'The Triumph of Pan' (1636) [fragmento] by Nicolas Poussin. The National Gallery. London. Foto: Afonso Becerra.
'The Triumph of Pan' (1636) [fragmento] by Nicolas Poussin. The National Gallery. London. Foto: Afonso Becerra.
in

Eleccións

Sempre estamos en tempos de eleccións, porque a vida preséntanos, case a cada paso, encrucilladas nas que cómpre elixir. Hai que tomar decisións, se non queremos que outros as tomen por nós e hai que facelo con tino.

A min non me importa dicilo, non é ningún segredo. Eu elixo a cultura e as artes escénicas como a expresión máis sublime e completa dentro dese ámbito amplo que podemos chamar cultura. Propoño aquí, como posible definición de cultura, aquelas accións que cultivan o noso intelecto afectivo, porque emoción e cognición, para min, son unha soa cousa. A cognición, o coñecemento máis ca información, móvenos, con-móvenos, emociónanos, fainos medrar sen parar, emancípanos, des-aliénanos. Para min a cultura é iso. E as artes escénicas son aquelas que en Francia tamén chaman “artes vivas” porque se realizan en co-presenza entre seres vivos. Por tanto, nesa experiencia non mediada por pantallas, nin dispositivos dixitais, a comunicación é profunda e nela inter-actúa non só o que se ve, se oe e se cheira, senón tamén todo aquilo que é máis atmosférico, intuitivo e inconsciente. Nesa experiencia que nos ofrecen as artes escénicas dáse un intercambio de afectos, enerxías, estados de ánimo, tensións rítmicas que conducen o sentido. E nelas hai música, hai imaxe, hai literatura, hai arquitectura, hai pintura, hai escultura…. Porque as artes escénicas son a expresión cultural máis complexa e completa.

Así que eu voto polas artes escénicas.


Publicidade

Así que eu elixo a cultura. E moitas persoas dirán. A cultura é un luxo. A cultura non dá de comer. A cultura e as artes escénicas non importan, por iso na cidade máis populosa de Galiza, por exemplo, o seu teatro público está pechado máis de medio ano. Por iso, por exemplo, os edificios construídos co diñeiro de todas permanecen pechados máis días ao ano do que abertos á cultura e ás artes escénicas. Son como casas deshabitadas, mentres as compañías e as artistas case non teñen posibilidades para encontrar espazos para facer as súas creacións nin para mostralas. Mira ti que non podían abrirlles as portas en cada teatro e auditorio públicos ás compañías da súa contorna, como residentes, varias en cada teatro, xuntas ou por quendas, para que puidesen traballar alí, ensaiar, mostrar, ofrecer cursos e actividades diversas que fomentasen iso, a cultura. Pero non, os cartos foron para as empresas da construción, mentres eses edificios fican infrautilizados.

Eu elixo a cultura, porque me dá de comer e me fai medrar. E a ti tamén che podería dar de comer e facer medrar se quixeses, porque a min non che me dá de comer porque sexa guapo, fillo de papá ou me regalasen algo. Así que, espílete eses medos, non elixas os prexuízos contra a cultura e contra as artes escénicas. Escolle a mellor carreira que hai, a de arte dramática ou a de danza e coreografía, e non a de enxeñaría técnica ou administración e dirección de empresas. Escolle algo con futuro, algo necesario: a cultura. Aposta por ela, porque sen ela es menos ca un animaliño, que os animaliños tamén che teñen a súa! Vota polas artes escénicas!

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2024, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Backstage de Negro López

Backstage

Julio Fernández. Imaxe de 'Heredarás el cosmos'.

Heredarás el cosmos