in

A MITCFC presenta o cartel e as datas da súa 40ª edición

Arrancará o 25 de xuño e rematará o 8 de xullo, abranguendo tres fins de semana

DIEGO SEIXO CO CARTEL DA 40 MITCFC
Diego Seixo co cartel da 40ª edición da Mostra. Imaxe da MITCFC.

A Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, achégase este ano ás catro décadas de historia e faino convertendo a vila morracense na capital do teatro durante 14 días, tal e como vén de anunciar. A 40ª Mostra, que abarcará tres fins de semana, arrancará o domingo 25 de xuño e rematará o sábado 8 de xullo, cunha ampla e diversa programación que se dará a coñecer a principios do vindeiro mes de maio.

Para conmemorar esta importante data, a organización da MITCFC quixo encargar o cartel “a un artista colaborador e cómplice da Mostra”, como é Diego Seixo, quen xa no ano 2016 fora o encargado de deseñar a imaxe da XXXIII edición. María Armesto, directora artística do festival, lembrou que Seixo leva anos vencellado á Mostra “axudando a crear a nosa imaxe artística e creativa”.

Diego Seixo, cunha ampla traxectoria artística, tamén fixo unha adaptación especial do logo orixinal que Manuel Pizcueta, un dos máximos representantes do panorama artístico de Cangas e de Galicia, deseñou en 2004 para a Mostra. Trátase dunha imaxe conmemorativa para esta 40 edición “en recoñecemento e fondo agradecemento” ao traballo realizado por Pizcueta hai agora 20 anos.

Seixo explicou que o cartel deste ano recupera unha das imaxes que xa empregara na creatividade de 2016. “Quixen darlle continuidade ao que xa fixera volvendo incorporar o personaxe inspirado en Humpty Dumpty”, o ovo vaidoso que aparece na obra ‘Alicia no país das marabillas’. O artista conta que, nun principio, o cartel ía incorporar máis imaxes de Cangas, “pero no proceso creativo apareceron outras ideas”. Finalmente, pode verse a un personaxe sen rostro que intenta manter o equilibrio no escenario, representado por unha lámpada.


Publicidade

Desde os seus comezos, a Mostra encarga o cartel a un artista galego. “A nosa idea foi e segue sendo poñer en valor o enorme talento que temos en Galicia en cuestións gráficas e plásticas”, afirma María Armesto. Neste mesmo senso, Salvador del Río, coordinador da Mostra, explica que o obxectivo é “ter unha visión do que para outros artistas significa o teatro”.

Nesta 40 edición, a organización quere celebrar o gran talento galego cunha exposición que recollerá os carteis de todas as edicións do festival, desde o ano 1984 até 2023. A mostra, comisariada por  Diego Seixo, inaugurarase antes do comezo oficial da MITCFC, no mes de xuño. Ademais dos carteis, a exposición recollerá bosquexos e outras manufacturas da creación artística dalgúns dos carteis de anteriores edicións e do propio logo orixinal de Manuel Pizcueta.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Mesa de danza da Rede estatal de Teatros Alternativos, na 36ª Dansa València.

Arrinca a 36ª Dansa València, a cita estatal de referencia no sector

'Demente' da Cía. Fran Sieira. Foto: Seimeira Producións

Comeza a XII edición do TRCDanza 2023