in ,

Antagonista Teatro estrea ‘Insubmisa’ no Carballiño

A montaxe está baseada nun texto de Jose Vaquero, inspirado na personaxe de Medea

Insubmisa 2
'Insubmisa'

Antagonista Teatro estrea hoxe, sábado 23 de setembro, no Auditorio Manuel María do Carballiño o seu novo espectáculo, Insubmisa. Trátase dunha montaxe baseada nun texto propio escrito por Jose Vaquero, que se inspira na personaxe mitolóxica de Medea para “construír unha reflexión sobre un dos mecanismos de control máis insidiosos do patriarcado, a reconstrución do relato”.

Insubmisa preséntase co seguinte argumento: “Poida que ela cometese un crime terrible, pero a cuestión agora non é a súa culpabilidade, senón o seu estado mental. Non basta con declarala culpable. Ademais, debe quedar claro que é unha enferma, unha demente. Ninguén durmirá tranquilo mentres pensemos que pode existir alguén así. De xeito que ela permanece encerrada para ser avaliada. Trátase dun centro moderno onde a profesionalidade é incuestionable. E o autor do seu diagnóstico é un psicólogo intelixente que non está disposto a deixarse levar. Pero ela é demasiado complexa como para etiquetala. Nin o amor será cárcere suficiente para contela. Defraudar tódalas expectativas é a única vía para acadar unha liberdade que depende daqueles que escriben a súa historia. E latexando, de fondo, a seguinte cuestión: Pode ser libre unha muller se a súa historia é escrita por homes?”

A peza xoga coa estrutura clásica do “agón”, o combate verbal que vertebra as grandes traxedia da Grecia clásica. Reformula ese teatro clásico para convertelo nunha peza decididamente contemporánea, alimentada con danza e música, para conducir ao público “nunha viaxe da que non poida apearse ata sospeitar da súa propia culpabilidade”. A proposta busca alimentar as expectativas dos espectadores “para subvertelas posteriormente como único camiño cara á verdadeira liberdade”.

Insubmisa é unha avaliación sobre as posibilidades reais de ser libre máis aló de etiquetas individuais ou de xénero; “é unha denuncia sobre a gaiola de ouro que constrúe o patriarcado e sobre os estigmas que as mulleres sofren mesmo baixo unha mirada progresista. As personaxes flutúan entra a súa realidade e a nosa para amosar que son a mesma, sen adornos, sen edulcorantes. Dirixen a mirada do espectador cara a si mesmo para evitar ser consumidos polas expectativas”, segundo explican da compañía. Insubmisa “é drama, pero tamén é danza, música, vídeo e teatro social ao servizo da reflexión”, engaden.


Publicidade

O texto nace da man do arquetipo sobre Medea construído por Eurípides, que foi unha reelaboración do autor sobre o mito previo e que se fixou no imaxinario colectivo. “A través de esta historia, denunciamos como a cultura do patriarcado emprega a escritura dos relatos para crear unha superestrutura simbólica que afiance os seus valores”, avanzan dende Antagonista Teatro sobre a orientación da peza.

A compañía

Antagonista Teatro afronta con Insubmisa o seu segundo espectáculo. Debutou con Coma e Punto, peza que falaba da saúde mental e o suicidio dende unha perspectiva intimista. Afincada no Carballiño, a compañía aposta por un teatro que poña o foco na natureza do ser humano. Partindo do concreto, queremos dialogar co público sobre aquelo que nos é común a todos.

Para Insubmisa contaron cunha dupla ao cargo da dirección formada pola bailarina Marta Alonso e o director de escena Pepe Domínguez. Iria Sobrado é a protagonista de Insubmisa, encabezando un reparto que se completa con Jose Vaquero e Javier Octavio de Toledo. A cargo do deseño da escenografía, o vestiario e a iluminación da peza está Diego Valeiras; mentres que Christian Casas é o compositor da música orixinal. Completa o equipo Aitor-Víctor Fernández, que asumiu a creación audiovisual e o deseño gráfico do traballo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Älex Sobrino Ana Abad de Larriva e Cora Velasco

Xerpo e o CDG estrean ‘Bailar no ceo’

Foto: arquivo do grupo de teatro Comunitario A Comuna.

Ás voltas co teatro comunitario