Non sei cortar chopped, non sei dar ben unha masaxe, tampouco sei cambiar a buxía dun coche, nin poñer un catéter, eu non sei deseñar un robot nin tramitar un expediente de primeira ocupación.
Eu prepareime para ensinar e xestionar no ámbito da cultura e da educación, con criterio e responsabilidade. Sei como encher un teatro, pero algo máis ca iso, tamén sei. Para min iso non é o culmen. Non debería selo en ningún servizo público. Mais, si, debo ser desa clase de profesionais que insulta e despreza o actual alcalde de Ourense etiquetado como “culturetas” nas súas redes sociais por defender e explicar que os servizos públicos teñen obxectivos e deberes diferentes a unha promotora privada. Debo ser iso, porque non aplaudo a rachar por un teatro cheo de vez en cando. Son, pola contra, un profesional que defende, cultiva, ensina e traballa para os dereitos culturais das persoas de moi diversa condición e situación no día a día. Cidadás e cidadáns en situacións diferentes, pero cos mesmos dereitos. Tamén, as que non están de recheo para a foto que o político quere facer para presumir…
Encher un teatro está ben. Seguro que o sabe facer moita xente. Non só un alcalde ou un concelleiro. Moita xente. A Dirección Artística dun centro cultural, ou dun teatro, ou dun museo, iso xa non calquera. Seguro que o Ministro de Cultura francés non sabe dirixir o festival de Avignon. Non pasa nada…
Encher un teatro é un éxito. Garantir a pluralidade na cultura, é unha responsabilidade pública.
Encher un teatro pode pasar un día, dous, tres, todos. Cantos máis mellor, por que non?
Equilibrar, soster, planificar, intervir en igualdade, favorecer a participación, ter un criterio e unha capacidade para crear coñecemento ou progreso social alén do entretemento (lecer a prezos elevados para uns poucos privilexiados, normalmente) debe acontecer todos os días do ano en calquera organismo público.
Quizais veuse tomando moi á lixeira durante tempo a capacidade de intromisión e desprezo a quen debería traballar técnica e diariamente, con recursos suficientes, nestes dereitos constitucionais e permitiuse desprazar as direccións técnicas-artísticas por calquera outro perfil que con “bo gusto” encha o torreiro, que saiba organizar a festa.
Ademais de Ourense, a última acción perpetrada por un organismo público contra o perfil técnico das Direccións Artísticas ten que ver co sucedido no programa VigoCultura. A propia figura política eventual do Departamento de Cultura despraza as responsabilidades e obrigas depositadas por esta figura técnica, a Dirección Artística ou programadora ou como queiramos chamarlle, nunha solución á desesperada para que a cidade non quede sen actividade no seu Auditorio. Unha convocatoria sen informe xurídico, sen baremación clara, sen criterios de mediación e con escasa transparencia, aparece no escenario despois de perder o ente municipal (por non saber, por non contar, por non substituír, por non escoitar, por tirar para diante que malo será, porque iso sabe facelo calquera, porque iso é como escoller os concertos de Castrelos…), as axudas do programa PLATEA do Ministerio de Cultura e as axudas da RGTA da AGADIC.
Ourense e Vigo son dúas cidades nas que se concentra unha boa parte da poboación galega. Son cidades que parecen, con todos os respectos pola verbena, o palco da festa dunha parroquia con cartos para pagarlle á Panorama a actuación do 15 de agosto. Cando vemos as estratexias de cultura de cidades europeas, baseadas na pluralidade de espazos, dinámicas e servizos, redes, colaboracións interdisciplinares, independencia curatorial, tomamos consciencia do sentido que se lle está a dar á cultura nestas dúas grandes cidades galegas: cultura como festa rachada, cultura do over booking, cultura de moitas pantallas para que o balbordo abouxe e afogue a voz discrepante, técnica, cultureta…
Algúns políticos en exercicio desprezan e desprazan no uso temporal do seu poder a algúns perfís profesionais coma estes. Algúns, mesmo desprezan a secretarios e interventores, por seren demasiado exquisitos ou pulcros no seu traballo. Por ditaminaren informes sobre certos asuntos que se deben axustar a dereito. Por velaren polo bo uso e transparencia dos procesos de concesión ou licitación. Por fomentaren un espírito de transparencia e igualdade de oportunidades. Por garantiren o beneficio comunitario do investimento público.
Coido que debemos unha desculpa colectiva, un agarimo, un recoñecemento colectivo a quen o padece en primeira persoa. As persoas que estaban a levar a súa tarefa como programadores/as ou Directoras/es artísticos neses Auditorios municipais desas dúas cidades, hoxe non están alí. Por diversos motivos. Non están. Foron desprazados/as, anulados/as, insultados/as, desconsiderados/as. Se non están, o mínimo que debería facer unha institución rigorosa é substituílos, buscar unha figura e un perfil similar que dignifique o seu oficio, as súas funcións, o rol dun perfil profesional do que seguramente haberá que falar máis e mesmo prescribir lexislativamente (coma o dun bibliotecario/a ou técnico/a de integración social) nunha normativa marco (tarefa pendente). A xestión e os dereitos culturais, nas Artes Escénicas, como se pode ver, están desamparados, ao arbitrio de quen quere facer e festa ao seu xeito e non tanto garantir dereitos. Para iso tamén están as Escolas de Arte Dramática, a elaboración de repertorios, os Mestrados Universitarios de Xestión Cultural. Pero falta unha Lei marco de dereitos e deberes para que todo case. Para que todo calme. Para que isto cese.
Cando unha parte de “profesionais” da política asuman que a súa xestión e rumbo cultural (que nos pode gustar ou non) poden levalo a cabo, loxicamente, baixo o amparo e o acubillo da deontoloxía e as boas prácticas de técnicos de cada área, entón poderemos dar o paso dunha carnizaría de anacos tronzados e pezas desgarradas a un sector da cultura respectado, no que en lugar de bestiarios de animaladas e churrascada a fartar, teñamos unha diversidade (discrepante) de ofertas e servizos que nos fagan ser unha civilización de progreso, festiva, pero rigorosa.
Que fermosa, clara e necesaria reflexión! Pásoa aos meus contactos. Moitas grazas