in

O Teatro Rosalía Castro acolle este venres 26 de xaneiro a estrea absoluta de ‘Non é unha canción’, da compañía Souvenir

O proposta teatral de Souvenir recibiu o Premio do V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal da AELG, consistente na estrea do espectáculo no Teatro Rosalía de Castro

Imaxe cartel 'Non é unha canción' da Cía. Souvenir.
Imaxe cartel 'Non é unha canción' da Cía. Souvenir.

A compañía galega de teatro contemporáneo e artes do movemento dirixida por David Alonso e María de las Llanderas presenta na Coruña o texto premiado no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

A peza poderá verse o venres 26 de xaneiro, ás 20.30h

En Non é unha canción Souvenir explora o universo do turismo de masas e a intelixencia artificial a través do seu particular humor ácedo e absurdo

O Teatro Rosalía Castro da Coruña reflexiona sobre o turismo de masas e a intelixencia artificial a golpe dun singular humor ácedo e absurdo coa estrea absoluta do espectáculo Non é unha canción, da compañía Souvenir. A peza poderá verse na sala herculina o venres 26 de xaneiro, ás 20.30h.

O texto de Non é unha canción foi premiado no V Festival Pezas dun Teatro do Porvir, Galiza + Portugal da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O galardón supón a estrea do espectáculo no Teatro Rosalía Castro este mes de xaneiro. A posta en escena da peza conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia e coa colaboración de ACT Galicia.

Souvenir é unha compañía galega de teatro contemporáneo e artes do movemento dirixida por David Alonso e María de las Llanderas. A formación traballa para crear un espazo de encontro e de experimentación lúdica. Interésalle aquilo que está fóra do entendemento racional e da lóxica psicolóxica. A intuición, o azar, as artes do movemento e a súa combinación coa palabra son algúns dos eixos que vertebran o seu traballo. Souvenir procura unha forma de estar no mundo improdutiva, inútil e festiva. Aos seus creadores e performers encántalles recoller estímulos accidentais da rúa, aos que chaman “souvenires”, e que son a materia prima das súas pezas.

Con Non é unha canción, a compañía busca abrirse a un xeito de traballar onde a intuición, o xogo e o inconsciente teñan un rol principal. Experimentan co humor absurdo e existencialista para reivindicar unha forma de estar no mundo improdutiva e inútil, porque pensan que no século XXI non hai nada máis antisistema que perder o tempo.

Unha serie de preguntas guiaron o proceso de creación do seu novo espectáculo: se no escenario puidésemos facer o que realmente quixéramos, sen ningún tipo de limitación, cales serían as nosas fantasías máis salvaxes? Que sucede cando os universos creativos de dúas persoas teñen que confluír para materializarse? Como chegamos a acordos para reflectir as nosas inquedanzas comúns e individuais? Como podemos sorprendernos e chegar a lugares fóra da nosa zona de confort como creadoras?


Publicidade

Dentro desta deriva, apareceron dúas temáticas principais: a relación que temos coa tecnoloxía e o universo estético das vacacións masificadas. En moitos casos, a nosa relación coa tecnoloxía está tinguida por certa violencia de baixa intensidade. Se unha intelixencia artificial pode escribir un diálogo, substituír a cara dunha actriz nun filme pola miña, ou deseñar unha coreografía, cal é o futuro do meu sector? Está claro que hoxe en día o rápido desenvolvemento tecnolóxico provoca certa inseguridade e inquedanza. Porén, non só polo seu rápido desenvolvemento, outras cuestións relacionadas coa nosa percepción do que é ‘real’ tamén agroman no debate. Que lugar queremos que ocupe a tecnoloxía na nosa sociedade e a que lugares non deberiamos renunciar?

SOBRE A COMPAÑÍA 

Souvenir é unha compañía galega de teatro contemporáneo e artes do movemento dirixida por María de las Llanderas e David Alonso. Ten o seu espazo de traballo en ACT Galicia (Escola de Actores, Cine e TV).

O punto de partida da compañía é a amizade que os une desde a primeira vez que puxeron xuntas un pé nunha aula de teatro, no 2007. Este espírito lúdico e punk que as posúe na sala de ensaios reflíctese na súa estética, debedora do teatro máis plástico e visual das compañías da vangarda galega dos últimos vinte anos. Seguindo esta xenealoxía, apostan por dramaturxias híbridas, que combinan artes do movemento, palabra e performatividade, e por rachar coa xerarquía tradicional dos signos escénicos. A experimentación textual, que se afasta da lóxica dramática producindo un efecto de estrañamento, é outra característica dos seus traballos.

Como fans do cinema, tamén se senten inspiradas por algúns dos directores e directoras máis excéntricos, por artistas que dirixen filmes con atmosferas únicas que abren portas a universos creativos moi persoais. Para imaxinar como se xuntan estas influencias no traballo de Souvenir, basta con pensar nos Monty Phyton e David Lynch saíndo de festa no bar de Roy Andersson.

A compañía aposta por unha recepción polisémica e aberta do teatro e por colocar aos espectadores en lugares inesperados, incómodos e sorprendentes que demanden unha actitude activa e imaxinativa pola súa banda. A experimentación, a metateatralidade e o xogo coas expectativas do público son parte fundamental da súa identidade. Por iso o seu traballo é divertido, pero tamén estraño, raro e inquietante, difícil de resumir en poucas palabras.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Premio María Casares

Os Premios María Casares rexistran a maior participación da súa historia

Imaxe de Drew Jemmett

Doce uvas