Durante o seu mes de estadía no Salón Teatro, Un hotel de primeira sobre o río ofrecerá representacións ás 18.00 horas os mércores, ás 20.00 horas os xoves, venres e sábados, e tamén ás 18.00 horas os domingos, día da persoa espectadora. Como nas producións anteriores, as dos mércores serán sesións descontraídas, que se desenvolven nunha atmosfera acolledora e con máis tolerancia ao ruído e ao movemento no patio de butacas, formuladas para aquelas persoas cunha especial sensibilidade ou con necesidades sensorias específicas para a escoita e mais a comunicación.
Despedida de Shakespeare en Roma
Esta fin de semana o Centro Dramático Galego ofrecerá de xeito simultáneo as primeiras representacións da súa nova produción e as últimas de Shakespeare en Roma, espectáculo que o domingo rematará preto de dous meses de exhibición no Pazo de Fonseca xa con todas as localidades vendidas para os seus últimos pases.