in

Heredarás el cosmos

Fillo do mundo

Imaxe de 'Heredarás el cosmos' | Julio Fernández.

“Ya sé por fin lo que es la empatía.
Es la razón que me empuja a seguir sintiendo.”
(Julio Fernández)

Un ano despois da estrea, tamén na Sala Ensalle de Vigo, do seu espectáculo Nohorizontes, Anómico Teatro volve á cidade olívica para amosar, por primeira vez ante o público, a súa nova peza Heredarás el cosmos, un canto á memoria propia e da terra.

A compañía, fundada por Eva Alfonso e Julio Fernández no 2011, aposta por espectáculos concibidos dende a hibridación de linguaxes e onde conviven a performance coa acción dramática, a poesía e a narrativa, a poética e a política, os elementos audiovisuais e as instalacións…

Publicidade

Como en Nohorizontes, en Heredarás el cosmos a proposta é a dun teatro que poderiamos chamar “ecolóxico” non só pola temática relacionada coa terra e con como o ser humano se comporta co entorno, senón pola mesma feitura da proposta: austera, achegada, que interpela directamente ao público.

O discurso é memoria: memoria biográfica, onde asistimos a diversos momentos da vida de Julio Fernández no seu espazo de nacemento e á súa relación coa natureza; mais tamén memoria do espazo, unha Serra da Culebra (provincia de Zamora) explotada polo ser humano até a extenuación.

A memoria vese truncada pola ferida do incendio. En realidade, dous incendios (como non, provocados) que no verán de 2022 asolaron unhas 30.000 hectáreas cada un, sendo dos máis grandes incendios da comunidade de Castela e León e dos máis devastadores da historia de España dende que os comezamos a rexistrar. Incendios que devoraron espazos de grande importancia ecolóxica e que queimaron particularmente especies pirófitas como os piñeiros, plantados polo home dende que o franquismo decidiu que este era o cultivo máis rendíbel para a comarca.

A destrución do lume contrasta co verde das fragas de carballos que pararon os incendios e que non chegaron a arder pola súa mesma idiosincrasia natural: especies autóctonas, adaptadas e cuxa humidade protexe o entorno e xera riqueza natural.

O problema, se cadra, é o ritmo. O ritmo de crecemento dos carballos non é como o acelerado dos piñeiros, e ese contraste rítmico aparece tamén na peza en varios aspectos: a extensión dos parlamentos, a rapidez na acción física, o ritmo natural do corpo… Unha loita entre os ritmos naturais, os que seguen o pulso do sangue e pasan polo corazón, e os artificiais, que solo pasan pola cabeza e responden á idea de rendibilidade.

Unha idea, a da rendibilidade, que Julio pon en contraposición coa lembranza. O home que pasea polo entorno queimado e o neno que se tiraba a rolos pola montaña non son persoas que procuran a rendibilidade inmediata, senón que viven no agora dunha contorna que ten os seus propios tempos e que os seguirá a ter logo de que teñamos marchado todes deste planeta. Así son tamén os tempos da memoria, que rompen a demanda dun presente desconectado dos ritmos naturais como tamén o fai a proposta, que se fragmenta a través das accións performáticas ou das video-proxeccións.

Así aparecen as máscaras do “antrujo” de Villanueva de Valrojo (Zamora), un entroido que nos devolve aos tempos onde o home tiña unha relación directa coa natureza e que agora perviven grazas á explotación turística do selo “Ben de Interese Cultural”, como esa “reserva da biosfera” á que pertence a Serra de Culebra pero que ninguén respecta.

Cal é o tempo destas máscaras? Cal é o tempo do home? Cal, o tempo dos bosques? Son preguntas que aparecen logo de ver Heredarás el cosmos, unha crenza que se nos inculcou dende crianzas e que está na base do noso maltrato planetario: que o mundo é da nosa propiedade, que podemos facer con el o que se nos antolle.

Propónsenos entón, unha nova relación co público: durante o desenvolvemento da peza, convídasenos a escribir, a cantar, a poñer unha máscara… Actividades nas que realmente o que se nos amosa non é a importancia da acción en si mesma, senón o que de humano nós poñamos nela, decidindo como e durante canto tempo facelas, por exemplo, máis alá do convite en si mesmo.

Publicidade

Do mesmo xeito, o tratamento do texto, da palabra, que tanto peso ten na traxectoria de Anómico, en Heredarás el cosmos ocupa algo menos, diluíndose nas accións ou entre outros espazos sonoros.

É como se se nos convidase, todo o tempo e de diferentes xeitos, a relacionarnos (con nós mesmes, coes demais, coa peza, co mundo) dun xeito máis natural, seguindo o exemplo de Julio Fernández: tentando escoitar os ritmos naturais e respectando os nosos tempos.

Así por exemplo, cando Julio para de bailar, cansado. Ou cando se para a escoitar as voces en off ou a mirar as proxeccións, confundíndose co mar de follas da pantalla. Cando para a escoitar solemne o lamento cantado en directo, a modo de saeta, por Sandra Moya. Ou cando colle unhas raíces de uz e vólveas á vida grazas á súa propia respiración. E é que é así como podemos salvar o pouco que queda de natural no mundo –incluídes nós mesmes– respirando ao mesmo ritmo.

Publicidade
Publicidade

Heredarás el cosmos, Anómico Teatro

Texto e Creación escénica: Julio Fernández
Música: Roberto García de Mesa
Canción en directo: Sandra Moya
Dirección técnica: Jaume Blau

 

Teatro Ensalle, Vigo. 19 de maio de 2023.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'The Triumph of Pan' (1636) [fragmento] by Nicolas Poussin. The National Gallery. London. Foto: Afonso Becerra.

Eleccións

pompeya casa de los dioscuros pan encuentra hermafrodito museo de napoles |

Negligências cishetero na traduçom