in , ,

A MIT de Ribadavia presenta o programa da súa 39ª edición

Abrirá o o 15 de xullo coa estrea en Galicia da directora arxentina Marina Otero

Presentación 39ª MIT
Presentación da 39ª MIT.

A Mostra Internacional de Ribadavia, MIT, vén de presentar hoxe a programación da súa 39ª edición, que se desenvolverá entre o 15 e o 23 de xullo. Abrirá coa estrea en Galicia da recoñecida directora arxentina Marina Otero o día 15 de xullo e pechará coa estrea do proxecto gañador do III Certame Manuel María de Proxectos Teatrais, O Auto do Castromil, o día 23 de xullo. “Humor, memoria, aposta por compañías novas e emerxentes de altísima calidade e o público como protagonista” son os elementos centrais da 39ª edición da Mostra, que contará cun elevado número de mulleres creadoras: Gena Baamonde, Alessandra García, Ana Vallés, Eva Redondo, Ana Contreras, Las Huecas, Elahood, Brigitte Vasallo ou A Panadaría (a quen se lle dedica un foco especial polo seu 10º aniversario), e que protagonizan esta edición de 2023.

“Unha clara aposta pola diversidade e polos valores emerxentes”. Así se presenta unha MIT que reúne máis de vinte espectáculos e varias actividades escénicas complementarias arredor do lema “memoria, cohesión e innovación”. “Querer descubrir as creacións da xente moza do panorama estatal, moitas delas recoñecidas con premios revelación e de novos talentos”, ese é o espírito dunha MIT que tamén mira para “aquela mocidade de Abrente que con valentía e ilusión afrontou un movemento revolucionario e inaugural para a cultura galega contemporánea”.

O primeiro obxectivo é afianzar a posición internacional, coa presentación do espectáculo da arxentina Marina Otero. Na súa xira europea de verán, ademais de Viena, París, Berlín e Dinamarca, tamén situarán o nome de Galicia, grazas á apertura desta 39ª MIT. Premio do público 2021 do ZKB – Theater Spektakel de Zúrich, por primeira vez Otero non aparece en solitario no escenario nun acto consciente de narcisismo. Agora dá ordes a uns corpos masculinos para indagar no paso do tempo e as marcas que este deixa nos corpos. Un espectáculo entre a ficción e o documental, entre a danza e a performance, entre o accidente e a representación. Un impactante traballo escénico que será “un dos fitos da tempada escénica en Galicia”.

No ámbito estatal e na liña das estreas en Galicia de referentes da creación contemporánea, está o nome de Alessandra García. Mujer en cinta de correr sobre fondo negro é unha peza escénica que funciona como radiografía da persoa de barrio humilde. Con música, humor e varios obxectos nun espazo lúdico, reflexiona sobre a súper produción téxtil, o capitalismo, o entretemento, a cultura, os idiomas, o alcume e o sector servizos. Pero, sobre todo, é unha historia de risa e pensamento. Recibiu varios premios, como o Ojo Crítico de RNE, o de mellor actriz nos premios Ateneo o Max Revelación en 2022. Un fenómeno desatado dende a súa Málaga natal, moi presente na construción da peza, igual cá consciencia de clase.

Creación galega

“Como é característico, a MIT é ese festival de intercambio, convivencia e presentación da mellor creación internacional, do Estado, pero por suposto tamén de Galicia”, explican dende a Mostra,  anunciando que son varias as creacións galegas en estrea, coprodución ou colaboración. Destaca a estrea do espectáculo O Auto do Castromil, dirixida por Quico Cadaval e que supón o terceiro proxecto convocado pola Fundación Manuel María, coa que a MIT asinou o ano pasado un convenio de colaboración para acompañar e presentar os espectáculos gañadores deste “ilusionante certame”. A obra acontece nunha viaxe onírica abordo dun coche de liña. Os viaxeiros dormen e talvez o condutor. As maletas e demais bagaxes amotínanse, cobran vida e repasan unha curiosa historia de Galicia, combaten a nosa amnesia conxénita usando autos populares e farsas do autor chairego. Nelas aparece a historia alucinada dun pobo que loita, é derrotado, volve erguer a cabeza e rebelarse de novo. Unha rebelión na que, ás veces, non hai máis armas cás do humor e o espírito antroidesco. O auto do Castromil é unha viaxe en transporte público pola Galiza inconsciente, nun traballo protagonizado por Rocío González, Víctor Mosqueira, Marcos Orsi e Patricia Vázquez.

Outro dos puntos fortes desta edición é a ollada especial que a MIT quere ofrecer a unha das grandes compañías emerxentes do teatro galego. A Panadaría celebra 10 anos cunha excelente proxección e perspectiva, teatro popular e feminista, festivo e reivindicativo. Un fito será a representación nunha igrexa dun matrimonio lésbico co que conseguiron feixes de premios e recoñecementos. A derradeira función de Elisa e Marcela terá lugar na Igrexa da Madalena e será moi especial. Por outro lado, no Castelo, ofrecerán As que limpan, o espectáculo triunfador da edición dos Premios María Casares do teatro galego deste ano, unha obra que aborda a precariedade e os abusos das mulleres limpadoras de pisos e os usos e abusos do poder que exercen os empresarios da industria turística dos hoteis.

Moitas vertentes da comedia ou do humor estarán presentes nesta edición da MIT. Pero “un humor profundo, intelixente, crítico”. Así, o tamén moi popular Teatro del barrio, ofrece un espectáculo entre o documento e a sátira do musical, unha obra que exhibe as pegadas do pasado: “en xullo de 1977, Antonio González Pacheco, un policía máis coñecido como Billy el Niño, foi condecorado coa medalla de prata ao mérito policial. E o Ministro que tivo a iniciativa, Rodolfo Martín Villa, recoñeceu os servizos prestados polo axente á patria franquista e á Transición, e semellou mesmo atisbar que aquela traxectoria profesional xeraría beneficios á nova democracia. Os que non estiveron nin en pintura naquela homenaxe foron os homes e mulleres aos que torturou Billy el Niño e, por iso, aquí dáselles voz: para que lembren a súa historia e axuden a visibilizar toda a violencia coa que tamén se construíu a Transición”.

Artistas reunidos e procedentes de Italia, Arxentina, Portugal e diversos puntos do Estado, participan “nesta decisión de centrar a ollada na memoria, niso que nos constrúe e nos define como pobo, nos valores e condutas”, segundo sinalan dende a MIT. Nese senso, será moi interesante percibir a recepción e reacción do público ante unha obra que “con humor, mordacidade e atrevemento escénico” aborda o tema da industria da morte, nunha vila, Ribadavia, que tivo unha importante industria de cadaleitos e estivo moi relacionada ao longo da súa historia con este negocio. Os espectáculos serven para espertar eses terreos adormecidos e levalos ao presente. Nese sentido, a novísima e moi recoñecida compañía catalá Las Huecas, actuará diante dunha comunidade local e visitante nunha especie de rito liberador que tamén é o teatro. Trátase dunha posta en escena a medio camiño entre o teatro documental e a experimentación dos rituais, onde, ademais das performers, interveñen Núria Isern, traballadora do sector funerario e Júlia Sánchez, activista pola soberanía da morte. O seu traballo foi definido como “audacia punk, rompedor, verdadeiramente alternativo, de humor incómodo”. Gañaron o Premio Apuntador de Novas Voces da Crítica de Barcelona e son unhas desas voces emerxentes desta MIT.

Tamén nese ámbito de novos grupos e creadores/as está a compañía madrileña Sr Smith (con If, La Ligereza), a galega Vórtice escénico (que gañaron o Premio Xuventude Crea coa montaxe de Asfixia, texto co José Luis Baños de Cos se fixo co Premio Abrente de Textos Teatrais que convoca anualmente a MIT) ou a moi recente obra que vén de gañar os dous principais Premios Max ao valores emerxentes: Revelación a mellor espectáculo e mellor autoría, Cucaracha con paisaje de fondo, un espectáculo de humor absurdo e con reminiscencias ao teatro clásico que para a crítica supón un absoluto refresco da escena madrileña.

Na escolla e aposta que a dirección artística quere destacar para a experiencia desta edición, ademais das creacións emerxentes tamén está o rol do público e o seu protagonismo. Non só espectáculos onde o público vota e decide o progresión da peza, como no caso do espectáculo If, la ligereza, senón tamén a participación festiva, na celebración da vida e da elocuencia da realidade ou da excitación corporal, como en Fráxil, Handle with care, de Matarile Teatro (en coprodución co Teatro Español e o CDG), que adaptará a súa fusión de expresión visual, sonora, circense, clownesca e filosófica arredor da idea de vulnerabilidade no escenario do Castelo. A MIT, en palabras do seu director, Roberto Pascual, “quere trasladar esa mensaxe clara da relevancia do público, da integración e convivencia da diversidade de públicos nun ámbito de descubrimento, divertimento festivo e intercambio de ideas e pareceres”.

Na rúa e nos espazos exteriores das parroquias da capital do Ribeiro tamén existe unha programación con pequenas e grandes xoias. Espectáculos de danza (Elahood, o espectáculo sobre o tema das migracións da valenciana Maduixa ou Colectivo Glovo), de novo circo (Kanbahiota ou a moi recoñecida compañía italiana Dúo Kaos coa peza Time to loop, en San Cristovo o día 18 de xullo) ou aqueles máis próximos á narración oral, coma A parábola do angazo, coa que celebrarán tamén os 35 anos do aniversario da creación da compañía galega Talía Teatro na Franqueirán.

Recupera a MIT as sesións golfas, dende o clown ata a comedia musical. Nesta sección, destaca o clown galego Roi Borralas, un auténtico descubrimento que presenta na madrugada do sábado 15 de xullo o espectáculo co que está recibindo importantes galardóns coma o Premio FETEN de Xixón á Mellor Interpretación de 2023 ou Premio Zirkolika ao mellor espectáculo de Pallasos en 2022. Tamén neste capítulo atoparase a aposta de mestura entre autoficción e fábula, con partes de cabaret, da actriz con raíces ribadavienses Cecilia Vázquez, que en Lerele traza a historia dunha nena que sente a súa vida transformarse cando ve na televisión a Lola Flores, no programa de Fin de Ano de 1982. Os seus desexos e anhelos envoltos pola maxia e o poderío da “faraona” deciden o seu futuro como artista. O espectáculo mestura anécdotas coa biografía, ficción e realidade, música e confesións, baile e audiovisuais.

Ademais dos espectáculos, a MIT planifica actividades complementarias, como as Xornadas de teatro e memoria da Transición, en colaboración co Consello da Cultura Galega, obradoiros de formación en colaboración coa Escola Galega de Clown e coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia (co intérprete portugués, membro da compañía Cirque du Soleil, Rui Paixão ou coa dramaturga, directora e actriz Eva Redondo). Residencias artísticas, presentacións, premios, unha actividade de animación teatral exclusivamente preparada para esta edición da MIT 2023 e centrada na memoria do teatro galego recente por parte da compañía Os Quinquilláns e demais ofertas, detállanse no programa, que se pode consultar integramente na web do festival.

Abonos e entradas

A venda de abonos para todos os espectáculos do Castelo poderá realizarse entre os días 19 e 29 de xuño e xa a partir do 30 de xuño poderanse mercar as entradas soltas de todos os espectáculos en liña ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros.

A MIT conta co apoio do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, a Agadic-Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, diversos patrocinadores privados, o propio Concello de Ribadavia. Este ano 2023 recibiu un novo recoñecemento ao seu labor co Premio Rodolfo Prada de Xestión Cultural.

 

 

PROGRAMA 39ª MIT RIBADAVIA 2023 (15-23 XULLO)

Día 13 // XOVES (PreMIT, previas da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Teatro do Vilar. Apoio ao teatro afeccionado de Ribadavia.

 

Día 15 // SÁBADO

20:30 Inauguración oficial da MIT 2023. Alameda.

21:00 Entrega do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Fuck me – Marina Otero e FIBA – Arxentina.

00:30 – Foros MIT. Presentación do Podcast en conversa coa compañía nas Redes Sociais da MIT.

1.00 – Alameda (Ruadavia) – SOLO – Roi Borrallas – Galicia.

 

Día 16 // DOMINGO

13:00 – Presentación de libros teatrais. Praza de Abastos. Rúa Progreso.

20:00 – A Franqueirán – A parábola do angazo – Talía Teatro  – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

21:00 – Igrexa da Madalena – Programación expandida – Residencias Paraíso – Brigitte Vasallo  – Cataluña-Galicia.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Mujer en cinta de correr sobre fondo negro – Alessandra García  – Andalucía.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

 

Día 17 // LUNS

20:30 – Santo André – Alleo – Colectivo Glovo  – Galicia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Aquellas que no deben morir – Las Huecas – Cataluña.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

 

Día 18 // MARTES


Publicidade

10:00-13:00 e 15:00-18:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de clown con Rui Paixão (Portugal). En colaboración coa Escola Galega de Clowns.

20:30 – San Cristovo – Time to loop – Duo Kaos  – Italia.  (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – If (La ligereza) – Compañía del Sr. Smith – Madrid.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

 

Día 19 // MÉRCORES

10:00-13:00 e 15:00-18:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso de clown con Rui Paixão (Portugal). En colaboración coa Escola Galega de Clowns.

20:30 – Francelos – Kanbahiota – Volando vengo – Madrid.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Fráxil. Handle with care – Matarile, Teatro Español e CDG  – Galicia.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

 

Día 20 // XOVES

10:00-14:00 e 16:00-20:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso con Eva Redondo. En colaboración coa AAAG.

20:30 – Alameda (Ruadavia) – Migrare – Maduixa  – Comunidade Valenciana.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – As que limpan – A Panadaría e CDN  – Galicia.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

 

Día 21 // VENRES

10:00-14:00 – Auditorio Manuel María da Casa da Cultura – Curso con Eva Redondo. En colaboración coa AAAG.

13:00 – Salón de actos da Casa do Concello – Acto de entrega do Premio de Honra da Academia Galega de Teatro a Rosa Álvarez.

19:00 – Museo Etnolóxico – Memoria do teatro galego na Transición. Consello da Cultura Galega.

21:00 – Sampaio – Intempestiva – Elahood  – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Homenaje a Billy el niño – Teatro del Barrio – Madrid.

1:00 – Igrexa da Madalena – Elisa e Marcela (función especial. Casamento de despedida) – A Panadaría – Galicia. (SESIÓN GOLFA)

 

Día 22 // SÁBADO

13:00 – Animación teatral polas rúas. Os Quinquilláns.

14:00 – Animación teatral polas rúas. Os Quinquilláns.

19:00 – Museo Etnolóxico – Memoria do teatro galego na Transición. Consello da Cultura Galega.

21:00 – Encontro co público. Programa expandido da Residencia Artística da compañía ButacaZero coa MIT e o CDN para o espctáculo IRIBARNE. Club Artístico, Rúa Progreso.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Cucaracha con paisaje de fondo – Mujer en obras  – Madrid.

1:00 – Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura – Lerele – Bala Perdida / Cecilia Vázquez  – Galicia. (SESIÓN GOLFA)

 

Día 23 // DOMINGO

20:00 –  Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura – Asfixia (Premio Abrente da MIT 2019) – Vórtice Escénico  – Galicia.

23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Auto do Castromil – PT. Excéntricas – Galicia.

00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Heredarás el Cosmos

Heredarás el cosmos

Terceiro acto CDG

O CDG celebrará o seu 40º aniversario cun espectáculo especial