in ,

Danza no claustro 2023

Converxencia do corpo como unidade colectiva

Foto Antonio Salas - Bailarina Ana F Melero / Danza No Claustro en santa María de Xunqueira de Espadanedo 6 de Agosto de 2023
Foto Antonio Salas - Bailarina Ana F Melero / Danza No Claustro en santa María de Xunqueira de Espadanedo 6 de Agosto de 2023

Cando Maruxa e Erik falan de Danza no Claustro fan moito fincapé na idea dunha nova mirada, dunha vangarda cun profundo poder nos diferentes contextos sociais nos que se produce. A converxencia tan efémera, xerada entre o patrimonio, a danza e a propia comunidade de cada un dos municipios que participan en Danza no Claustro, permite que a través dos ollos de cada cidadá e cidadán que asiste ós eventos, as artistas habiten e transformen o espazo, que adquire unha nova singularidade, unha nova forma de construción. Un compendio no que arquitectura, corpo e movemento se entrecruzan aos ollos dun público que revisita un espazo completamente cotián dende un novo lugar.

O equipo de Sólodos fala dun poder transformador na xeografía de cada un dos claustros. Melón, Santo Estebo e Xunqueira de Espadañedo convértense nos escenarios e escenografías dos repertorios dos artistas, transformando, revisitando e adaptando cada proposta a cada un dos lugares onde o efémero da danza se vai producir e onde cada obra bebe do propio espazo, para xerar unha experiencia que só pode vivenciarse no contexto deste festival. Esta converxencia entre a propia escenografía arquitectónica de cada claustro e as propostas dos artistas permite que a danza adquira un carácter aínda máis sensible do habitual, onde as novas creacións conectan de forma directa cun patrimonio con séculos de historia, facendo que pasado e presente convivan durante un momento efémero na mirada de cada espectadora.

Danza no Claustro foi fundado en xuño de 2013 no Claustro de San Francisco, na cidade de Ourense e forma parte da Rede Acieloabierto dende 2021.

Danza no Claustro 2023. SoLODOS en danza.
Danza no Claustro 2023. SoLODOS en danza.

O primeiro fin de semana de agosto aconteceu unha nova edición do festival na provincia de Ourense, o venres en Santo Estebo, o sábado en Melón e o domingo en Xunqueira cun programa diverso, dinámico e orixinal en canto a estilo, dramaturxia e dinámicas. O programa corre a cargo de No man’s land Cie, Ana Melero, Hector Plaza e Kiko López e pecha co galego Daniel Rodríguez. As artistas transforman cada unha das propostas, adaptándose non só a singularidade do espazo senón que tamén entre elas, ofrecendo ao público asistente un espectáculo dinámico e lixeiro sen apenas parada e case construíndo unha única proposta artística onde os finais das propostas se fundían cos inicios das seguintes, nun lugar único que servía como elemento de conexión entre cada obra. Esta converxencia vese potenciada polos vestiarios utilizados polos artistas. Nestas últimas edicións o festival colabora coa prestixiosa firma galega Adolfo Domínguez, que viste aos intérpretes con novos outfits pertencentes á propia firma e que encaixen na medida do posible na dramaturxia das propostas artísticas. Todos estes elementos fan de Danza no Claustro un festival que se debe vivenciar, un encontro único entre o patrimonio galego e a danza contemporánea máis actual, que o pasado fin de semana ofreceu un espectáculo perfectamente empacado.

A apertura da sesión corre a cargo de No man’s land Cie, que conectaba cun pequeno prólogo que anunciaba como se pecharía a sesión coa proposta de Daniel Rodríguez. No man’s land Cíe, presentou Me fui con tu nombre, unha proposta a cargo de Lèmia Boudhiaf e Marcelo Guaigua (Ecuador-Francia/Túnez). Boudhiaf e Guaigua pechan en Danza no Claustro unha longa xira ó redor de toda España con esta proposta que xa pasou anteriormente por outros festivais de referencia nacional como Cádiz en Danza, Deltebre dansa ou os veciños galegos de Abanea. Con Música orixinal de Pablo Molina e textos de Jorge Enrique Adoum, en Me fui con tu nombre apréciase a contraposición entre a potencia física e a fraxilidade do acto de ser. Lemia e Marcelo abren os seus corazóns para facer unha proposta que viaxa entre a fisicalidade, o dinamismo do movemento e a intimidade de dous corpos que se atopan e se perden, nun espazo que cambia de forma constante. A peza destaca polo encaixe e compenetración que se produce entre ambos intérpretes, tanto nos momentos de contacto como nos que non o son. A conexión que se produce entre Marcelo e Lemia permite ó público asistente conectar cun pasado común no artístico, onde os dous intérpretes presentan unha proposta coidada e potente.

A piques de rematar a proposta ecuatoriano-francesa, aparece dentro do espazo escénico a andaluza Ana Melero, que acaba de aterrar en España tras a súa recente xira por México coa compañía luxemburguesa-alemá de Sahed Hannii. Melero presenta Latente, unha obra chea de cor, cunha construción espacial moi intelixente que se adapta e conecta coa propia arquitectura do claustro. O espazo sonoro corre a cargo de Fernando Careaga e a voz en off é da tamén bailarina Lucía Montes, que acompañan a Melero dende os altofalantes. En Latente apreciamos o contraste, a viaxe constante de ser e cambiar, a experiencia persoal dun individuo nun proceso que vivencia e o transforma. Ao longo de toda a peza vemos múltiples trazos dunha artista cunha potencia sen final, unha profunda madurez escénica e un control absoluto en canto a técnica e movemento. Latente destaca polo uso da cor, da dinámica e polo cambio constante, a utilización de sensacións opostas, do humor case satírico e a rudeza no divertido, da sensibilidade e a forza, a intimidade no movemento e a proxección interpretativa. Latente é un claro exemplo dunha obra que potencia as capacidades artísticas da súa creadora e intérprete, onde Melero se mostra ata as vísceras e ofrece aos asistentes un percorrido pola experiencia de vivenciar nas súas carnes o proceso da experiencia de ser artista do movemento. En Latente apréciase o que está oculto, embaixo da pel, inactivo na actividade de ser bailarina. Latente é un exemplo de excelencia na potencialidade de ser artista. Ana xoga durante a súa performance cunhas flores amarelas que enmarcarán a súa primeira escena e que, ademais, servirán como elemento conector coa proposta de Kiko López e Héctor Plaza.


Publicidade

Foto Antonio Salas - Bailarina Ana F Melero / Danza No Claustro en santa María de Xunqueira de Espadanedo 6 de Agosto de 2023
Foto Antonio Salas – Bailarina Ana F Melero / Danza No Claustro en santa María de Xunqueira de Espadanedo 6 de Agosto de 2023

Plaza e López irrompen no espazo escénico dende a observación, dende a mirada, constrúen coas flores, e xunto con Ana, unha transición que parece pensada dende a súa creación e que servirá como un final perfecto para a proposta de Melero, que deixará latente a súa esencia no inicio do dúo masculino.

Plaza, de Castela e León, e López, de Valencia, presentan Lo que los árboles no cuentan, un dúo que xoga co íntimo e a complicidade do seus intérpretes e as excelentes aptitudes no referente á danza de ambos artistas. A peza, con música de Tom Ashbrook e asesoramento de Agnés Sales invita á espectadora ao desfrute do íntimo, a converterse nun observador inmóbil da complicidade entre dous individuos que son un, na escoita dun corpo común, dunha estrutura que case representa o que debería ser referente social, unha entidade conxunta, un equipo. Kiko e máis Hector fan xustiza á calidade e profesionalidade no que a danza se refire, tanto na execución como na presenza e interpretación escénica, traballando dende unha profunda musicalidade e unha corporeidade compartida, onde se observa un background que bebe das danzas urbanas e que respira contemporaneidade, facendo da obra unha proposta fresca e innovadora. A mirada de Héctor e o sorriso de Kiko absorben a mirada do público e impiden que este saque os ollos da obra en ningún momento.

É esta mirada e este corpo común o que fai a transición do seu colectivo ao galego Daniel Rodríguez que pecha este programa tan diverso e rico. Rodríguez presenta A raíz de, unha proposta que, sen dúbida, é a marca de auga da danza contemporánea galega nos festivais de danza deste 2023 en todo o Estado. A Raíz de formou parte xa doutros festivais galegos como Escora ou Abanea, así como de festivais nacionais de referencia como Trayectos na comunidade aragonesa ou Cuadernos Escénicos nas Illas Canarias. A raíz de é, con absoluta certeza, o peche perfecto para calquera programa de danza na nosa comunidade, xa que nesta obra a vangarda contemporánea mestúrase nun equilibrio perfecto coa tradición e as raíces da cultura galega. Na obra Daniel fai un alarde marabilloso de coñecemento da tradición, achegando a esta unha nova visión, revisitando a música tradicional a ritmo de Baiuca e coa voz de Aida Tarrio, unha das Tanxugueiras. Rodríguez presenta unha obra, viva, dinámica, fresca e lixeira, que anima ao público e que invita a moverse dende a butaca da espectadora. A raíz de fala de futuro, de potencial e da calidade dos artistas de Galiza e representa, sen lugar a dúbidas, un colectivo de artistas galegos que comezan a ser referentes en todo o ámbito estatal. Rodríguez pecha este festival dende a honestidade dunha identidade verdadeira sen pretensión e con forza, calidade e innovación.

Danza no Claustro consegue, nesta edición, un programa único en canto a calidade, diversidade e conexión co público asistente. Esperemos que este festival, cun formato tan especial nos claustros galegos, siga medrando e acabe por converterse nun referente estatal en canto a coidado do equipo, público e artistas. Danza no Claustro é, sen dúbida, unha cita obrigada cada verán para toda a cidadanía galega, os xa amantes das artes do movemento e as persoas curiosas, que seguro quedarán prendidas desta disciplina nun contexto tan máxico e favorecedor como é o que conseguen Erik e Maruxa en Danza no Claustro.

Danza no Claustro 2023. SoLODOS en danza.
Danza no Claustro 2023. SoLODOS en danza.

Xián Martínez Miguel

Xián Martínez Miguel

Xián Martínez, naceu en Vigo, Galicia en 1996. Comezou a súa formación profesional en danza no Real Conservatorio Profesional de Danza "Mariemma" e posteriormente licenciouse en coreografía e interpretación no Conservatorio Superior de Madrid. Como intérprete, Martínez formou parte da compañía vasca Dantzaz dende 2019 ata 2021, onde interpretou repertorios e formou parte de creacións de diversos creadores como Vita Osojnik, Martin Harriague, Thierry Malandain, Itzik Galili entre outros. Posteriormente e ata a actualidade desenvolve a súa carreira como intérprete e como bailarín freelance. Traballou en proxectos en Francia, Alemaña e España con artistas como Alex Ollé, Marta Pazos, Sol Picó ou Toni Mira. Desde 2019, Xián codirixe iXa, unha plataforma arredor das artes do movemento que pretende achegar a danza a lugares e públicos con menos acceso. Dende iXa, Xián creou dúas pezas para o salón 'Pioneiras//Aitzindariak' e 'Nik·Eu', ambas actualmente de xira e 'Tacto' e 'Ollos cara adentro'. Tamén creou outros traballos para outras plataformas como 'Yellow Lemon', 'Xeración Z' ou 'Nun Zira?'. Martínez é actualmente asistente coreográfico da nova montaxe de Marta Alonso Tejada, 'Dancing Queen'.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A nova directora de Escenas do cambio, Kirenia Martínez co Director Xeral de Cultura Anxo Lorenzo e a Xerente da Cidade da Cultura Ana Isabel Vázquez. Rocío Cibes 28/07/23

Kirenia Martínez é a nova directora do festival Escenas do Cambio

'Cucaracha con paisaje de fondo' de Mujer en obras. Imaxe: Rosiña Rojo para a MIT de Ribadavia.

Cucaracha con paisaje de fondo