in ,

Coimbra acolle a Mostra de Teatro Galego

Desenvolverase entre o 28 de setembro e o 7 de outubro

O porco de pe scaled |
'O porco de pé', de Excéntricas. Imaxe de Sabela Eiriz.

A Mostra de Teatro Galego en Coimbra reunirá do 28 de setembro ao 7 de outubro unha ducia de nomes propios das artes escénicas galegas arredor dun intenso programa de espectáculos, exposicións, obradoiros, relatorios, lecturas dramatizadas, unha residencia artística e unha feira do libro galego. A Xunta de Galicia colabora nesta iniciativa, coproducida pola compañía portuguesa A Escola da Noite e a asociación Cena Lusófona coa implicación de diversas institucións locais.

O programa acolle artistas e compañías como Quico Cadaval, Cándido Pazó, Excéntricas Producións, Contraproducións, Sarabela Teatro, Teatro do Atlántico, Os Náufragos Teatro e AveLina Pérez, así como o Centro Dramático Galego, que contribuirá coa recuperación de Castelao e a súa época. Este histórico proxecto teatral de Ricart Salvat na súa etapa como director artístico do Círculo de Iniciação Teatral da Academia de Coimbra, a finais dos anos sesenta do pasado século, presentarase en formato de lectura dramatizada baixo a dirección de Carme Portaceli, directora do Teatro Nacional de Cataluña, a partir do texto adaptado por Fran Núñez, director do CDG. Ambas as entidades traballaron conxuntamente co devandito Círculo de Iniciação Teatral e baixo a coordinación de A Escola da Noite e a Cena Lusófona para volver poñer o foco sobre a historia desta malograda peza, que se pensou perdida durante anos.

Programa

O primeiro espectáculo galego que se poderá ver en Coimbra será O porco de pé, adaptación da novela homónima de Vicente Risco que Producións Teatrais Excéntricas levará á escena o 28 de setembro no Teatro da Cerca de São Bernardo. Este mesmo escenario recibirá o 1 de outubro a Sarabela Teatro con Arraianos, o 5 de outubro a Contraproducións con Cigarreiras, e o 7 de outubro a Os Náufragos Teatro con Hugo.

O quinto espectáculo galego do programa será Libre coma os paxaros, de Teatro do Atlántico, que se representará no Teatro Academia de Gil Vicente o 7 de outubro e servirá como peche na xornada de clausura.

A presenza da escena galega completarase cos dous espectáculos de narración oral de Cándido Pazó e Quico Cadaval, cunha lectura dramatizada que dirixirá Ánxeles Cuña Bóveda e coa instalación performativa Sobre ese silencio, de Avelina Pérez. Pola súa banda, Carlos Santiago e Clara Gayo, xunto a Zé Paredes, actuarán na presentación do libro À mesa. Tamén o baile tradicional galego terá o seu espazo nesta mostra cun obradoiro e un espectáculo de Mercedes Prieto e Sergio Cobos canda ao Rancho Folclórico das Tricanas de Coimbra.


Publicidade

Por último, o Círculo de Iniciación Teatral da Academia de Coimbra, espazo central do teatro universitario no panorama luso, acollerá o 3 de outubro, ás 20.00 horas portuguesas, na súa sede, a lectura dramatizada da peza Castelao e a súa época, que regresa así ao lugar “onde Salvat xestou este ambicioso espectáculo, chamado a ser un dos acontecemento teatrais no Portugal de 1969, pero cuxa estrea foi prohibida pola PIDE e o director catalán expulsado do país coa súa familia”, tal e como explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, na presentación da Mostra.

Ideado como unha montaxe de teatro documental a partir de textos de grandes figuras das letras portuguesas, galegas e españolas, a singularidade do proxecto residía tamén na participación de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo na parte plástica, xunto co arquitecto Armando Alves Martins, ou de José Niza como tradutor e compositor.

A presenza de Castelao e a súa época na Mostra de Teatro Galego en Coimbra completarase cunha exposición fotográfica e unha mesa redonda na que participarán os profesores Xesús Alonso Montero e Antonio Mira Iglesias, entre outros.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Iria Sobrado e Teresa Moure. Laboratorio de Dramaturxia Posdramática. Sala Agustín Magán. Compostela, 11/05/2019. Concello de Santiago de Compostela & AELG.

Metodologias e práticas colaborativas na criação cénica

Alberto Ramos

Alberto Ramos gaña o XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais