in ,

Berrobambán prepara un novo proxecto sonoro e teatral sobre ‘Mulleres que viven soas’

Vén de lanzar tamén os ‘podcasts’ de ‘Facer memoria’

Facer memoria Berrobambán
Paula Carballeira e Chiqui Pereira en Outes, co proxecto 'Facendo memoria'

Berrobambán continúa a afianzar a súa liña de creación ao redor de proxectos sonoros baseados na recollida da memoria oral e a súa hibridación co xénero escénico. Neste senso, a compañía que encabezan Paula Carballeira e Chiqui Pereira está a liberar nas últimas semanas un podcast titulado Mulleres que viven soas. Trátase dunha serie de entregas nas que se difunde a experiencia vital de dez mulleres de diferentes perfís que servirán como base para o próximo espectáculo teatral de Berrobambán.

Os testemuños repártense en diferentes cápsulas que xa se poden ir consultando en liña . En cada unha das dez entregas que conforman a serie sonora reprodúcense experiencias de mulleres diversas en xeración e percorrido vital. Na recompilación, combínanse historias de quen leva trinta anos vivindo soa con outras de quen leva pouco tempo, tamén hai quen tomou a decisión de forma consciente e para quen foi un paso imprevisto que se converteu nunha auténtica descuberta de benestar. Todas estas voces conforman un mosaico de reflexións sobre a diversidade á hora de construír fogares. As entrevistas e mais a súa edición foron realizadas pola xornalista e poeta Xiana Arias, mentres que a gravación e a montaxe correron a cargo de Berio Molina.

 

Con todo este material, Berrobambán preparará unha obra de teatro na que se mesturarán as historias reais coa ficción. O obxectivo é acadar un contraste entre a realidade e as habituais fórmulas de retratar as mulleres que viven soas por parte da ficción, a literatura, a narración oral ou o audiovisual ao longo da historia. Retratos que, tradicionalmente, evocaban condutas xulgadas como reprobables dende o prisma dos tópicos, dos prexuízos, da relixiosidade ou da simple superstición. A obra estará protagonizada por Paula Carballeira, Vero Rilo e María da Pontragha.


Publicidade

O podcast Mulleres que viven soas é un proxecto de Berrobambán que parte dun espectáculo de narración oral de Paula Carballeira e que conta co financiamento do Instituto Nacional das Artes Escénicas e da Música (INAEM), dependente do Ministerio de Cultura, para a modernización das estruturas culturais.

Catro concellos da Coruña

Berrobámbán está tamén a publicar na actualidade as entregas doutro podcast. Trátase de Facer memoria, unha iniciativa escénico e vivencial no que se dilúen os límites entre escenario e patio de butacas, de xeito que se lle brinda voz ao público para contar dende un escenario as súas lembranzas. O proxecto, que conduciu a dramaturga e narradora oral Paula Carballeira baixo a dirección de Chiqui Pereira, desenvolveuse no outono pasado en diferentes parroquias dos municipios de Mañón, Teo, Carballo e Outes.

En cada un destes municipios leváronse a cabo diferentes accións e actividades: entrevistas individuais con veciños e veciñas, xuntanzas abertas nos centros sociais de cada parroquia, reunións con escolares ou un encontro-espectáculo final no que participaron as persoas entrevistadas ao longo do proceso. O podcast Facer Memoria é o resultado de todo o material recollido, gravado e editado, e tamén se pode escoitar en liña.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Anxo Eiriz. As Nogais, 17 de xuño de 2023. Foto: Afonso Becerra

Anxo Eiriz e a Banda das Nogais

Heredarás el Cosmos

Heredarás el cosmos