in ,

Luís Álvarez Pousa e Eduardo Alonso, Premio de Honra da MIT de Ribadavia

A entrega celebrarase no acto de inauguración da 39ª mostra, o 15 de xullo

PREMIO HONRA MIT 2023

A Mostra Internacional de Ribadavia, MIT, vén de dar a coñecer as dúas persoas homenaxadas co seu Premio de Honra Roberto Vidal Bolaño na súa 39ª edición. O acto de recoñecemento desenvolverase o 15 de xullo, dentro do acto de inauguración da mostra. Tal e como recolle a acta de concesión do recoñecemento, nesta edición de 2023, en que a MIT centra o seu programa na memoria e na celebración dos 50 anos da 1ª Mostra de Abrente en 1973, “quere recoñecer tamén o traballo, a implicación e o legado de dúas persoas fundamentais na creación de estruturas institucionais estables para o teatro galego durante o primeiro Goberno Autonómico de Galicia”.

Unha das persoas homenaxeadas é o xornalista Luís Álvarez Pousa, o responsable das primeiras bases dun programa de estruturación, planificación e desenvolvemento de políticas teatrais a partir do seu nomeamento como director xeral de Cultura hai 40 anos, en 1984. “Grazas ao seu labor e ao seu pensamento, que tamén honra o digno oficio da política como tarefa ao servizo da cidadanía e da cultura, creouse o Centro Dramático Galego en 1984, os circuítos teatrais, a consolidación da profesionalización e tamén a MIT, nesa mesma data, posicionando xa a Ribadavia como expoñente de intercambio, fortalecemento dos dereitos culturais e da diversidade e calidade artística. Álvarez Pousa foi ideólogo dos principais eixes de coordinación da xestión pública da cultura escénica, como se manifestou na publicación institucional Identidades daquel ano. Alí, resumíanse os cinco puntos básicos da articulación do sistema teatral galego e a súa dotación orzamentaria: a creación do Centro Dramático Galego, a potenciación e creación de Mostras e Festivais teatrais coas súas misións e roles específicos, a política de difusión teatral, a promoción de proxectos teatrais e o apoio e potenciación das actividades que fomentasen a creación de público”, sinalan dende a MIT.

A outra persoa que queren recoñecer e honrar “polo seu compromiso e implicación· é o director de escena, dramaturgo e produtor teatral Eduardo Alonso, que ademais de ser o primeiro director artístico do CDG, “foi unha figura clave neste e noutros momentos da evolución e emerxencia do sistema teatral galego, como a elaboración do proxecto de creación do IGAEM en 1987”. Con este premio queren poñer en valor tamén “o sentido da responsabilidade institucional e o servizo ao ben común para a creación das bases de proxectos e institucións que aínda hoxe seguen a ser moi necesarias para a cohesión, a coordinación e potenciación do tecido profesional das nosas artes escénicas. As asesorías e o sentido da responsabilidade coa normalización da lingua e da cultura nun momento en que estaba todo por construír, son feitos que cómpre recordar e poñer en valor”, recollen tamén na acta. A MIT tamén quere recoñecer o seu labor de cara a facer posible “que neste foro internacional, o teatro galego poida ter capacidades de crecemento e unha digna posición e proxección de futuro”.


Publicidade

O luns día 19 de xuño a MIT de Ribadavia dará a coñecer a programación completa da MIT 2023.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Presentación Festival Atlántica 2023

O Festival Atlántica de narración oral desvela o programa da súa 11ª edición

Ivan Villar Mejor Interprete Masculino de Danza Premios Max |

O Centro Coreográfico Galego impartirá oito cursos formativos