Quico Cadaval, referente internacional da narración oral, comeza a celebración dos seus trinta anos contando historias cun espectáculo especial hoxe, martes 26 de setembro, no Teatro Principal de Santiago ás 20:00 horas. A Asociación Memoria Atlántica, organizadora do Festival Atlántica, argalla coa colaboración da Agrupación Cultural O Galo e o patrocinio do Concello de Santiago unha función que aspira a ser “unha homenaxe, un agradecemento e unha celebración das boas historias”. A entrada é gratuíta, mediante convite, aínda que, debido ao éxito da convocatoria, os convites xa están esgotados. Dende a Asociación Memoria Atlántica recomendan ás persoas que quedaron sen entrada que, se o desexan, se acheguen ao Teatro Principal, xa que minutos antes de empezar a función, “de haber butacas baleiras, abrirase a porta e permitirase a entrada para ocupar os sitios libres”. Ademais, aínda que o espectáculo estaba concibido como unha función única, dende o Festival Atlántica veñen de anunciar que están a argallar unha nova función para as persoas que non poidan asistir á de hoxe.
En 30 anos a contar historias. Notas de rodapé, alén de agasallar aos asistentes cun feixe dos seus mellores contos, Cadaval vai deixar aberta a porta á participación do público, que está convidado a depositar na entrada do teatro as preguntas que desexen. No transcurso da noite, algunhas delas serán seleccionadas ao chou e respondidas sobre a marcha por Cadaval. Así pois, o que aconteza no escenario vai ser unha mestura da habilidade improvisadora do artista e das características da propia pregunta. “Todo pode pasar nesta noite única e moito do que ocorra dependerá da capacidade creativa do público”, avanzan dende a organización.
Un gran contador de historias
Quico Cadaval é contador de historias, director de escena e dramaturgo. Comezou o seu traballo a mediados dos anos 80 baixo o mestrado de Xoán Cejudo, que estimulou o seu autodidactismo. Como contador de historias saíu do café Atlántico e dende aquela espallou a narrativa galega por festivais tan importantes como o Iberoamericano de Bogotá, o FILBA de Bos Aires e as Palavras Andarilhas de Beja.
Cadaval leva desenvolvendo desde os anos noventa un tipo de espectáculo unipersoal a medio camiño entre a narración tradicional, a épica escénica e o cabaré literario. Un espectáculo de narración oral que se foi transformando nos últimos quince anos para se ir acomodando ás circunstancias ambientais, ás inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público.
A Asociación Memoria Atlántica é a impulsora do Festival Atlántica e da celebración do Día Internacional da Narración Oral en Galicia. Con esta festa das historias pretende retomar os ciclos de contacontos que antes da pandemia tiñan lugar ao longo do ano e nos que participaban artistas non só galegos, senón tamén do resto da Península e da outra beira do mar. Fiel ao seu espírito colaborativo, nesta primeira función do Ciclo de Outono xunta esforzos coa Agrupación Cultural O Galo.