O pasado 21 de xuño foi a estrea do último espectáculo de rúa de Teatro de Ningures, O buscador de illas, dentro da programación da Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, na Alameda Vella de Cangas, a cal tivo grande afluencia e expectación por parte do público.
Teatro de Ningures, que este ano celebra o seu 40º aniversario enriba das táboas, tráenos un espectáculo de carácter familiar dirixido por Salvador del Río. O espazo escénico, a Alameda, que conta cunha pequena embarcación, é dicir, unha gamela, (Pablo Giráldez encárgase da escenografía e attrezzo en escena) como principal elemento escenográfico e onde se vai desenvolver toda a peza.
Lois Soaxe interpreta un personaxe solitario, Xacio, quen navega nun barco na busca das illas perdidas a causa do aumento do nivel do mar, e responde á necesidade de facer algo cando non hai ninguén que o faga. Coa bandeira de heroe enriba, vai acompañado por dous personaxes máxicos, Carocho e Pailona (Martín Blanco e Carlota Rosón), que axudan, enredan e desenredan o noso protagonista, mediante xogos, malabares e as accións propias do clown, á vez que interpretan outros personaxes que nos sitúan na realidade de Xacio: descubrimos a muller, o fillo, ou os animais mariños que atopa na súa travesía.
A través dos ollos de Xacio, a peza lévanos por unha viaxe, atopando illas asolagadas, illas de plástico, unha tormenta, e no medio de todo aquilo, a esperanza depositada nuns ovos de tartaruga. Estes van ser o fío condutor, o cambio de rumbo, o propósito de Xacio: salvar os ovos de tartaruga e con iso que queda da humanidade, da vida mariña nesta realidade distópica.
Concibido como un espectáculo sen texto, este é substituído polas accións e a xestualidade dos personaxes, con Héctor Pazos, acompañándoos na composición musical, a cal se ocupa de darlle ambiente e harmonía á peza.
Con todo, a peza deixa un pouso agradable, cómico e deseñado tanto para as crianzas como as persoas adultas. O teatro de rúa chega á sociedade quizais máis axiña que o propio teatro convencional, porque está presente, xorde de maneira inesperada, e fai de unión entre o teatro e a comunidade.
A compañía ten previsto facer unha xira nestes meses de verán; o 28 de xuño estivo en Aldán, o 4 de xullo en Meira e o 8 de agosto estará en Moaña, ao que agardamos saian novas datas no noso territorio.
- O buscador de illas - 05/07/2026
- Oh, Mammi Blue - 22/04/2026
- Stand-up comedy en Edimburgo - 24/08/2025


