in ,

O Salón Teatro acollerá a estrea absoluta de ‘Run Baby Run’

A montaxe do texto de Fátima Delgado é unha coprodución entre o CDG, o Teatro Español, Meninas Teatro e Proversus

Run baby run Foto de Esmeralda Martin Teatro Español reducida
'Run baby run'. Foto de Esmeralda Martin. Fonte: Teatro Español.

O equipo de Run Baby Run está a ensaiar nas Naves do Español en Matadero, Madrid, esta obra sobre a discriminación de xénero dentro do deporte que terá a súa estrea absoluta o vindeiro 6 de outubro no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela, que acollerá tamén outras dúas funcións: unha o 7 e outra o 8 de outubro. Fátima Delgado asina o texto desta peza dirixida por Jana Pacheco que contará tamén cunha xira por diferentes espazos da xeografía española e que se poderá ver na sala Margarita Xirgú do Teatro Español do 22 de febreiro ao 24 de marzo de 2024. O elenco confórmano Alba Loureiro, Camila Bossa, Celina Fernández Ponte e Daniel Méndez.

A trama de Run Baby Run sitúase uns meses antes dos Xogos Olímpicos, cando Alba, unha atleta de éxito que acaba de gañar un Mundial, é apartada da competición oficial por un feito inesperado e experimenta como se derruba o seu mundo. Acompañada pola súa inseparable adestradora, a deportista verase nunha encrucillada na que loitará por cumprir o seu soño sen renunciar ao seu verdadeiro ser. Para a dramaturga Fátima Delgado, “Run Baby Run é unha historia de ficción que trata sobre unha atleta profesional que, no mellor momento da súa carreira, é apartada da competición e agraviada publicamente por unha cuestión de xénero”.

Para a creación da obra, Fátima Delgado investigou sobre varios casos de mulleres deportistas que sufriron discriminación de xénero no ámbito deportivo, unha situación de plena actualidade, xa que, a menos dun ano dos Xogos Olímpicos de París, a algunha delas non se lle permite participar dentro da súa especialidade na categoría feminina. O texto de Run Baby Run, que xa está publicado na colección Teatro de Editorial Galaxia e vai ser presentado o vindeiro 3 de outubro en Santiago, pon o foco no deporte feminino, un tema que se prodiga pouco no teatro, e faino ademais desde unha perspectiva de xénero. Segundo a propia Fátima Delgado, “un dos motores que me impulsan a escribir é poder plasmar historias de mulleres que, desde as súas accións, ás veces aparentemente sinxelas, contribuíron a romper estereotipos na nosa sociedade”.

Nesa liña afonda a directora Jana Pacheco que ve no feminismo “unha clave fundamental de transformación social” e afirma que “Run Baby Run é unha obra que aposta por visibilizar a situación da muller no deporte e reflexiona sobre como as mulleres que non teñen un corpo normativo son dobremente discriminadas”. Alén diso, tamén salienta que é “un espectáculo contextualizado no Entroido, o cal fai que podamos investigar toda esa maxia telúrica, a fantasía que vén do entroido, da carnalidade e dun mundo onírico que nos permite levar o realismo máxico a escena, desenvolvendo unha dramaturxia visual a partir de elementos plásticos deseñados cun equipo artístico excepcional”.

O equipo

Jana Pacheco é directora escénica, dramaturga visual e historiadora da arte. Fátima Delgado é dramaturga, actriz e poeta. Ambas as dúas son profesionais acreditadas das artes escénicas, con máis dunha década de traxectoria ás súas costas, especializadas en xenealoxía de mulleres, accesibilidade e educación e cun forte compromiso feminista. A posta en escena de Run Baby Run supón a súa primeira colaboración conxunta.

runbabyrun

 

 


Publicidade

 

 

 

 

 

 

Canda elas, no equipo artístico do proxecto destacan tamén figuras como o deseñador Pier Paolo Álvaro, gañador do Premio Max 2023 a mellor deseño de vestiario polo espectáculo Ás oito da tarde, cando morren as nais, do CDG; Fernando Epelde, responsable da música e o espazo sonoro da peza; o escenógrafo Alessio Meloni, tamén galardoado este 2023 co Premio Max a mellor deseño de espazo escénico por La cabeza del dragón; o iluminador Juan Gómez Cornejo, Premio Nacional de Teatro en 2011; ou a coreógrafa Greta García, integrante do grupo Irmás Gestring, entre outras. Run Baby Run é un espectáculo coproducido polo Teatro Español, o Centro Dramático Galego, Meninas Teatro e Proversus, co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia e da Consejería de Cultura da Comunidad de Madrid.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Alberto Ramos

Alberto Ramos gaña o XXI Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais

Älex Sobrino Ana Abad de Larriva e Cora Velasco

Xerpo e o CDG estrean ‘Bailar no ceo’