in ,

Tras da pegada dun teatro infantil LGTBQ+

Cris, la pequeña valiente
Imaxe do espectáculo "Cris, la pequeña valiente". Fotografía de Jose Luis Gutierrez.

Hoxe viaxamos ao máxico universo dxs máis cativxs da casa. Un mundo que segue a ser visto en pequeno. Escasas páxinas de análise e crítica ocupan dentro das publicacións especializadas, e pouco se trata nos programas lectivos nas escolas de arte dramática. En cambio, move un bo número de espectadores e dá moito traballo e amor axs profesionais escénicxs. Falamos do teatro infantil.

Esa xentiña miúda que senta, cando traballas na rúa, ollando con atención. Que pasan de ti se algo non lles gusta e non teñen pexa ningunha en levantar o cu da butaca cando o ritmo do teu espectáculo vai fatal. Rin todas as caídas e bailan todas as cancións. Como lles gusta ser partícipes das historias e berrar cando as personaxes están en perigo ou van facer algunha falcatruada! Tamén soñan con ser heroínas e aventureirxs. Idolatran a uns porquiños e emociónanse co xogo de luces e cor. Pero, sobre todo, saben mellor ca calquera intérprete a fórmula para facer realidade o imaxinario.

Non sei cantxs dxs que estades a ler este artigo traballades con peques, ou tedes peques na casa. De ser así, supoño tamén que sodes conscientes da delicadeza e coidado que se precisa ter á hora de xerar contidos culturais para elxs. Intentando buscar temáticas axeitadas, adecuando os rangos de idade, a linguaxe e lidando co ollo supervisor de educadorxs e proxenitorxs. E se este coidado, á hora de erguer un espectáculo destas características, inflúe na construción e interpretación do mesmo por parte dxs executantes dun modo significativo, o tema complícase se a peza trata sobre temáticas de diversidade afectiva ou de xénero.

Publicidade

Cantos espectáculos de temática LGTBIQ+ explícita se fixeron nesta pasada tempada de Nadal na nosa comunidade? Cantos coñecedes? Que falen sobre diversidade, tolerancia, compañeirismo e de que todxs somos diferentes hai moitos. Refírome a historias onde haxa dúas princesas que casan entre elas, ou que a/o protagonista sexa trans, ou onde aparezan personaxes dun xénero que gosten vestir doutro… Por poñer exemplos. 

Porque o mundo dos contos neste sentido si que nos leva algo de vantaxe. Cada vez temos máis publicacións marabillosas que falan da diversidade, e con elas contacontos que lle dan vida, como Caxoto co seu Planeta LGTB, entre outros.

Entón fixen un pequeno estudo. Busquei unha por unha todas as producións que participan nunha das feiras máis importantes de teatro infantil: FETEN. Aquí comparten espazo todo tipo de propostas a nivel europeo. Centreime na selección correspondente a esta edición, que se celebrou do 26 de febreiro ao 3 de marzo deste ano 2023. Contrastei as súas sinopses e revisei o seu material fotográfico e audiovisual na procura de pistas sobre a temática que estamos a tratar.

Das setenta e nove compañías que se presentan, non atopei ningunha referencia directa a temáticas LGTBIQ+. Isto non é indicativo de que no transcurso de cada unha das súas postas en escena non introduzan, aínda que sexa de xeito metafórico, puntual ou anecdótico algo sobre a temática. 

Certo é que atopamos referencias á identidade, á procura dunhx mesmx e  ao autocoñecemento persoal, pero nun contexto máis xeral, como no espectáculo La maleta de Ana de Proyecto Alicia e Meraki Cia.

Marie de Jongh/DOOS Colectivo do País Vasco, con Esna, comenta que o seu espectáculo “pon en valor a experimentación, o xogo de roles, formas de interactuar doutro xeito co mundo e a indagación nas relacións…” Pero tampouco fai referencia a que algunha destas premisas aborden problemáticas ou vivencias do colectivo LGTBIQ+.

Os dous últimos exemplos que falan da diversidade, do diferente, pero tampouco dende unha especificación concreta LGTBIQ+, son galegos. Falamos de Tanxarina Títeres, que presenta na feira o seu espectáculo A cazola de Lola, que trata dunha nena que leva pegada unha cazola ao seu corpo, cousa que a fai distinta, ou diferente: a rareza que pode estigmatizar ou espertar a solidariedade dxs demais. Afondando máis descubrín que esta produción é unha adaptación do relato El cazo de Lorenzo de Isabelle Carrier, un texto metafórico que evoca diferentes ámbitos da desigualdade social. Por certo que Tanxarina ten un espectáculo chamado A galiña azul no que hai moitos aspectos que nos poden levar a crear simboloxía común co colectivo LGTBIQ+ (unha galiña con plumas diferentes, que pon ovos de cores, que cacarexa dun xeito diferente…) 

A outra compañía é Cía IO con Cantas patas para un banco. Onde tamén fala da diferenza e da procura de ser quen queremos ser. Esta compañía si ten un espectáculo queer para un público máis adulto, Espida, no que a través do xogo coa roupa e o corpo reflexiona sobre o xénero, a súa deconstrución ou ausencia e o que é ou non normal.

Baseeime no marco de FETEN 2023, pero temos referencias doutras edicións onde si houbo contido LGTBIQ+ explícito. Un bo exemplo é a peza gañadora do premio ao mellor espectáculo na edición FETEN 2021 e premio Max 2022, Cris, la pequeña valiente, unha obra teatral de temática trans producida pola compañía El espejo Negro.

Publicidade

Pouco a pouco comezamos a introducir referencias ao noso colectivo en ficcións para as crianzas, pero aínda queda moito por facer de camiño cara a súa normalización. Co estudo concreto desta edición 2023 vemos que non existe ningunha proposta que na súa carta de presentación mencione especificamente o tratamento de temáticas LGTBIQ+ para a infancia. 

O feito de centrarnos en escrutinios tan concretos, como foi o caso, pode levarnos a pensar que non hai referentes, e estariamos mentindo. Claro que os hai, pero non tan visibles e en número suficiente. Esta é unha das reflexións á que nos pode levar esta pequena análise. A outra é que se nos abre un amplo camiño de investigación por diante.

E como diciamos ao comezo, escollemos este marco acoutado a modo de proba, xa que buscar entre as numerosas compañías que crean para a infancia, xa non só a nivel estatal senón especificamente en Galicia, sería como buscar unha agulla nun pallar. Por ser numerosas, por non poder asistir a todas as representacións dos seus repertorios, polo carácter efémero do teatro, o peche e nacemento contínuo de proxectos para a rapazada, etc.

Seguro que hai máis, agardo que moitas máis, pero como vedes aínda resulta complicado atopar mencións directas á cuestión da diversidade na infancia no ámbito teatral. 

A creación de contidos LGTBIQ+ para as crianzas é vital, non só para normalizar realidades existentes e para que as que pertencen ao colectivo se vexan reflexadas e acollan eses referentes. Senón para que a súa contorna sexa tolerante, xs “compis” o vexan como algo normal e as familias poidan ter recursos para xestionar unha infancia queer.

Pecho o artigo facendo, coma sempre, un chamamento. Se coñecedes espectáculos galegos que traten esta temática non dubidedes en enviárnolos, moitas veces estas propostas quedan no ámbito local ou incluso asociativo.

E, a toda a xente que vos gusta crear, anímovos a que acollades outras formas de ser e amar e as subades a un escenario.

Publicidade
Publicidade
Nico Elsker

Nico Elsker

Intérprete teatral, cabareteiro e drag king asentado en Vigo, Galicia. Formado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia na especialidade de Interpretación Textual.
Con experiencia profesional en teatro infantil, teatro de rúa, animación, audiovisual e cabaret. Comeza a súa andaina teatral no 2013 na compañía Educateatro Producións na que segue en activo. Dende o 2014 comeza o seu estudo e especialización como Drag King arroupado pola compañía de teatro travestí e creación colectiva Marinita y sus Maromas.
Como traballo en solitario, destaca os espectáculos: O Gabinete de curiosidades de Nico Elsker e Contos Invertidos, ademáis de diversos shows dentr e fóra de Galicia.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Camiño Escena Norte

Cruzamentos de Camiño Escena Norte abre o prazo de presentación de solicitudes

cdg ás oito da tarde 780x444 1 |

‘Ás oito da tarde’ recibe o Premio Max a mellor vestiario para Pier Paolo Alvaro