in

As que limpan

“Es el turista el que elige el hotel y es el hotel el que elige al turista”

As que limpan de A Panadaría
'As que limpan', de A Panadaría. Foto: Pilar Abades

Miércoles antes de almorzar

Una niña fue a jugar

pero no podía jugar

porque tenía que barrer.

Así barría así así,

así barría que yo la vi.


Publicidade

Miliki, Fofó, Fofito e compañía presentaban esta canción no programa Los Payasos de la Tele para que os mais pequenos aprendesen os días da semana. Quizais non reparaban que a protagonista era sempre unha nena, que nunca podía xogar porque unha tarefa doméstica (pasar o ferro, recoller, cociñar, coser) tiña máis urxencia ca o xogo infantil. As que limpan, o novo espectáculo da compañía A Panadaría, sitúa a muller no centro do universo para reivindicar a súa situación laboral como traballadora explotada polas grandes industrias hoteleiras. Para isto propón unha sátira utópica onde un grupo de camareiras de piso levan a cabo unha loita organizada para mellorar as súas condicións laborais.

As camareiras de piso Lili, Carme e Isabel deciden manifestarse o día que o seu xefe, Aparicio, lles nega unha reunión para negociaren as súas condicións laborais, precisamente o mesmo día que o presidente ven de visita ao hotel La Jota. Ese día o presidente mantén unha rolda de prensa, proba a auga do Atlántico, xoga ao golf e vai á sauna, é dicir, unha desas visitas que quedan ben no xornal. A peza amosa tamén outra realidade. Unha realidade que adoita agocharse debaixo da alfombra: a vida cotiá das camareiras de piso, a saúde mental e física pola sobrecarga de traballo, a inexistencia dos seus dereitos laborais, a precariedade do sector, as situacións incómodas coa clientela ou o feito de non ter voz para o xefe.

Areta Bolado, Ailén Kendelman e Noelia Castro, fundadoras da compañía, interpretan con destreza e axilidade a máis de dez personaxes, que as tres intercambian ao longo da obra, incluíndo o público coma un personaxe máis. Como elas mesmas indican, “amasan un teatro que renuncia aos elementos escenográficos para rebordar humor acedo, música vocal e unhas interpretacións lúdicas e habilidosas que nos levan por un camiño de transgresión hilarante e profundamente político”.

Un dos aspectos máis salientábeis deste espectáculo é o emprego da música vocal orixinal (composta por Ailén Kendelman). Kendelman, crea, compón e integra as pezas musicais así como as partes narradas con música e certas onomatopeas acompañada en escena por Castro e Bolado. A música vocal resulta nunha das principais claves de comicidade achegando ademais dinamismo e verosimilitude. Mais non deberiamos esquecer o traballo vocal das actrices. Estas aproveitan a riqueza dialectal do galego para faceren uso das súas variantes: Isabel fala con gheada e seseo, Carme e Aparicio falan a variedade estándar, Lili, en cambio fala español con acento da Arxentina e o Presidente emprega a variedade estándar do castelán. O traballo vocal xunto coa meticulosidade creativa na composición física de cada un dos personaxes resultan atractivos para o espectador e fan que conectemos con eles con facilidade.

A resolución do conflito dáse ao confluíren as dúas tramas nunha soa grazas a un despiste entre o Presidente e Aparicio e a axilidade dunha das traballadoras, Mariluz, para empregalo como beneficio propio e das demais compañeiras. Dende o teatro, as actrices ofrecen a súa voz para poñela ao servizo das traballadoras explotadas do sector hoteleiro e reivindicar unha situación político-social do noso tempo. Para logralo, buscan na propia sociedade as referencias intertextuais necesarias que conectan coa mencionada vida cotiá. Camuflados Rajoy, Maradona, o rei emérito, ou Ana Botella agardan quentando o banco para saír a escena.

As que limpan, A Panadaría

Creación e interpretación: Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman.
Apoio dramatúrxico: Paula Carballeira
Música orixinal: Ailén Kendelman
Caracterización e vestiario: Esther Quintas
Escenografía: Beatriz de Vega
Axudantía de escenografía: Daniela Rodas
Iluminación: Del Ruíz
Asesoría lingüística: Rosa Moledo
Asesoría de movemento: Clara Ferrao
Produción: Ailén Kendelman
Axudantía de produción e documentación: Celina F. Ponte

Mostra de Teatro de Ribeira. 24 de novembro de 2023.

Sara Santamaría

Sara Santamaría

Actriz, creadora e filóloga de inglés. Formada en Espazo Aberto (Santiago de Compostela) e en Central de Cine (Madrid) ten experiencia no eido audiovisual en series como Amar es para siempre , Augasquentes; e o spot publicitario de Gadis (2021). No eido teatral participou na obra Antigona de El Desván producciones, e conta cunha peza de creación propia, El valle de la silicona, á vez que está a traballar na dramaturxia do seu próximo proxecto. Na actualidade está a finalizar os seus estudos de interpretación textual na ESAD de Galicia.

"Escribo para expresarme, para comunicar e deixar pegada; así comezo a colaborar coa revista 'erregueté'".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto Sarabela Rolda O dragón de ouro

Sarabela Teatro estrea ‘O dragón de ouro’, de Schimmelpfennig

Foto Familia Finalistas Premios María Casares 2024 red

A AAAG desvela as candidaturas finalistas dos Premios de Teatro María Casares de 2024