in ,

Sarabela Teatro estrea ‘O dragón de ouro’, de Schimmelpfennig

É a primeira vez que se escenifica en galego unha obra do dramaturgo alemán

Foto Sarabela Rolda O dragón de ouro
Presentación da montaxe da peza 'O dragón de ouro'. Foto de Sarabela Teatro.

Sarabela Teatro trae ao galego por vez primeira o prestixioso dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig, ao levar a escena un dos textos máis destacados do que é o autor xermano vivo máis representado a nivel internacional: O dragón de ouro. O espectáculo, cuxa estrea terá lugar no Teatro Principal de Ourense o vindeiro venres 23 de febreiro ás 20.00 horas, preséntase como “unha traxedia contemporánea que mestura o ton perfomático con elementos grotescos”. Abórdase así para achegarlle ao público “unha fonda reflexión sobre temas esencias no debate social actual”. Así o adiantou esta semana Ánxeles Cuña Bóveda, directora do espectáculo, nunha presentación que fixo Sarabela da montaxe, acompañada do director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, e a directora do Teatro Principal, Olga Mojón.

Cuña Bóveda na súa intervención, tras agradecer o apoio das institucións que apoiaron o proxecto, tamén puxo en valor “a inestimable colaboración que tiveron por parte do Goethe Institut Madrid”, e enxalzou a tradución realizada por Catuxa Pato. A directora, ademais, puxo o foco nos temas de calado que aborda a montaxe, “que van dende a inmigración ilegal á prostitución forzada, pasando pola natureza cotiá das relacións humanas”.

Este corpus temático esmiúzao Schimmelpfennig “cunha clara vontade de romper moldes dende o punto de vista escénico”. Neste senso, Ánxeles Cuña puxo en valor “o uso intelixente do humor ao longo do texto, a suxestiva mestura coa que se combina a fantasía coa realidade e o personalísimo traballo dramatúrxico do autor”, que comparou co encaixe de Camariñas “polo complexo que resulta unir todos os fíos que tecen a peza”.

Sarabela Teatro, que conta co apoio da Xunta a través das axudas á creación escénica, representará a obra tamén o sábado 24 de febreiro ás 20.00 horas e o domingo 25 ás 19.00 horas. As entradas para as tres funcións, enmarcadas na Rede Galega de Teatros e Auditorios, xa están á venda.

Cinco intérpretes para 15 personaxes

Ánxeles Cuña Bóveda dirixe cinco intérpretes para levar á escena unha das obras máis representadas a nivel internacional do recoñecido autor xermano. Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fernando González e Fran Lareu conforman o elenco da montaxe. O elenco enfrontarase a un reto escénico trepidante: encarnarán 25 personaxes diferentes nunha sucesión de 48 escenas para cruzaren 23 personaxes.

O equipo da montaxe tamén inclúe a Iris Branco, como responsable de escenografía e vídeo arte; Laura Iturralde, ao cargo do deseño de iluminación; Ruth Díaz Pereira, que asina o vestiario; Renata Codda Font, responsable do campo sonoro, e Vadzim Yuknevich, á fronte da composición musical. Ademais, Rut Balbís encárgase do asesoramento de movemento e María Peinado, da asesoría no texto.


Publicidade

O autor e a peza

Roland Schimmelpfennig (Göttingen, 1967) é o autor alemán vivo máis representado a nivel internacional. As súas obras foron levadas a escena en máis de corenta países. Ademais de ao teatro, o autor dedicouse tamén o xornalismo. O venres 23 de febreiro estará en Ourense para acudir á estrea de Sarabela Teatro.

Sinopse: O dragón de ouro carece dunha trama convencional, xa que se  presenta unha rápida sucesión de escenas cun ritmo cinematográfico áxil e vertixinoso. A obra comeza a primeira hora da noite nun restaurante de comida rápida asiática, situado nun edificio de varios pisos, nalgún lugar de Europa.

Na cociña deste restaurante, chamado O dragón de ouro, un mozo chinés sofre unha forte dor de moas. Non ten permiso de residencia e tampouco atopa a súa irmá desaparecida. Xusto enriba do establecemento, un ancián quere retroceder no tempo, mentres que a súa neta, grávida, está diante das ruínas da súa relación porque o seu mozo non quere fillos. No piso de abaixo, un home abandonado pola súa muller, visita ao seu amigo, un tendeiro enigmático que obriga unha moza a se prostituír. Así, diferentes historias ao redor dunha mesma veciñanza sucédense en escena até chegar a un final inesperado, sorprendente e tamén poético.

Próximas datas

O dragón de ouro, tras a estrea en Ourense, xirará por diferentes escenarios galegos. Así, o 22 de marzo visitará Negreira, o 20 de abril chegará Narón, o 27 de abril poderase ver en Celanova ou o 24 de maio en Neda. Xa no segundo trimestre do ano, O dragón de ouro xirará por Outes, Ribeira ou A Cañiza.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

escena |

A Agadic convoca as axudas para a distribución das artes escénicas

As que limpan de A Panadaría

As que limpan