O Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán inicia mañá, sábado 2 de setembro, a súa vixésimo segunda edición, que continuará os días 3, 9, 10, 16, 17, 22 e 23 deste mes. As representacións terán lugar no Salón Teatro, no Teatro Principal e no Centro Sociocultural de Santa Marta ás 20.00 horas. Participarán na programación seis compañías: Desfeita Teatro, Teatro de Cámara Ditea, Hipócrita Teatro, Avelaíña Teatro, Pico do Castro e Ditirambo. O festival está organizado pola Federación Galega de Teatro Afeccionado, Fegatea, cuxa sede acollerá tamén un obradoiro de construción de máscaras de cartón, impartido por Marcelino de Santiago, “Kukas”, que durará dúas xornadas.
Un encontro consolidado
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, participaron esta semana na presentación desta nova edición do Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán, que conta co apoio da Xunta de Galicia.
O director xeral de Cultura felicitou a Federación Galega de Teatro Afeccionado, promotora da iniciativa, por “ter consolidado un festival que cada ano demostra o potencial do teatro amador de Galicia e a súa capacidade para atraer públicos e fidelizalos”, explicou.