in

A vedete e a corista na 40ª MITCF de Cangas

Sol Picó e Miquel Marilach nos saúdos ao remate de 'Malditas plumas' no Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela, 40ª MITCF de Cangas. Foto: Afonso Becerra
Sol Picó e Miquel Marilach nos saúdos ao remate de 'Malditas plumas' no Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela, 40ª MITCF de Cangas. Foto: Afonso Becerra

Para unha nena, a visión dunha vedete rutilante de plumas e abelorios brillantes, no contexto escuro dos anos finais da Ditadura, sen dúbida, podía ser como a imaxe dunha deusa salvadora respecto a toda aquela grisalla, que algúns parece que queren que volva.

Para unha nena, veciña do Paralelo de Barcelona, a avenida que bordea o Montjuïc e baixa até o mar, onde se situaban os teatros máis populares, os da clase obreira charnega, os espectáculos de revista e todo o que os rodea non podía ser algo alleo. Teatros como El Molino, a imaxe do Folies Bergère de París, nos que triunfaban as vedetes, podían supoñer ese espazo liminar entre a realidade e a fantasía, entre o cotián e o extraordinario.

Sol Picó, de vedete, en 'Malditas plumas' co público da 40ª MITCF de Cangas. Foto: Afonso Becerra
Sol Picó, de vedete, en ‘Malditas plumas’ co público da 40ª MITCF de Cangas. Foto: Afonso Becerra

Sol Picó veu á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas do Morrazo, a 40ª MITCF, con Malditas plumas e tróuxonos algo que transcende ou atravesa danza, teatro e folies bergère. E a min volveume encandear, como sempre que tiven a sorte de ver as súas sorprendentes creacións. E digo creacións e non só espectáculos porque a Picó, ademais de dominar a artesanía do teatro e a da danza de xeito impecable e virtuoso, sempre nos sorprende coa súa capacidade para xerar imaxes escénicas fermosas, transcendidas por dimensións simbólicas e metafóricas que non se afogan en delirios artísticos. Pola contra, sempre coida, sobre todo, os pactos de xogo co público. Trátase de dramaturxias que absorben e mesturan elementos populares heteroxéneos, para transformalos nalgo novo e único que non perde nunca esa enorme vontade por conectar co público, por chegar ás espectadoras e espectadores dun xeito fresco.

En Malditas plumas mestura autoficción, na confesión que nos fai, en diferentes números da peza, do que quería ser cando era nena, con danza contemporánea, cabaré e revista.

Os números do show lévannos a unha viaxe á Barcelona dos 70-80, e ao Paralelo dos anos 20, ao teatro de revista, ao casting internacional que unha produtora norteamericana andaba a facer na busca dunha Escarlett O’Hara para a segunda parte da película, á pelexa entre as aspirantes ao papel, entre as que, segundo nos conta, estaba a adolescente Mari Sol Picó, á emisión beatífica do NODO franquista, en contraste coa transgresión cabareteira, ás dificultades dunha muller pequena, con imaxinación creadora xigante, para converterse nunha daquelas vedetes, altas e de pernas e brazos longos.

Picó fainos esa confesión de autoficción, mentres baila nunha expresión da loita por atinxir os soños contra vento e marea, cando che din, como lle dixo Lita Claver, a Maña, que iso non é o teu e que mires de dedicarte a outra cousa.


Publicidade

Deste xeito o show sitúase case na mestura entre o solo de danza e o monólogo dramático, no que a protagonista enfronta un conflito existencial (que non existencialista). Pero aquí, en Malditas plumas, o singular humor e a ironía de Sol danlle a volta e deconstrúen  o estilo da revista musical, entre a imaxe surrealista das plumas, que flotan na dereita do escenario, e a instalación de luces e altofalantes nus, incrustados en caixas de táboas de madeira rústica, formando un muro, escaleiras e escenarios dentro do escenario. Metáforas que atravesan e singularizan os posibles clixés do xénero da revista, nun exercicio que é algo máis do que darlles a volta ou parodialos. Por exemplo, cando fai a morte do cisne no comezo, no que loitaba por erguerse do chan. Unha deconstrución posdramática que ten a arte, a graza e o enxeño de non cortar esa conexión do popular co público. Nesa liñaxe poderían estar as evocacións-homenaxe a La bien pagá, La Bohème ou a Marlene Dietrich e onde non podía faltar o tema “Yo soy la vedette” de Fernando Moraleda.

As figuras da vedete e da corista acaban por erixirse, sen ostentacións retóricas, nunha metáfora respecto ao que se considera o éxito e a súa aparencia rutilante, fronte á discreción e o traballo de formiga das imprescindibles coristas, o coro, a comunidade composta por persoas anónimas, as da base da pirámide. Na artista, sen dúbida, están eses dous símbolos ou aspectos, a da estrela e a da traballadora de pico e pa. E, ao mesmo tempo, a reflexión sobre a decrepitude, non só a dun xénero, a revista, que tivo os seus anos dourados noutras épocas, senón a dos corpos nos que vivimos e cos que atinximos o esplendor para, despois, camiñar cara á decrepitude e a morte. Ese medo que adoita achegarse cos anos e do que tamén nos fala Sol Picó (Alcoi, Alacant, 1967), que segue en plena forma. A creadora fai un tour de force, nesa mestura que tan ben reflicte o seu vestiario, entre o chándal deportivo de adestramento do contemporáneo e os abelorios brillantes cos que está confeccionado, que ofrece a imaxe da estrela de revista. E, nomeadamente, na súa habelencia para moverse sobre as puntas, cunhas zapatillas de ballet, e incluso saltar sobre elas cos dous pés á vez, diante do micrófono, nun brutal xesto de forza e poderío.

Así, nunha homenaxe ao teatro frívolo de revista, transgresor e multidisciplinar antes ca outras poéticas contemporáneas, Sol Picó tócanos facendo emerxer, entre a diversión e o entretemento, a reivindicación da muller traballadora no ámbito artístico, a que se ten que ganar as lentellas e a que quere comer algo máis ca lentellas, igual que a corista que soña con ser vedete. A muller emancipada e creadora que se permite a alegría, a que se defende soa, a que se busca a vida, a que sae adiante malia o contexto adverso, a que pode brillar.

Che Mariño, Casilda Alfaro, María Armesto, Sol Picó e Afonso Becerra, despois de 'Malditas plumas' na 40ª MITCF de Cangas. Foto: Alberte Bello
Che Mariño, Casilda Alfaro, María Armesto, Sol Picó e Afonso Becerra, despois de ‘Malditas plumas’ na 40ª MITCF de Cangas. Foto: Alberte Bello

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Velar Fran Martínez Foto de Marcos Loopez

O Teatro Gorrilla celebra o Orgullo cunha edición especial

Raquel Castro gaña o VI Torneo de Dramaturxia de Galicia

A MITCFC acolle a VII edición do Torneo de Dramaturxia de Galicia