Agora que o tempo se aclara e o ceo é cada vez máis azul parece que vai tocando facer balance sobre os últimos meses. Sobre o que se fixo, o que non se fixo… ou o que se debería ter feito. Sendo esta última, tal vez, a máis importante das cuestións. E tamén, ó pertencer a un plano diferente da realidade, dá para máis debate.
Coidado aquí con caer na idea do arrepentimento, que por herdanza cristiá se fixo un termo demasiado escuro. Porque non é xusto valorar as decisións que se toman baixo a presión de que existe unha escolla que nos augura todo o mal existente. O erro é parte do xogo e coñecer o erro axúdanos a entender e mellorar no futuro.
Vale que vivimos nun país que leva mal os temas da memoria, pero, no persoal, mellor non facer pactos de silencio e vivir con máis alegría as perspectivas de facelo mellor a próxima vez.
O erro é boa cousa.
Creo que nesta afirmación podemos atopar unha idea que ogallá estivese mellor xestionada nos procesos creativos, e na vida, claro. É necesario entender que é imposible alcanzar a perfección todo o tempo en todas as cousas. A realidade é inabarcable e as metas abstractas tamén.
Moitas veces teño visto a compañeiros e a compañeiras deixarse levar pola frustración cando algo non remata por saír ben. E non me agocho porque a min me ten pasado.
E precisamente por iso penso sinceramente que ás veces sobredimensionamos a importancia de cousas que, coa mente un pouco máis fría, sabemos xestionar perfectamente. Pero o ímpeto do momento non deixa ver con claridade.
Ás veces relativizar non é malo. E non falo de entender que un día malo o ten calquera, falo de que non se lle pode esixir á xente (nin a un mesmo) ser brillante e excepcional nas cousas que fai. Normal está ben. Normal é o que ten que ser. E dende aí, tal vez, dende a normalidade das cousas, pode, en certas ocasións, aparecer o excepcional. Pero pedilo, e pedírnolo a nós mesmos é inxusto. Moito. E non pode ser.
Incluso cando todo está ben. Cando todo está no nivel normal das cousas, podemos sentir que iso é máxico. O normal éo. O cotián éo. Por que buscar en lugares que nos implican sacrificar a nosa saúde?
No noso oficio, como no noso paso polo mundo, é indispensable coidar o que podemos dar e valorar con cariño o que somos. Porque o que seguro non somos é un cítrico ó que espremer ata o infinito.
Non vos espremer. Non somos cítricos. O normal é ideal.