in ,

Fuck Me

O corpo doente da bailarina crebada

'Fuck Me' de Marina Otero. Imaxe de Álex Sobrino @alxsobrino.
'Fuck Me' de Marina Otero. Imaxe de Álex Sobrino @alxsobrino.

“Primero cógeme y después hablemos de amor.”

Marina Otero.

Sabemos todes que o teatro é o lugar adoitado para “mirar”. Un espazo privilexiado onde a mirada é a protagonista, tanto para es espectadores que sentan na butaca para “mirar” un espectáculo, como para es artistes, que empregamos o chan do escenario para mirarnos a nós mesmes.

Esta é a proposta coa que Marina Otero abre a 39ª edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Fuck Me é unha volta sobre si mesma, baseada na vinganza e na imposibilidade de movemento e todo o que iso provoca nunha bailarina de corpo crebado.

Afirma Otero que a peza nace como investigación sobre a dor, unha autoficción que emprega o tempo que pasou limitada de movemento, tras unha operación de hernia de disco e no que non puido “coger”, como material de partida sobre o que observar o movemento do corpo impedido. E faino proxectando fóra de si as súas necesidades, as súas frustracións, os seus desexos… sobre os corpos de 5 bailarines.

Cinco corpos masculinos que aparecen no espazo baleiro do escenario completamente espidos mais enchidos de forza e presenza escénica. Cinco corpos que farán no escenario todo o que a bailarina non pode facer. Cinco corpos que serán dirixidos por ela como titiriteira, nunha reivindicación da vinganza que nos interesa máis como exorcismo que como mirada feminista, invadida esta de sorna capitalista.

A ironía goberna a peza como unha ollada cansada, repasando o feminismo, a sexualidade, o postcolonialismo europeo ou a ditadura arxentina cun humor acedo e revirado, abondando na filosofía adolescente que asola Europa (só Europa?) hoxe en día. Unha especie de “fuck you” a todo pero que non é máis que pose, pois debaixo das frases feitas aparece outro discurso, profundo e conmovedor, no que a dor e a culpa son os eixos fundamentais do movemento.

A bailarina impedida precisa de seguir movéndose e faino a través dos corpos dos homes que xenerosa e fanaticamente poñen ósos e músculos ao seu servizo. Corpos que constrúen partituras inspirándose e repetindo coreografías que Otero fixo no seu pasado, mesmo dende que comezou a bailar dende nena, como ben amosan os vídeos proxectados nos que a bailarina achega un material documental e biográfico. Un emprego da vaidade e do narcisismo consciente, que nos axuda a que esvaezan os trazos egoicos e que agrome a honestidade.

Así a dor, física da recuperación do corpo fendido, emocional da limitación da artista que precisa bailar para expresarse, convértese en motor da creación, lanzando os corpos contra o chan do escenario como fixera Otero nas súas propias pezas, un movemento que a identifica como coreógrafa e como persoa.


Publicidade

En contraste co ímpetu dese movemento e doutros, que repiten unha e outra vez es extraordinaries bailarines e intérpretes que compoñen o elenco, Otero queda sentada nunha cadeira durante a maior parte do espectáculo (dende onde reparte as súas ordes coas que aproveita para falar da cousificación dos corpos e para vingarse da súa dor) ou camiña como unha figura espectral polo medio do vigor dos homes danzantes. Movementos deseñados ao milímetro e que achegan distanciamento, profundidade, dimensións alternativas.

Aí é onde o discurso sobre a cousificación se volve interesante. Lonxe do feito de que unha muller dirixa a un feixe de homes, a Otero emprega os corpos des outres para falar sobre a entrega, unha entrega fanática onde es bailarines ceden os seus corpos para personificar á propia artista como fanáticas eran as fans de Sandro, cantante e ídolo arxentino, e cuxas cancións son banda sonora da peza, nun eco que sentimos máis que entendemos.

Por outra banda a culpa, que a artista tira sobre nós dende o escenario como europees privilexiades que somos, pero que non esconde a propia culpa, como o prezo que a artista paga pola súa ambición escénica: ter que marchar do seu país, xirando de festival en festival, expoñer as súas vísceras en escena, porque non se pode falar dunhe mesme sobre o esceneario sen poñer as vísceras en escena, mentres a vida pasa e o amor verdadeiro fica convertido en soño imposíbel agochado en Bélxica.

Finalmente, non quero deixar de mencionar un punto de perversión esencial que achega esta peza. Se ben Fuck Me é a terceira parte dunha triloxía na que Marina Otero fala da memoria (non por nada a chamou Recordar para vivir), tamén é parte dun díptico que se completa con Love Me (estreada no Festival de Otoño de Madrid en 2022) e que sería algo así como “primeiro follar, despois amar”: unha distorsión na que capitalizamos as relacións sexuais como un outro ben de consumo, crendo que somos quen de escindir sexo e afecto.

Non é así, e en Fuck Me podemos ver a mirada de Marina sobre si mesma. Unha mirada sexualizada e que emprega o sexo como defensa, como agresión e como barreira na intención de protexer un baleiro que ten que ver coa intimidade e que se lle escapa cada vez que fala de si mesma, da súa falta de valoración, da necesidade dunha mirada allea que a recoñeza. Unhas fendas de vulnerabilidade que a expoñen máis que calquera espido.

O espido físico é metáfora do emocional, e así Otero e bailarines falan da beleza e da necesidade de transformar a dor en beleza (se cadra sexa esa a nosa misión última como artistes) ou do paso do tempo e a vida que queda atrás, imposíbel de retomar como imposíbel é tomar decisións diferentes das que tomamos no seu momento.

Fuck Me é unha sucesión de conmocións que acontecen no escenario grazas ao compromiso da artista e o seu equipo co momento presente, algo que achega unha vida á escena que fai que, como espectadores, non desconectemos nin un segundo do que acontece, sen importar realmente o que ou o como.

Un xeito magnífico de inaugurar esta nova edición da MIT de Ribadavia, que ten a memoria e o compromiso coa liberdade e a diversidade como lema fundamental e, eu diría, absolutamente necesario no noso momento presente.

Fuck Me, Marina Otero

Dirección e Dramaturxia: Marina Otero

Asesoría de dramaturxia: Martín Flores Cárdenas

Edición dixital e Música orixinal: Julián Rodríquez Nona

Elenco: Augusto Chiappe, Matías Rebossio, Fred Raposo, Juan Francisco López Bubica, Miguel Valdivieso, Marina Otero

Deseño de vestiario: Uriel Cistaro

Iluminación e Deseño de espazo: Adrián Grimozzi

Dirección técnica: David Seldes, Facundo David

Axudantía de dirección: Lucrecia Pierpaoli

Asistencia coreográfica: Lucía Giannoni

Axudantía de iluminación e espazo: Carolina García Ugrin

Artista visual: Lucio Bazzalo

Auditorio Rubén García, Ribadavia. 15 de xullo de 2023.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'EVERYWOMAN' von Milo Rau / Ursina Lardi Uraufführung Mi 19. August 2020, Salzburg. Foto: Thomas Aurin

‘Everywoman’ de Milo Rau e Ursina Lardi | Schaubühne Berlin

Foto: Dentro do Covil

‘A equipa’ de Afonso Cruz e Rui M. Silva | Dentro do Covil