in

Heredarás el cosmos

Viaxe de ida e volta ao cosmos

'Heredarás el cosmos'. Foto de David Rodas.

A entrada ao Teatro Ensalle está precedida dun vestíbulo cósmico, onde no negro das paredes e o teito emerxen con luz propia un cúmulo de estrelas e planetas que expanden os nosos horizontes terreais a un plano intanxible (o universo) pero existente. Un plano afastado da razón e a lóxica do pensamento capitalista que nos envolve día a día. Un plano de infinitas conexións harmónicas manifestándose en continuo movemento, expresando o que é a vida. Esta antesala do Ensalle convídanos a transformarnos en intrépidos cosmonautas que se aventuran a viaxar ao universo escénico que nos agarda alén das súas portas. Porque o Ensalle se caracteriza por programar viaxes afastadas dos circuítos convencionais, pezas escénicas como Heredarás el cosmos, de Anómico Teatro, onde a beleza e a sinceridade creativa de Julio Fernández atopan o seu camiño para chegar á terra e mostrarnos algo único: a voz propia dun autor que fai o que sente que ten que facer, máis alá das modas ou “do que lle gusta ao público”. Pezas que non se preocupan “do que dirán” e din o que teñen que dicir, alto e claro. Pezas que rompen coas estruturas lóxico-dramáticas da vida e nos transportan a universos fragmentados, onde as estruturas de opresión estouran nun big bang no que volver nacer, no que poder crear universos paralelos onde todo o imposible é posible.

Julio achéganos a esa posibilidade. A posibilidade de parar o mundo e dar marcha atrás e desfacer a desfeita, para volver á orixe da infancia (de Julio e da humanidade), para recuperar a vida que temos atropelado e matado en todos estes anos. Parece que imos como na locomotora dos irmáns Marx cunha máquina sistémica que engole todo o que atopa ao seu redor, pero dun xeito desenfreado e sen rumbo. O “máis madeira!” da película Go West en 1940 pode servir de metáfora do que aconteceu no mundo no último século, coa destrución exponencial do ecosistema no que vivimos; e Heredarás el cosmos é unha peza que afonda as súas raíces niso. Unha peza poética onde os textos nacen dalgún xeito dende a rabia e a frustración da terra recentemente queimada, que rubindo polas pernas dun ecoloxista escénico florecen a través do seu corazón e a súa voz, creando unha peza cun aire de nostalxia pola natureza perdida; pola “vida” que nos arrasa e nos queima co paso dos anos, porque non vemos avance, senón retroceso: da natureza. “Salí a la calle para gritar: ¡Podemos parar, por favor!”, bérranos Julio nun momento da peza, como perdendo a paciencia. Un berro ao estilo de Groucho Marx. Un berro de desafogo para apagar o fogo que xunto coa Sierra de la Culebra queimou a Julio nas portas do verán de 2022.

Cargado de paciencia, Julio renace nesta peza recuperando con máis forza a memoria do seu corazón, para poñela en valor. Unha memoria que sobrevive, igual que as mascaradas de inverno na Sierra de la Culebra (que nos achega en vídeo), ou os carballos autóctonos que sobreviviron aos lumes infernais que devastaron esta rexión. Dando como froito o ano seguinte moitas máis landras e moito máis grandes; retando a morte que os asediou. Poida que a arte naza do mesmo xeito, con máis forza canto máis forzas a queiran apagar. Un autor que non se rende, e aínda que cada ano o panorama de espazos escénicos “naturais” nos que actuar vai minguando, el segue a sementar. Na peza cóntanos a historia dun home que con case cen anos seguía a plantar árbores, e ao que lle facía a pregunta de para que plantaba árbores que non vería medrar. Este home tiña unha resposta moi clara e sinxela, cal é a vosa?

A paciencia fronte á velocidade descontrolada que decorre nos nosos días. Hai tamén unha forte chamada a volver a conectar cos nosos sentidos, coas nosas mans, a facer as cousas manualmente, ao noso ritmo, co coidado e cariño polo que un ten entre as mans. De aí que non é casualidade que os elementos escénicos da peza sexan maioritariamente artesanais, feitos polo propio autor. Un monicreque feito con trapos e madeiras, caretas feitas de cortiza, unhas tenaces… Incluso vai un paso máis alá e convídanos a construír as nosas propias tenaces de diaño nas nosas casas, entregándonos un manual de instrucións para iso; ou entregándonos un carbón de árbore queimada para que sobre unha cartolina (pasta branqueada de celulosa) retratemos as nosas impresións da obra.

Percibo moito simbolismo e metáforas agochadas (ou non) ao longo da peza. Todo o que sucede en escena, todo o que se ve e se escoita (e o que non) paréceme estudado e coidado ata o último detalle. Síntome coma un neno na busca de tesouros agochados baixo a superficie da narrativa escénica da peza; e paréceme que Julio o fai intencionadamente para facernos partícipes do xogo do neno que mora dentro del, de non contarnos as cousas dun xeito cartesiano, senón como poemas visuais acompañados da súa voz poética propia.

Nese afán de facernos partícipes do seu xogo, e das súas preocupacións, busca en todo momento estar conectado connosco, coma os profesores que achegan a materia aos seus alumnos dun xeito lúdico e sen ideoloxías impostas, para que estes a procesen dun xeito natural, non forzado. A peza móstranos feitos, memorias, reflexións, etc. pero en ningún momento hai unha manipulación agochada baixo os mesmos. Non é unha peza que busque o adoutrinamento e lle diga ao público o que está ben ou mal. Os “tes que” ou “es un” agochados tantas veces nas obras contemporáneas, amestrando os espectadores para pensaren, seren, ou se comportaren dun determinado xeito na sociedade; ao meu entender son destrutores do “beneficio social” que queren lograr. O exame de conciencia considero que é un traballo que temos que facer cada un de nós individualmente.


Publicidade

A peza comunícase a través de diversas linguaxes: a palabra, o corpo, os obxectos e o son creado con eles, proxeccións audiovisuais,… nos que cabe salientar tamén o canto en directo. Primeiro animando o público a cantar con el unha canción mordaz que nos remove pola súa acidez, pois nos sentimos indirectamente partícipes do que nela cantamos. E segundo coa canción que nos canta Sandra Moya agochada entre nós, en medio do público. Unha canción que remata cun: “Me duele el silencio de la gente ante lo que ve y lo que no quiere ver. Ya no hay nada que hacer.” Un momento lírico de escoita, unha paréntese, antes de volver á “terra queimada” do que acontece no escenario.

Julio volve, como noutras das súas pezas, a facer unha chamada á infancia, ao seu neno interior; ese que mantén viva a chama da vida no corazón: “Volver atrás porque me niego a avanzar. Vuelvo hacia atrás de la vejez a la infancia…”, dicindo o texto á vez que xoga co seu monicreque, como se do seu alter ego de neno se tratase.  E é que o que máis me fascina das súas obras é iso: como mantén vivo e coleando o seu neno, a pesar do paso do tempo, a pesar de estar queimado, a pesar de todo…; o peso non é unha carga que non lle permita seguir avanzando polo camiño que lle indica o ronsel da súa estrela.

E coleando, sacounos como o frautista de Hamelín da súa viaxe, para despedirse de nós na antesala do Ensalle, de volta ao cosmos.

 

Texto e creación escénica: Julio Fernández
Música: Roberto García de Mesa
Canción en directo: Sandra Moya
Dirección técnica: Jaume Blau

Colaboración documental: Myriam López Domínguez
Voz en off: Carlos Sarrió
Intervención telefónica: Ángel Encinas
Gravación manada: Carmen Menager, Ester Bellver, Emilia Román, Mamen Toribio, Ángela Monleón, Esme Quiroga, Deborah Vukusic, Leticia Almazán, Rosa Encinas, Myriam López, Laura Aparicio, Elena Varela, Rosa Espinheira, Concha López, Ruth Gutiérrrez, Beatriz Bergamín, Eva Blanco, Begoña Crespo, Elena González e Luna Gómez

Coa colaboración de: Diario El Salto, TV France 24 e Diario de noticias RTS

Residencia artística: Teatro Ensalle

Produce: Anómico

Teatro Ensalle, Vigo. 20 de maio de 2023.

David Rodas González

David Rodas González

Actor e creador escénico. Titulado superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia na especialidade de interpretación xestual. Na súa traxectoria combina a docencia coa investigación e a experimentación escénica, incorporando tamén a súa paixón pola fotografía e tratamento do espazo (en relación á súa experiencia previa no eido da arquitectura). É un colaborador asiduo nas obras de Ana Abad de Larriva.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Facer memoria Berrobambán

Berrobambán prepara un novo proxecto sonoro e teatral sobre ‘Mulleres que viven soas’

Presentación 39ª MIT

A MIT de Ribadavia presenta o programa da súa 39ª edición