in , ,

O Festival Atlántica de narración oral desvela o programa da súa 11ª edición

Desenvolverase entre o 1 e o 9 de xullo e ofrecerá máis de 80 funcións

Presentación Festival Atlántica 2023
Presentación do programa da 11ª edición do Festival Atlántica.

O Festival Atlántica vén de anunciar este martes o programa completo da súa undécima edición, que se vai celebrar entre o 1 e o 9 de xullo. A presentación tivo lugar nunha rolda de prensa na que participaron Anxo Lorenzo, director xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural do Santiago de Compostela; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Ademais, tamén acudiron ao acto numerosos representantes de concellos, asociacións e colectivos colaboradores do festival.

Na súa intervención Felloza salientou o carácter cada vez máis internacional de Atlántica, “non só polos convidados, senón tamén pola estrea de sede en Portugal, concretamente en Pitões das Júnias, onde o festival participará nos actos de conmemoración dos 750 anos da vila”. Congratulouse tamén de que Atlántica siga a afondar “no obxectivo de que a cultura de calidade non só é para as cidades e debe chegar ao rural, buscando a descentralización dos circuítos culturais, dos espazos e dos artistas” e de que conte para logralo coa complicidade da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña.

Grazas o esforzo conxunto das entidades que colaboran no festival, os 42 espectáculos desta edición chegarán ata 24 sedes repartidas polas catro provincias galegas e representaranse máis de 80 funcións. Este ano participan en Atlántica os concellos da Coruña, Alfoz, Boiro, Brión, Carnota, Castro de Rei, Cuntis, Chantada, Dodro, Ferrol, Mondoñedo, Mugardos, Outes, Ourense, Paderne, Pobra de Trives, Pobra do Caramiñal, Rianxo, Ribeira, A Estrada, Santiago de Compostela, Sanxenxo, Teo e Vigo. A esta listaxe cómpre engadir a devandita sede portuguesa de Pitões das Júnias, en Montalegre.

Fiel á filosofía do encontro, a maioría dos 38 artistas convidados son nacionais e tamén mulleres. No programa figuran o cubano Pedro Mario López, os portugueses Luis Correia Carmelo, Rosa Gonçalves, Estefânia Surreira e Vitor Fernándes, a catalá Sherezade Bardaji e os zamoranos Charo Jaular e José Luis Guiérrez ‘Don Guti’. A lista complétase con case unha trintena de narradores e narradoras galegos habituais do festival: Quico Cadaval, Cándido Pazó, Charo Pita, Vero Rilo, María da Pontragha, Celso Fernández Sanmartín, Anxo Moure, Atenea García, Bea Campos, Caxoto, Cris Collazo, Cris de Caldas, Dani Blanco, Paco Nogueiras, Ramiro Neira, Raquel Méndez, Raquel Queizás, Lidia Luna e a propia Soledad Felloza.

Tamén haberá espazo para músicos como Ugía Pedreira, Pakolas, Luis Prego, Santi Crebeiro, Sonsoles Penadique ou Amor Herrera, así como para especialistas doutros eidos que se converterán en narradores por un día nos roteiros: Manuel Gago, Rebeca Blanco, Carlos Otero e Guillermo Llorca.

Como nas edicións previas, os contos do festival volverán soar en lugares emblemáticos do patrimonio galego: o Castelo de Castrodouro en Alfoz, o Centro de Interpretación de Cadoval en Mugardos, o Pazo de Goiáns de Boiro, ou nos Castro de Castrolandín en Cuntis ou de Viladonga en Castro de Rei, por citarmos algúns. Tamén os lugares tradicionais de traballo, tan vinculados aos contos, serán escenarios de Atlántica: a eira de Traxeito en Dodro, os lavadoiros de Penisqueira en Ribeira e o de Bendimón en Outes, a Carpintería de Ribeira en Broña. Tampouco faltarán carballeiras, campos da festa ou muíños, e mesmo nas árbores de Chantada será posible escoitar historias.


Publicidade

Renovación constante

Atlántica está a se repensar, buscando novas vías de expresión para se manter o máis viva posible. Dentro dese proceso, este ano Atlántica convida a narradores que falan en primeira persoa da migración en varios planos: emocional, artístico e literario. É o caso de Rosa Gonçalves, unha narradora portuguesa de orixe galega, unha voz con historias de ida e volta. Outros exemplos desta liña de acción son o cubano Pedro Mario López, que leva trinta anos asentado en Colombia, ou a música Amor Herrera, tamén cubana e establecida en Galicia.

O festival tamén apoia con forza as novas voces da narración oral, moitas delas cos seus inicios na propia Atlántica, outras que dan o salto dos espectáculos infantís aos de adultos, e acolle pezas que se escoitarán por primeira vez en Galicia no marco do encontro. O programa inclúe dúas estreas absolutas, como no caso do último espectáculo de José Luis Guiérrez (‘Cando deus andaba polo mundo’, o 7 xullo na Colexiata de Sar de Santiago) e da proposta do dúo ‘En branca e negra’, formado por Cris de Caldas e Amor Herrera (‘Ida e volta’, o 7 xullo no Centro de Interpretación de Caldoval de Mugardos). Alén diso, todos os espectáculos de Pedro Mario López e mais os de Rosa Gonçalves escoitaranse por primeira vez en España.

No tocante ás sedes, cómpre salientar que Ferrol se consolida como segunda sede de Atlántica, tanto en tempo como en número de funcións, pero Teo tamén destaca polos seis espectáculos que vai acoller esta edición. No caso de Santiago, sede primixenia de Atlántica, a organización aposta por ocupar un novo espazo na zona histórica, o CSC Maruxa e Coralia, pero segue a manter os lugares clásicos como o Museo do Pobo Galego e os centros socioculturais dos barrios.

Ademais, este ano Santiago de Compostela entrou na Rede Europea de Cidades de Conto (European Network of Storytelling Sites and Towns, ENSST), unha asociación que busca agrupar a todos os lugares de Europa que teñen una relación forte coa narración oral. Este feito abre a porta a conexións con artistas e profesionais internacionais e engádese ás relacións xa establecidas polo festival cos encontros atlánticos de Portugal e da Bretaña francesa.

Fin de curso con contos

Como en edicións anteriores, o programa xeral do festival vai estar precedido pola sección Atlántica Miúdo entre o 15 e o 21 de xuño. Deste xeito, Atlántica vai desenvolver un intenso programa concibido para o público infantil en centros de ensino de Santiago, Brión, Pobra de Trives, Rianxo e Cangas. Tamén están previstas funcións nas bibliotecas de Santiago e da Coruña e Vigo. Toda a información sobre os espectáculos e artistas que forman parte do programa estará dispoñible na web do festival.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

HabitarMe Fundación Igualarte e Deputación de Pontevedra 2

A compañía Al Lío xira coa peza de danza-teatro ‘HabitarMe’

PREMIO HONRA MIT 2023

Luís Álvarez Pousa e Eduardo Alonso, Premio de Honra da MIT de Ribadavia