in ,

O Centro Coreográfico Galego impartirá oito cursos formativos

Os obradoiros abordarán a distribución escénica, o xénero tradicional e a danza na saúde emocional

Ivan Villar Mejor Interprete Masculino de Danza Premios Max scaled |
Iván Villar, premio Max ao mellor intérprete de danza en 2021, impartirá un dos oito obradoiros.

A Xunta de Galicia vén de presentar oito cursos destinados aos profesionais da danza no marco do plan formativo do Centro Coreográfico Galego para este ano 2023. Os diferentes obradoiros, que se desenvolverán no segundo semestre do ano, abordarán un amplo abano de aspectos desta disciplina artística, xa que van desde a posta en escena á distribución de espectáculos, pasando pola inclusión do xénero tradicional en todo tipo de montaxes ou polo papel da danza na terapia educativa e na saúde emocional.

A unidade de danza da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades combinará no seu programa sesións telemáticas con talleres presenciais que se celebrarán en Santiago de Compostela, A Coruña e Lugo, xa que “a descentralización da oferta formativa, así como o seu natural obxectivo de dotar de novas ferramentas e técnicas á profesión, entronca coas liñas estratéxicas do Plan Integral para a Danza de Galicia”. Esta folla de ruta, posta en marcha recentemente pola Xunta tras un proceso participativo co sector, busca apostar, entre outras  medidas, “polo fomento da capacitación profesional desta actividade escénica”.

O corpo docente do plan formativo do Centro Coreográfico Galego está conformado, un ano máis, por especialistas cunha contrastada experiencia nos seus respectivos eidos como son Manuela Díaz, José Ramón Marcos Martínez, Jorge Crecis, Itziar del Val, Lilian Portela, Uxío Novo, Iván Villar e Akira Yoshida. Os prazos de inscrición para os cursos xa está abertos e as instrucións para cursar as matrículas poderán consultarse na web do Centro Coreográfico Galego.

Xullo

A actriz e profesora Manuela Díaz será a encargada de inaugurar o próximo 3 de xullo este plan formativo. No seu taller, que se desenvolverá ata o venres 7 en Santiago de Compostela, abordaranse as ferramentas da interpretación tanto para profesionais consolidados como para figuras emerxentes da danza.

Tamén en xullo, entre os días 17 e 21, José Ramón Marcos Martínez impartirá na sede do Centro Coreográfico Galego, na Coruña, o seu taller titulado Danza inclusiva como terapia educativa. O artista multidisciplinar, especializado en escena inclusiva, ofrecerá un curso teórico-práctico que brindará ferramentas cara á integración dende un punto de vista pedagaóxico e mais artístico.


Publicidade

Na semana seguinte, entre o luns 24 e o venres 28 de xullo, chegaralle a quenda ao docente Jorge Crecis, quen lle brindará ao alumnado o seu Curso sobre saúde emocional e motivación da danza. Celebrarase en Lugo e nel trataranse aspectos da neurofisioloxía aplicada á innovación educativa, á xestión emocional e á optimización do rendemento.

Setembro, outubro e decembro

Á volta do verán, a bailarina e coreógrafa Itziar del Val abordará nas súas sesións os procesos creativos e a posta en escena. Será entre o 11 e o 15 de setembro, no Centro Coreográfico Galego, onde analizará preguntas sobre a orixe das ideas, o seu desenvolvemento e as mecánicas creativas.

En setembro celebraranse outros dous cursos telemáticos incluídos no plan formativo da unidade de danza da Xunta. O primeiro deles terá lugar entre os días 18 e 22, correrá a cargo de Lilian Portela e xirará arredor da distribución comercial de espectáculos. O 30 de setembro, en xornada intensiva de seis horas e media, o xestor cultural Uxío Novo centrarase nas fórmulas para elaborar propostas coa meta de solicitar axudas públicas.

Iván Villar, premio Max ao mellor intérprete de danza en 2021, encargarase entre o 2 e o 6 de outubro de debullar as conexións creativas entre o xénero tradicional e as diferentes disciplinas da danza actual que se establecen nos espectáculos de hibridación artística. Como peche ao programa formativo deste 2023, do 4 ao 8 de decembro, o bailarín Akira Yoshida ofrecerá un taller que xoga coa transformación da linguaxe do breaking. Estes dous últimos cursos celebraranse na sede do Centro Coreográfico Galego na Coruña.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

PREMIO HONRA MIT 2023

Luís Álvarez Pousa e Eduardo Alonso, Premio de Honra da MIT de Ribadavia

Anxo Eiriz. As Nogais, 17 de xuño de 2023. Foto: Afonso Becerra

Anxo Eiriz e a Banda das Nogais