in ,

Impresións arredor da investigación sobre a identidade de xénero

“Quédanos un sabor de boca marabilloso e moitas preguntas aínda sen responder”

Imaxe da Mostra sobre a Investigación en identidade de xénero. Lorenzo Negueruela.
Imaxe da mostra sobre a investigación en identidade de xénero. Foto de Lorenzo Negueruela.

A investigación teatral sobre identidade de xénero foi un proxecto impulsado pola EFFEA (Fondo de Festivais Europeos para Artistas Emerxentes), e en colaboración co Festival Galicreques que consistiu en seis sesións de investigación teatral gratuíta, unha sesión de recompilación de materiais e dúas mostras a público: unha no teatro Constante Liste de Teo e unha na Gentalha do Pichel en Santiago de Compostela. Todo isto dirixido pola compañía de teatro Nauta e o artista drag e actor Nico Elsker.

A investigación, que tivo lugar entre o 18 e o 23 de decembro de 2023, centrouse na identidade de xénero dende a expresión teatral, en concreto a máscara teatral dende diferentes perspectivas: partindo da máscara neutra, a máscara expresiva, a media máscara até a máscara corporal como poden ser o bufón ou o drag.

Escollemos a máscara como o elemento nuclear para a investigación por varios motivos. En primeiro lugar porque a máscara é un elemento transformador: transforma o corpo, que precisa de poñerse ao servizo dela e a súa dinámica. Nesa metamorfose observamos un lugar ideal para investigar os corpos e en concreto o constructo de xénero. A máscara é a representación perfecta dos arquetipos e estereotipos sociais e por iso con ela poderemos poñelos en dúbida, deconstruílos e investigar que hai debaixo. Outra parte do traballo estivo dedicada á investigación de elementos do día a día que teñen un xénero asociado e que tamén poden actuar como máscara como poderían ser uns zapatos de tacón ou un bigote.

A investigación levouse a cabo cun grupo de 15 persoas voluntarias de diferentes idades. As cinco primeiras sesións foron dirixidas por Nauta, nas que propuxemos unha viaxe dende o máis abstracto até o máis concreto, e a sexta foi dedicada ao drag e dirixida por Nico Elsker. Dentro de cada sesión houbo un espazo para debater e reflexionar sobre as diferentes inquedanzas que a temática xeraba dentro do grupo.

O grupo entendeuse moi ben dende o primeiro momento, participaron de xeito moi aberto e xeneroso, deixáronse levar polas dinámicas propostas e aportaron ao avance da investigación cos seus intereses persoais. Xerouse un espazo onde a xente estaba aberta a xogar e debater sobre a temática.

Ademais, as persoas participantes manifestaron sentirse moi cómodas durante todo o proceso: había xente que nunca fixera teatro e que comezou o proxecto con medo, pero que se sentiu moi arroupada grazas á sinerxía que se xerou no grupo. No xeral, ao principio do proxecto o común foi manifestar rexeitamento cara aos estereotipos de xénero, especialmente cando se trataba de representar a masculinidade, mais pouco a pouco foron quen de xogar e de explorar dentro dos estereotipos e atopar o seu xeito de poñelos en cuestión. Dixeron aprender moito sobre eles mesmes e gañar empatía sobre as diferentes situacións de cada persoa e, para nós, foi un auténtico pracer poder ver como o grupo avanzaba e cada participante iba poñendo as súas teimas sobre o escenario.


Publicidade

O noso xeito de levar as sesións tamén foi evolucionando, escoitando as necesidades que o grupo amosaba. Cada día ao acabar as sesións reuniámonos e reconduciamos a sesión seguinte. Deste xeito, tamén xeramos unha dinámica horizontal na que nós iamos aprendendo e investigando en conxunción co grupo.

As mostras, que se realizaron un mes despois da propia investigación, tiveron como obxectivo compartir parte do proceso co público, sen a pretensión de amosar un espectáculo. Ao final das mesmas, houbo un coloquio no que o público podía participar e opinar sobre o que acababan de ver.

Tanto a investigación como a mostra e os coloquios levaron ás persoas participantes e ao público a reflexionar e falar sobre temas tan de actualidade como a LBGTfobia, o machismo ou a fórmula e o cuestionar o binarismo de xénero.

Despois deste proceso quédanos un sabor de boca marabilloso e moitas preguntas aínda sen responder. Este foi o noso primeiro paso no desenvolvemento deste proxecto comunitario que sentimos moi necesario e que queremos seguir desenvolvendo co obxectivo de crear un lugar onde colocar o teatro ao servizo do pobo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

'Nus' de Cèlia Marcé Oller

Nus

'Bantu' de Victor Hugo Pontes

Começa o XIII GUIdance 2024 de Guimarães de 1 a 10 de fevereiro