in

Nus

Para cando non teñas cartos para ir a terapia

'Nus' de Cèlia Marcé Oller
'Nus' de Cèlia Marcé Oller

O espectáculo Nus (nós) da trapecista Celia Marcé é unha proposta de circo que explora a perda dun ser querido e a dor que esta produce. Ela soa (xeralmente) enche o escenario con acrobacias, humor e poesía. Tiven a oportunidade de ver esta peza o venres 2 de decembro na VIII edición do D10!, organizado por Pista Catro.

Nus atopou nós no meu interior que nin eu sabía que existían, así que estiven chorando medio espectáculo. Supoño que dentro de todos nós existen estes nós que descoñecemos e para atopalos hai que ir a terapia. Ou ao teatro. Persoalmente prefiro o teatro, é máis barato.

En todo caso, Celia consegue tocar por dentro porque ela se abre e nos amosa todas as súas vísceras nesta peza. Nus é unha obra tremendamente honesta e é por iso que conmove. Facer unha creación destas características non é sinxelo. A autoexploración que hai que facer para que o resultado sexa de calidade pode ser exhausta e, incluso, dolorosa e só por iso xa merece ser valorada.

Se nada disto serve de motivo para ver Nus, podería selo o traballo co trapecio de Celia. Con este consegue sacar gargalladas, caendo mentres reflexiona sobre o paso do tempo, ou poesía, ao son de Perfect Day de Lou Reed.


Publicidade

A poesía tamén se xera co visual e con poucos elementos: un cabalo, un trapecio, ela mesma e a luz. Esta última destaca por dotar de emoción a escena, pero de xeito simple. O deseño de luces está feito coidando o detalle e con agarimo, e iso nótase no escenario. O espazo sonoro tamén pode ser destacado, e, como a iluminación, acompaña ao espectador a transitar as emocións e sensacións que Celia nos propón.

E se nada disto convence, podemos poñernos utilitaristas. Nus dura tan só corenta minutos e nese tempo consegue facerte sentir triste, abraiado e ledo. Non perdes moito tempo no teatro, e así podes investilo en cousas máis útiles. Como ir a terapia.

En conclusión, Nus é un traballo feito con agarimo e honestidade, que dá como resultado un espectáculo fermoso, que chega a zonas do noso interior que quizais non sabiamos nin que estaban.

Nus 

Dirección artística e intérprete: Cèlia Marcé Oller

Acompañamento artístico: Pau Portabella i Gina Vila

Espazo sonoro: Bru Ferri

Confección máscara: Marta Lopez

Deseño de iluminación: Gabriela Bianchi

Rexedoría: Gerard Roca

Produción executiva: Anna Castillo

Salón Teatro. Compostela, 2 de decembro 2023 na VIII edición do D10!,
Diana Longa

Diana Longa

(Vigo, 2001) estudante de Dirección Escénica e Dramaturxia na ESAD de Galicia. Formada en música, sobre todo canto. Cofundadora do podcast Isolda, Diana e Martín viven nun mocasín.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Encontro Clásicas Desfeitas. Cidade da Cultura Rocío Cibes 24/01/24

O ciclo Clásicas Desfeitas renova o Hamlet de Cunqueiro facendo mestizaxe de teatro e videoxogos na Cidade da Cultura

Imaxe da Mostra sobre a Investigación en identidade de xénero. Lorenzo Negueruela.

Impresións arredor da investigación sobre a identidade de xénero